É un lugar común no mundo xornalístico considerar que o verdadeiro test de aceptación dunha nova publicación ou programa non é a súa primeira edición, a do entusiasmo inaugural, senón a segunda, a primeira cotiá. Este mércores Alfonso Rueda someteuse no Parlamento á súa segunda sesión de control como presidente da Xunta e resolveuna, en boa medida, remitindo a portavoz nacional do BNG e ao voceiro parlamentario do PSdeG ao Goberno de España.
Rueda someteuse este mércores á súa segunda sesión de control como presidente
Ana Pontón centrou a súa pregunta ao presidente na crise de prezos. A poboación galega, expuxo, é "un 9,6% máis pobre", en referencia á inflación. "E, que está facendo o intrépido goberno do PP?", preguntouse. "Propaganda, botar balóns fóra e ser o PP do non a todo", reprochou antes de expoñer propostas do BNG na materia, algunhas de competencia directa da Xunta -incrementar o complemento galego ás pensións non contributivas e a renda de inclusión social e mais as axudas á vivenda ou un plan de axuda a pequenas empresas- e outras de ámbito estatal, como defender unha suba de impostos ás eléctricas.
"Son moi bravos coa Xunta e moi dóciles co Goberno central", retrucou Rueda, quen dixo interpretar o groso da intervención de Pontón como unha serie de "recados" ao Executivo de Pedro Sánchez. O Goberno galego, di, ten a man "tendida" ao Bloque "para que nos axude" na crise de prezos, por exemplo, "desenvolvendo a enerxía eólica" ou "para que o presidente Sánchez baixe impostos". Pero a formación soberanista, reprochou, limítase a afirmar "enerxía si, pero non así" e a "votar que non" ás iniciativas do PP na materia.
Pontón (BNG): "Galiza necesita un Goberno, non xente quentando unha cadeira"
"Se lle parece mal que queiramos parar os pés ao lobby eléctrico, quen ten un problema é vostede", repuxo Pontón, quen asegura que a disposición do BNG é que a eólica sexa unha enerxía de "futuro", pero "non para poñer etiqueta verde ao espolio de toda a vida". "Sabe o que xeraría emprego? Condicionar os parques eólicos a que creen empresas e emprego neste país, que haxa participación pública e non poida ocupar superficie agraria". Pero para facelo, coida, cumpriría que nas filas populares non haxa ninguén que "aspire a cruzar unha porta xiratoria" e, sobre todo, "Galiza necesita un goberno, non xente quentando unha cadeira".
Se os problemas do Sergas "se arranxasen con cartos, estarían arranxados"
"Hai xente que leva vinte anos quentando a mesma cadeira sen gobernar nunca", principiou Rueda a súa quenda de peche dun debate no que previamente pedira apoio do Bloque ante o Estado para "todo o que lle interese a Galicia". Na mesma liña respondera antes ao voceiro do PSdeG, que o cuestionou pola falta de persoal médico. "Fagan presión política onde hai que facela para que solucionen os problemas", reclamou a Luis Álvarez.
Luis Álvarez: "Se non é un problema de cartos, probe a subir os orzamentos do Sergas, a ver que pasa"
Lamenta o voceiro do PSdeG que, tanto o propio Rueda como o conselleiro de Sanidade, dean en afirmar que "o pouco que funciona mal" no Sergas "non depende" do Goberno galego e mentres, exemplificou, o persoal de Atención Primaria apenas poida dedicar "seis minutos por paciente". Dado que o presidente defende que a problemática sanitaria non é só cuestión orzamentaria, xa que "se os problemas se arranxasen con cartos, estarán arranxados hai moito tempo", Álvarez convídao a "subir os orzamentos, a ver que pasa", comezando por 140 millóns máis para o persoal dos centros de saúde.
Rueda, pola súa banda, asegura non negar a carencia de persoal. Por iso, di, a Xunta defende iniciativas como unha convocatoria extraordinaria de prazas de formación en Atención Primaria ou a creación da especialidade de urxencias, "pero non nos deixa o Goberno central", "non nos deixan formar máis profesionais". Esa é a razón que esgrime para desbotar como "demagoxia" ou "xogar ao prezo xusto" as reclamacións do PSdeG para inxectar máis fondos ao Sergas.