A candidata do BNG asegura que investirá en saúde mental o 10% do orzamento total de sanidade, uns 500 millóns de euros
A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, mantivo este venres un encontro sobre a situación actual da saúde mental coa actriz Melania Cruz, que compartiu en primeira persoa a súa experiencia, e o psicólogo clínico José Berdullas, que expuxo o seu punto de vista como profesional. Neste contexto Pontón avanzou que o seu programa de goberno inclúe como un dos principais compromisos "a dotación de maneira progresiva de psicólogos e psicólogas clínicas aos centros de saúde, tendo en conta que o 30 % das súas consultas están relacionadas coa saúde mental".
Pontón tamén avanzou que o programa do BNG inclúe incorporar psicólogos e psicólogas nos centros educativos, para que poidan detectar e atender os problemas nesta materia entre a poboación adolescente.
"A saúde mental non pode depender da conta bancaria de cada persoa, de se tes ou non cartos para pagar un psicólogo ou un psiquiatra”, dixo a candidata do BNG, que se comprometeu tamén a dotar á saúde mental dos recursos financeiros suficientes, ata chegar no final da lexislatura ao 10% do orzamento total destinado a sanidade, seguindo a recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS). O investimento acadaría así os 500 millóns de euros, tomando como referencia os orzamentos de 2024.
A candidata nacionalista garantiu que se ten a confianza para ser presidenta vai poñer a saúde mental “no centro do sistema público de saúde”. Na actualidade, denunciou, a saúde mental é “a parte máis esquecida da nosa sanidade pública”, pese a que afecta cada día a máis persoas. Nesa liña, o BNG lembra que "Galicia rexistra a segunda maior taxa de suicidios do Estado (331 en 2021) e que lidera o consumo en psicofármacos". Pola contra, di Pontón, o PP "leva quince anos mirando para outro lado".
O BNG aspira a ter 12 profesionais de psicoloxía clínica por cada 100.000 habitantes, fronte aos 5,2 que existen na actualidade no Sergas
"Miles de persoas están pedindo axuda, lanzando un SOS, e temos a obriga de atendelos", considerou Pontón, para avanzar a continuación que no que se refire ao persoal, o programa do BNG asume como reto achegarse gradualmente cando menos á media da UE canto a número de psicólogos e psicólogas clínicas, 12 por cada 100.000 habitantes, fronte aos 5,2 que existen na actualidade no Sergas. "Estamos á cola en número de psicólogos. Hai 9.000 persoas esperando por unha primeira consulta en psiquiátrica e un 23 % da poboación ten un problema de saúde mental crónico", denunciou a portavoz nacional. "Non podemos dar isto por normal", incidiu.
O programa de goberno do BNG tamén inclúe unidades específicas de saúde mental para a infancia e a adolescencia en todas as áreas sanitarias e a posta en marcha de programas de prevención do suicidio tanto nos grandes hospitais como nos comarcais. Igualmente, a formación nacionalista quere mellorar a atención á saúde mental coa coordinación entre o sistema sanitario e o educativo, por ser este un ámbito no que se detectan moitas situacións que derivan en problemas desta índole entre a xente moza. No mesmo sentido, para mellorar a atención ás persoas maiores, a coordinación entre o sistema sanitario e os servizos sociais será outro dos eixos do plan presentado esta mañá por Pontón".
No encontro deste venres a actriz Melania Cruz trasladou a súa experiencia persoal e explicou que, no seu caso, "era inviable" contar con axuda psicolóxica dende a sanidade pública porque, segundo advertiu, "cando tes unha lista de espera igual de sete ou oito meses para que che faciliten unha primeira consulta e ti precisas axuda inmediata, non podes dispoñer dela". "Sempre penso en todas esas persoas que non teñen nese momento a capacidade económica suficiente como para poder permitirse acudir a unha consulta privada", reflexionou a actriz galega.
Nese sentido, o psicólogo José Berdullas recordou que a atención á saúde mental é tamén un dereito que non pode depender da situación económica de cada un, polo que considerou urxente darlle un "impulso inmediato" á saúde mental.