“Se todos os que queremos cambio collemos a papeleta do BNG será un 'win win' porque imos derrotar a Rueda e Feijóo dunha tacada”, defendeu Pontón
Demostración de forza e ilusión no BNG, que este domingo celebrou un multitudinario encontro nacional aberto no Multiusos Fontes do Sar de Santiago.
Cando quedan 21 días para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro, a portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta polo BNG, Ana Pontón, invitou a soñar e pediu un último esforzo “renovando o traballo e o entusiasmo” para poder “gobernar nós a nosa terra”.
A candidata alertou da necesaria participación da cidadanía que desexa que muden as cousas. “Dentro de 21 días xogámonos moito máis que un Goberno, xogámonos a Galicia da próxima década. Este é un deses momentos en que a cidadanía ten que erguerse”, dixo. “Se todos os que queremos cambio collemos a papeleta do BNG será un win win porque imos derrotar a Rueda e Feijóo dunha tacada”, defendeu Pontón.
“Depende dunha presa de votos. Efectivamente, un puñado de votos pode cambiar a historia deste país”
“Dentro de 21 días imos facer historia coa primeira muller presidenta e do BNG, pero eu non quero facer historia por min” asegurou Pontón emocionada, senón por “todos e todas”, “polos que queren mil primaveras máis para a nosa lingua”, defendeu.
Coa ‘Fábrica de luz’ da Banda da Loba como banda sonora e Xurxo Souto como mestre de cerimonias, precederon no uso da palabra a Pontón Goretti Sanmartín –alcaldesa de Santiago-; Mercedes Queixas –número 2 pola Coruña; Olalla Rodil –cabeza de lista por Lugo-, Noa Presas –número 1 en Ourense- e Luís Bará, que lidera a lista en Pontevedra.
Ana Pontón comezou o seu discurso imaxinando que o día 19 de febreiro se poida abrir “un tempo novo”. Este soño, dixo, está máis cerca do que pensamos. “Depende dunha presa de votos. Efectivamente, un puñado de votos pode cambiar a historia deste país”.
“A min ninguén desde Madrid me vai poñer límites á hora de defender os intereses das galegas e os galegas. Nin desde Madrid nin desde ningún consello de administración
Pontón lamentou que nos 43 anos de autonomía houbo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais. “Non credes que é hora de que por primeira vez teñamos unha presidenta coas mans libres?”, cuestionou. “A min ninguén desde Madrid me vai poñer límites á hora de defender os intereses das galegas e os galegas. Nin desde Madrid nin desde ningún consello de administración. Sei moi ben quen son e a quen me debo”,asegurou.
A candidata nacionalista prognosticou unha “vitoria heroica” xa que “o PP vai dopado ás eleccións usando cartos públicos” e lamentou o uso partidista que desde o partido de Alfonso Rueda están a darlle á TVG. “Ten secuestrada a TVG ata o extremo de convertela en TelePP”, indicou.
Ana Pontón erixiuse como a candidata de todas as persoas que queren o cambio sen importar “que papeleta colleran noutra ocasión” ao tempo que emprazaba a militancia a ese último esforzo para “contaxiar o espírito de ilusión”.