Cando Feijóo pedía que a oposición puidese investigar sen permiso do Goberno

Feijóo, no pleno do Parlamento © Conchi Paz

A Guarda, 1 de outubro de 2007. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, está inmerso na xira que, cadrando coa campaña electoral municipal celebrada na primavera dese mesmo ano, iniciara para darse a coñecer por todo o país como alternativa de goberno, alén de ser recoñecido como sucesor de Manuel Fraga. Quen daquela era líder da oposición no Parlamento de Galicia intervía nunha convención das Novas Xeracións do seu partido, ás que lles explicaba que, se chegaba a ser presidente, "nunca me negarei a que se investigue e aclare o que non está claro". "Por iso farei unha proposta: Que cada grupo teña dereito a impulsar dúas comisións de investigación por lexislatura sen necesitar o apoio do resto da Cámara", sentenciou. Sete anos despois e tras cinco no goberno a oposición tenta, sen éxito, franquear a barreira da maioría absoluta popular para poder iniciar algunha desas investigacións en asuntos como a trama Zeta.

Aquela iniciativa que suporía un inédito avance ao supoñer que a oposición puidese investigar sen o permiso do Goberno chegou ao pleno do Parlamento a finais daquel mesmo mes de outubro. No marco dunha sesión de control ao presidente, Emilio Pérez Touriño, Feijóo referiuse a "unha cuestión importante": a necesidade de "facilitar a constitución de comisións de investigación neste Parlamento". "Nin unha soa solicitude foi aceptada", queixábase, lembrando por exemplo que "dixeron non cando pedimos que se investigase por que arderon 100.000 hectáreas e morreron catro persoas". "Por que non quere vostede investigar? Por que dá instrucións ao grupo parlamentario de que non se poida investigar?", preguntáballe a quen daquela era tamén líder do PSdeG.

Feijóo propuña que os grupos da oposición tivesen dereito a dúas comisión por lexislatura: "É o que faremos nós", prometeu

Neste contexto, o conservador afinaba un chisco máis a súa proposta. "Eu propoño e sigo propoñendo que os grupos parlamentarios que forman a Cámara, que teñan polo menos un terzo dos deputados", isto é, cando menos 25 escanos, "que teñan dereito a dúas comisións de investigación automáticas na Cámara". "Esa é a nosa proposta", evidenciaba, e por iso, no caso de que a coalición de PSdeG e BNG non aplicase esa medida, Feijóo anunciaba que "iso é o que faremos nós" ao chegar ao Goberno. "Me gustaría saber se a vostede lle parece ben que este Parlamento teña dereito a investigar o que ocorre no seu Goberno", retaba ao socialista.

Catorce vetos dende o retorno do PP

Aquela proposta non callou nas bancadas de PSdeG e BNG, que non impulsaron unha reforma do Regulamento parlamentario para aplicala, pero isto tampouco sucedeu cando, en 2009, o PP retornou ao Goberno. Aquela lexislatura con maioría de socialistas e nacionalistas rematara con tres comisións de investigación aprobadas por unanimidade -sobre a construción da autovía do Salnés, sobre a Cidade da Cultura e sobre o presunto uso de fondos públicos por parte dunha axente electoral do PSOE- e cinco solicitudes do PP rexeitadas -dúas sobre a adxudicación da autovía do Barbanza, outras dúas sobre os incendios de 2006 e unha máis sobre a contratación do hospital de Vigo-. Na seguinte, os vetos medraron e as aceptacións reducíronse a cero.

No que vai de lexislatura o PP impediu investigar o accidente de Angrois e a trama Zeta

Nomeadamente, no primeiro mandato con Feijóo na Presidencia da Xunta foron seis as ocasións nas que a oposición tentou investigar, todas elas sen éxito. Da banda do PSdeG reclamouse abrir unha comisión para indagar se fondos da fundación Fegas, dependente de Sanidade, serviran para financiar a sede do PPdeG, e outra sobre os sobrecustos da autovía da Costa da Morte. Os socialistas, ademais, reclamaron en dúas ocasións investigar o acontecido coas antigas caixas, tema sobre o que o BNG cursou tamén dúas solicitudes.

"O que non se pode investigar no Parlamento será investigado pola Xustiza", auguraba Feijóo en 2007

Tras os vetos da pasada lexislatura as caixas foron o único asunto que, polo momento, puido ser investigado no Parlamento durante a presente lexislatura. Mentres, os grupos da oposición acumulan xa oito vetos ás súas solicitudes. Ao PSdeG denegóuselle unha investigación sobre as caixas -a aprobada foi tramitada polo PP- e outra solicitada conxuntamente co resto da oposición sobre o fiasco na xestión de Alimentos Lácteos. Mentres, os populares vetaron catro peticións de AGE e BNG sobre o accidente de Angrois e dúas máis a respecto da Operación Zeta. "O que non se pode investigar no Parlamento será investigado pola Xustiza", augurou Feijóo naquel afastado debate de hai sete anos.

Feijóo, nun acto público con Sáenz de Santamaría durante a súa etapa na oposición CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.