A Sala Penal do Tribunal Supremo vén de abrir procedemento a José Manuel Baltar ao apreciar indicios de delito contra a seguridade viaria por conducir un coche oficial da Deputación de Ourense a 215 quilómetros por hora.
Será a maxistrada Ana Ferrer a instrutora da causa contra o agora senador do PP e ex-presidente da Deputación ourensá, que fora interceptado pola Garda Civil circulando nas proximidades de Pobra de Seabra a 215 quilómetros por hora, tal e como adiantou a finais de abril eldiario.es, unha actuación que despois se soubo que non era novidosa.
Baltar logrou primeiro adiar o xuízo ata despois das eleccións municipais; a nova citación suspendeuse por folga na xustiza e o seu paso ao Senado converteuno en aforado
Citado inicialmente para un xuízo rápido nun xulgado de Pobra de Seabra o 9 de maio, Baltar logrouno adiar a despois das eleccións municipais do 28 de maio ao mudar o xuízo rápido por outro ordinario, que pasou a depender dun xulgado do Penal de Zamora. Pero a nova citación, para tres días despois dos comicios, volveu ser adiada por unha folga de persoal da xustiza.
Finalmente os resultados das eleccións municipais non permitiron ao PP controlar en solitario a Deputación de Ourense e recorreu novamente ao apoio da Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome, nunha operación que supuxo a saída de Baltar da presidencia provincial. Esa marcha concretouse o 17 de xullo, pero apenas dez días despois o PP facíao senador por designación do Parlamento de Galicia. E o 17 de agosto Baltar tomaba posesión como senador.
Agora, no seu auto, o Supremo aclara que abre procedemento contra Baltar e anuncia que existen "indicios da comisión dun feito delitivo".
Ademais, o Supremo explica que antes de que se enviase a causa ao alto tribunal, o Ministerio Fiscal presentara un escrito de acusación no mes de maio, considerándoo autor dun deltio contra a seguridade viaria e solicitando unha multa de 1.800 euros e a retirada dun ano do carné de conducir.
Logo, o xulgado de instrución acordou a apertura de xuízo oral, pero acreditada a condición de senador de Baltar, o xulgado do Penal número 1 de Zamora inhibiuse en favor do Supremo, que agora se declara competente e abre un procedemento contra el pola súa condición de aforado.
Desde o BNG, a deputada Noa Presas esixiu este martes a dimisión de Baltar, logo de coñecerse que o Tribunal Supremo acordou abrir causa penal e investigalo ao apreciar indicios de un delito contra a seguridade viaria.
O BNG pide a dimisión de Baltar: "É unha vergoña que teña o cargo de senador por designación autonómica"
“É unha absoluta vergoña para todos os galegos e galegas que esta persoa teña o cargo de senador por designación autonómica”, asegurou a deputada ourensá, que destacou que a decisión do Supremo confirma que existen “indicios moi graves” cometidos por Baltar “no exercicio de cargo público e por riba con recursos públicos”.
A deputada nacionalista subliñou tamen que o Supremo decide agora abrir causa penal “porque o PP estivo conchabado co señor Baltar nunha estratexia de dilación ante a Xustiza”. “Con este historial —denunciou— o PP o que fixo foi premiar o señor Baltar co cargo de designación autonómica para así sortear os problemas internos do seu partido”.
Pola súa banda, desde o PSdeG de Ourense, sen pedir a dimisión, consideran que Baltar levou a cabo unha conduta "antisocial" que é "intolerable" e fan fincapé na "necesidade de que a provincia teña cargos exempalres que sirvan de referente a toda a cidadanía". "Unha exemplaridade que Baltar non posúe a día de hoxe".