Unha aposta clara polas enerxías limpas e unha mellora na xestión dos fondos europeos, que foron, asegurou, desperdiciados pola Xunta. Esas foron as claves que o candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou este sábado na Coruña para a reindustralización de Galicia no caso de gobernar o país logo das eleccións do 18F.
Foi a proposta que debullou durante o faladoiro que mantivo xunto á vicepresidenta primeira e ministra de Facenda do Goberno de España, María Jesús Montero, e o eurodeputado galego do PSOE, Nicolás González Casares, na Conferencia Política que os socialistas celebran esta fin de semana en Galicia.
Nunha charla centrada na modernización e a reindustrialización, o debate xirou en numerosas ocasións cara á situación de Galicia, que Besteiro lembrou que "medra menos que a media española" e conta, nesta altura, coa mesma poboación ocupada "que cando marchou o presidente Touriño, hai quince anos".
Besteiro denunciou a falta de política industrial da Xunta, a perda de boa parte das axudas para políticas de emprego e o desaproveitamento dos fondos europeos
"Perdemos o 20% do emprego na industria porque nunca houbo política industrial", dixo o candidato socialista que citou o "non cumprimento do orzamento" por parte da Xunta como unha das causas. "Un terzo das axudas para políticas de emprego non se cumpren e eses cartos devólvense a Europa", advertiu.
Así, Besteiro defendeu unha Xunta que actúe como partner do mundo empresarial, que sexa “acompañante activo e dinamizador”, co obxectivo de incrementar o peso relativo do PIB dende o 15% ao 20% que marca Europa e criticou os "recortes sociais e a inacción do PP", que exerceu como "muro" para as posibilidades económicas e industriais do país.
Besteiro aposta polas sociedades públicas e promete a creación dunha "de enerxía" que apoie proxectos estratéxicos e que "dea cabida a concellos e entidades locais"
Ademais, o candidato do PSdeG prometeu a constitución dunha "sociedade pública de enerxía que apoie os proxectos estratéxicos" para o país vinculados á transición verde, como os eólicos, e que "dea cabida a concellos e entidades locais co máximo respecto ao medio ambiente". "Impulsemos sociedades públicas; temos moito que facer e moita ambición", asegurou, para reivindicalas máis alá do ente privado Impulsa Galicia.
Tamén se comprometeu Besteiro un organismo de xestión dos fondos europeos en Galicia que garanta recursos, simplificación normativa e axilizar os proxectos comunitarios para “facelos tanxibles”. Advertiu que “Galicia necesita que os fondos cheguen á economía real” e que a Xunta deixe de actuar como “atasco”, xa que, segundo dixo, "desaproveitou 5 de cada 10 euros dos fondos comunitarios" para fixar poboación a través da nova industrialización.
Por outra banda, aposta por que a “oportunidade” de Galicia reside na “variedade” da súa potencialidade, xa que “Galicia é a enerxía, pero tamén o naval reactivado de Navantia e as súas industrias derivadas”, ademais de sinalar ao I+D que representa a Aesia na Coruña ou os Pertes dos chips en Vigo, do automóbil de Stellanti, o Perte agroalimentario da industria láctea galega ou un sector forestal esencial en España e en Europa.
Tamén reivindicou, "sen complexos", a colaboración e o traballo conxunto de Galicia co Goberno central, un aliado no que "apoiarse" e defendeu a condonación da débeda ás comunidades autónomas. "Queremos participar en España das políticas para mellorar Galicia; queremos compartir e ser influíntes na política do Estado", resumiu nun acto no que o eurodeputado González Casares augurou un "cambio" en Galicia mediante un "goberno progresista liderado polo PSdeG".
"Estou convencida de que será o próximo presidente da Xunta", dixo a ministra Montero sobre Besteiro, ao que definiu como un home "honesto" e con "ideas" e do que gabou as súas "ganas de estar, de transformar, de mellorar a vida dos galegos e das galegas".