A parella de Ayuso mediou cunha empresa que vendeu 9,8 millóns en material COVID á Xunta no inicio da pandemia

Máscaras na plataforma loxística do Sergas en abril de 2020 e referencias a contratos con Mape Asesores nas contratacións de emerxencia da Xunta pola COVID CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

Mape Asesores é unha empresa con sede en Pontevedra dedicada á distribución de produtos sanitarios e farmacéuticos e á asesoría de centros médicos. Nos primeiros meses da pandemia da COVID-19 foi un dos actores clave na importación da China de materiais de primeira necesidade como máscaras ou batas de protección para o persoal sanitario nun momento de escaseza global, prezos disparados e competicións entre gobernos por lograr comprar. Tamén na chegada a Galicia e outros puntos do Estado de materiais procedentes de doazóns.

Mape Asesores foi un dos actores clave na importación de materiais de primeira necesidade da China no inicio da pandemia

A compañía ten un perfil público discreto malia traballar para diversos gobernos -o Estado e autonomías- e tamén con grandes empresas. Unha das súas escasas aparicións como protagonista concedeuna en 2022 ao Diario de Pontevedra, que nunha reportaxe explicou como Mape se moveu naqueles mercados salvaxes de ofertas disparatadas e pagos por adiantado. O seu presidente, Gumersindo Cachafeiro, relataba daquela como China "pagaba catro veces o valor orixinal dos produtos" e "nolo vendían despois multiplicado por dez". Parte deses materiais importados mercoullos a Xunta mediante contratos de emerxencia por importe de, cando menos, case 10 millóns de euros.

Referencias aos contratos máis cuantiosos da Xunta con Mape Asesores no inicio da pandemia, nun dos expedientes nos que Sanidade informou ao respecto ao Consello do Goberno galego CC-BY-SA Praza.ga

O nome de Mape Asesores volveu á actualidade nos últimos días outra volta ligada ás peores semanas da COVID, das que agora se fan catro anos. Pero por un motivo ben diferente: as revelacións de elDiario.es da investigación sobre a presunta fraude fiscal na que está inmerso Alberto González Amador, parella de Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidad de Madrid e líder do PP nesa autonomía. 

Segundo as informacións divulgadas, González Amador actuou como intermediario para a catalá FCS Select Products, que lle pagou case 2 millóns polas vendas de material COVID negociadas coa galega Mape Asesores. A clave da suposta fraude reside na presunta vontade do comisionista por ocultar eses ingresos a Facenda

Segundo as informacións deste e doutros medios, a presunta fraude de González Amador está ligada á intención de evitar pagar impostos polas comisións que cobrou como mediador en compras e vendas de material sanitario naqueles meses para a catalá FCS Select Products, S.L. Unha das compradoras foi Mape Asesores, que adquiriu produtos a FSC por 42 millóns de euros en operacións que, sempre atendendo ao publicado por elDiario.es, lle valeron a González Amador comisións da empresa catalá por importe de 1,9 millóns de euros a través dunha firma da súa propiedade, Maxwell Cremona S.L.

As eventuais ilegalidades, daquela, non atinxirían á empresa galega -que tivo máis provedores e mesmo puido verse prexudicada por eventuais sobrecustos- nin tampouco ao feito de que González Amador actuase de intermediario para FCS cobrando como comisionista. Centraríanse na ocultación dos ingresos á Facenda pública por parte da parella de Ayuso o cal, segundo avanzou tamén elDiario.es, xa admitiu á Fiscalía.

A propia Mape Asesores recoñecía esta semana os contactos con González Amador en declaracións ao xornal El País. "O contacto deste home veunos a través doutro home do sector sanitario", resumiu Cachafeiro, quen detalla que "as primeiras máscaras comecei a mercalas o 19 de marzo de 2020", polo que reduce a "milongas" o relato da parella de Ayuso a Facenda segundo o cal as súas intermediacións comezaran en xaneiro daquel ano, isto é, antes do estado de alarma e, polo tanto, antes de que se disparase a demanda de máscaras ou batas en España. Cachafeiro confirma ademais que hai máis dun ano que proporcionou á Axencia Tributaria "todo o que pedían" sobre estas compras.

Os contratos de emerxencia coa Xunta

Cando menos unha parte dos subministros de Mape Asesores á Xunta naqueles meses figuran nas relacións de contratos de emerxencia -modalidade de contratación con trámites reducidos ao mínimo, permitida polo Estado por mor da pandemia- que divulgou a Consellería de Sanidade. Fíxoo dunha maneira pouco ordenada e escasamente sistemática e transparente, polo que o rastrexo é dificultoso e as posibilidades de que este non sexa absolutamente exhaustivo, elevadas. 

Os contratos de emerxencia máis cuantiosos de Sanidade con Mape, 5 millóns en máscaras, pasaron polo Consello da Xunta en xuño de 2020 

Si é posible afirmar, en todo caso, que cando menos existe unha decena de contratos polos que Mape forneceu a Sanidade de materiais por importe de 9,8 millóns de euros no inicio da pandemia. O groso deste montante (uns 8,8 millóns) correspóndese con oito contratos que foron financiados con fondos FEDER da UE, segundo acreditou a dirección xeral de Recursos Económicos do Sergas en decembro de 2020.

Os expedientes repasados por Praza.gal amosan que os dous contratos de emerxencia do Sergas adxudicados a Mape Asesores por maior contía naqueles primeiros meses da COVID se corresponden con máscaras cirúrxicas e batas protectoras por importes de 2,8 e 2,2 millóns de euros, respectivamente. Ambos inclúense nun mesmo expediente que pasou polo Consello da Xunta o 10 de xuño de 2020.

Máscara importada da China distribuída pola Xunta ao inicio da pandemia CC-BY-SA Praza Pública

Tamén superaron o millón de euros outros dous contratos que o Goberno galego tivo sobre a mesa do seu Consello o 8 de abril daquel 2020. Cun deles, Mape Asesores forneceu o Sergas de "buzos de protección dun só uso" do talle M por 1,3 millóns. Outro supuxo o subministro de test rápidos de detección da COVID en mostras de "sangue/soro/plasma" por 1,04 millóns.

Máis máscaras e batas, así como lentes e pantallas de protección foron os outros subministros de Mape que constan nos contratos de emerxencia de Sanidade por importes que van dos 127.000 a algo máis de 800.000 euros. A escasa información divulgada pola Xunta sobre estas contratacións impide coñecer, tanto a través das relacións de contratos como da plataforma oficial de contratación -onde foron incluídos en 2022- detalles como as cantidades mercadas de cada un dos produtos. Tamén resulta imposible tirar dos documentos, por outra banda, ata que punto Mape Asesores tivo que asumir custos adicionais nos seus pagamentos a FCS para compensar as comisións do intermediario, unha figura que proliferou especialmente naqueles meses, e se os produtos vendidos á Xunta proviñan total ou parcialmente das compras á catalá.

Provedor do 20% das máscaras e do 40% das batas, segundo Contas

Mape foi o principal provedor de máscaras e batas para o Sergas nos primeiros meses da pandemia, con compras de 8,8 e un millón de unidades, respectivamente, que sumaron uns 7 millóns de euros

A información divulgada directamente pola propia Xunta durante a pandemia fai difícil coñecer algúns detalles que si se albiscan noutro documento, o informe no que o Consello de Contas fiscalizou os contratos do Sergas ligados á COVID no inicio da pandemia. Ese traballo de fiscalización amosa como Mape Asesores foi o principal provedor tanto de máscaras como de batas de protección, cando menos, dende o comezo da pandemia e ata decembro de 2020.

Así, por exemplo, Contas rexistrou contratos con Mape Asesores para a compra de máscaras por importe de 4,5 millóns de euros -unha cantidade moi semellante aos contratos recompilados por este diario-. A empresa forneceu a Sanidade de 8,8 millóns de máscaras, case un 20% do total das que mercou, a un prezo medio de 51 céntimos a unidade, o que implica situarse un chisco por riba da media estatal, indica Contas (43 céntimos por máscara) pero "entre os catro mellores de entre as 14 comunidades autónomas que rexistraron datos" ao respecto.

Referencias ás compras de máscaras e batas a Mape Asesores no informe do Consello de Contas sobre as contratacións do Sergas no inicio da pandemia CC-BY-NC-SA Praza.gal

No que atinxe ás batas impermeables utilizadas como equipos de protección individual polo persoal sanitario, o Sergas mercou a Mape Asesores un millón delas por contratos que sumaron 2,5 millóns de euros, segundo Contas -Praza.gal detectou expedientes de contratos de emerxencia con Mape por este concepto que suman 2,8 millóns-. Ese millón de batas foron case o 40% das adquiridas por Sanidade de marzo a decembro de 2020 cun prezo unitario de 2,52 euros, por riba da media pagada polo propio Sergas (1,84 euros) e nun contexto no que "o principal provedor", Mape, "acaparou as compras no período abril-xullo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.