Pontón aféalle que non defenda os intereses de Galicia ante o Goberno de España e o PSdeG que non amplíe o persoal da sanidade e mellore as súas condicións
Xa o fixera no marco do moito máis longo debate da súa investidura, pero nas máis áxiles sesións de control ao presidente da Xunta que se celebran cada dúas semanas no Parlamento nunca como este mércores Alfonso Rueda recorrera á principal estratexia retórica de Feijóo durante os seus 13 anos de goberno: a culpa dos problemas de Galicia é da coalición de PSdeG e BNG que gobernou entre 2005 e 2009 e do Goberno de España cando non está en mans do PP, como ocorre agora con Pedro Sánchez.
Foi a deste mércores a terceira sesión de control á que se enfronta Rueda e nela o BNG preguntoulle pola súa defensa dos intereses de Galicia ante o Goberno de España en cuestións como a caída do viaduto da A-6, a xestión dos fondos europeos, o traspaso de competencias ou a crise de prezos. A súa resposta foi culpar o Goberno de Pedro Sánchez e criticar ao BNG que apoiase a súa investidura e agora non sexa quen de obter o que comprometera. Pola súa banda, o PSdeG puxo o foco na situación da sanidade e a contestación de Rueda, tras admitir que o verán será complexo, centrouse en asegurar que hai 13 anos a situación xa estaba mal.
“Empezou vostede sendo un presidente accidental e vai camiño de ser insubstancial”, díxolle Ana Pontón a Rueda
“Empezou vostede sendo un presidente accidental e vai camiño de ser insubstancial”, díxolle Ana Pontón a Rueda, quen se sentiu insultado e respondeu afeando á nacionalista, como facía Feijóo, que leve máis tempo nun escano que el, malia que el xa era alto cargo da Xunta de Fraga varios anos antes que ela deputada. “Vostede vai facerse unha foto, nós imos pedir cousas”, asegurou Rueda fronte as críticas de que non estaría a defender Galicia fronte ao Estado. E como exemplo das súas actuacións asegurou que o venres, na audiencia que terá por parte do Rei Felipe VI, exporalle as reclamacións que asegura que tamén fará a Sánchez cando este o reciba.
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, centrou na sanidade a súa pregunta. O socialista fixo varios xogos de palabras comparando ese eido con programas de televisión e dixo que fronte ao debate que abriu Rueda sobre o soldo dos médicos -do que reiterou que é falso que cobren 65.000 euros brutos ao ano como asegurou o presidente-, que cualificou como El precio justo, a situación da sanidade en Galicia parécese máis ao antigo programa da TVG Era visto.
Para o socialista Luis Álvarez o presidente quixo facer co soldo dos médicos o programa 'El precio justo' pero a situación da sanidade galega parécese máis ao 'Era visto' da TVG
“A única solución é a ampliación de recursos humanos e mellorar as súas condicións”, dixo Álvarez, para quen o problema máis inmediato da sanidade é “de estabilidade e de condicións laborais”, polo que propuxo que a Xunta contrate "os 241 profesionais que foron admitidos na última oferta de emprego do Sergas pero non conseguirán praza". Tamén Ana Pontón na súa intervención dedicou un momento a esa cuestión e pediu a Rueda que “probe a investir máis en sanidade e verá como os problemas son menores”.
Rueda criticou que os socialistas ofrezan unha imaxe da sanidade galega “ao nivel dun hospital de guerra, dun país africano subdesenvolvido”, e replicou lendo unha serie de titulares de prensa de hai máis dunha década que segundo el evidencian que algúns dos problemas da sanidade galega xa existían durante o goberno de coalición de PSdeG e BNG. Tamén criticou que os socialistas “non levantan a voz ao seu Goberno”, en referencia ao de Sánchez. Por iso, Rueda lamentou o “exercicio de amnesia e docilidade política” do PSdeG.