O presidente non concreta se vai pedir ao Estado unha condonación da débeda como a catalá
Este martes o Tribunal Supremo informou de que vén de abrir unha causa penal contra o agora senador do PPdeG José Manuel Baltar por conducir a 215 por hora un coche oficial da Deputación de Ourense cando era o seu presidente. Ante este feito o portavoz do PSdeG no Parlamento, Luis Álvarez, iniciou a sesión de control á Xunta deste mércores preguntando a Alfonso Rueda por esa cuestión: "Se o señor Baltar fora membro do PSdeG onte pola tarde tería presentada a dimisión en base ao noso código ético, que vai facer vostede?". A resposta de Rueda foi criticar a "incoherencia" dos socialistas e asegurar que estes "pactan con Bildu e Bildu non condena o terrorismo".
Tras ese inicio do debate, o portavoz socialista dirixiu a Rueda as preguntas previstas para este mércores, que a tres días da celebración o vindeiro sábado do 25N contra a violencia machista xirou arredor desa cuestión e das política que está a aplicar a Xunta ao respecto. Álvarez lembrou que este ano xa foron asasinadas dúas mulleres en Galicia e afeou ao Goberno galego a campaña do ano pasado polo 25N que amosaba unha muller correndo en mallas e preguntábase que sucedería a continuación.
A resposta de Rueda no Parlamento foi que "hai cousas que a política non debera impregnar". "Non debera facer política coa igualdade das mulleres", dixo o presidente ao portavoz socialista, ao que lembrou as palabras coas que a xa ex-ministra de Igualdade Irene Montero deixou este luns o ministerio cargando contra Pedro Sánchez. "Cando se fai política con estas cousas vense as incoherencias e inconvencias", dixo Rueda. "E se quere facer política, faga política da boa, como tentamos facer nós", sentenciou sobre a cuestión.
Este mércores Rueda tamén foi preguntado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sobre o endebedamento de Galicia e se a Xunta pedirá ao Estado unha quita ou condonación da débeda similar á decidida para Catalunya, como acordou o nacionalismo galego co PSOE. Rueda evitou concretar a súa postura e optou por criticar a Ana Pontón que citase a banca privada como fonte para cuantificar a débeda galega. Tamén lembrou que parte da débeda é atribuíble ao goberno bipartito de PSdeG e BNG que deixou a Xunta hai case 15 anos.
Pola súa banda, Pontón cuantificou en 5.243 euros por habitante a débeda pública galega e asegurou que entre as primeiras medidas que tomará se é presidenta de Galicia estará unha "auditoría da débeda pública", unha medida similar ás auditorías que Feijóo asegurou que realizaría no Goberno de España se chegaba a presidilo.