O BNG gaña o foco e o PP retén o control. O Bloque decidiu principiar a lexislatura activando o mecanismo parlamentario ao que ten dereito por lograr 25 escanos -un terzo do total- nas pasadas eleccións: abrir unha comisión de investigación de aprobación automática con independencia de que o PP e a súa maioría absoluta se opoñan.
O Bloque conserva o foco sobre o sobrecusto do hospital de Vigo e os contratos que ve irregulares e os populares comezan a exercer o control da comisión
A formación que encabeza Ana Pontón defende pescudar no sobrecusto do hospital de Vigo certificado polo Consello de Contas, nos contratos da Xunta con Eulen e nas adxudicacións de emerxencia na COVID. Albisca, afirma, múltiplos "chanchullos" nestas operacións e quere chegar "ata o fondo". Este venres a comisión quedou constituída, co foco onde o BNG o situou, pero co control nas mans dos populares, a comezar pola presidencia do órgano, que ostentará a deputada lucense Elena Candia.
O control do manexo da documentación, das comparecencias e dos ritmos de redacción das conclusións -no caso de chegaren- quedan así, en primeira instancia, nas mans da líder do PP de Lugo e non dun membro do grupo que creou a comisión. O Bloque propuña para este posto ao seu vicevoceiro, Luís Bará, que recibiu os votos do seu grupo e tamén os do PSdeG.
Pontón e Besteiro reiteran que chamarán a comparecer a Feijóo e Rueda. O PP, de quen depende que o fagan, continúa gardando silencio sobre se o permitirá
"Lamentamos que o PP non permitise que esta comisión a presida a foza política que a impulsa", constata Ana Pontón, dende cuxo punto de vista "se estivesen tan tranquilos" sobre a súa xestión en todos eses contratos, non aplicarían unha primeira barreira de "contención" para que non haxa "a máxima transparencia". En calquera caso, advirte, "imos tentar poñer transparencia onde o PP ten total opacidade", a comezar por formular "un plan de traballo".
Nese plan de traballo, reitera a portavoz nacional do BNG, estará a que consideran "inescusable" presenza como comparecente do ex-presidente Alberto Núñez Feijóo, así como de Alfonso Rueda. Esas e todas as demais comparecencias, di, deberan realizarse nun formato semellante ao habitual neste órganos no Congreso, no que "os comparecentes teñan que responder todas as preguntas" de cada grupo. Asemade, subliña, Pontón reclamarán que "por fin se entreguen todos os expedientes que levamos anos solicitando e o PP oculta", especialmente os de contratos con empresas ligadas "dende a irmá ao cuñado" de Feijóo.
A solicitude de comparecencia de Feijóo e Rueda chegará tamén dende o Grupo Socialista. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, amosa tamén a súa contrariedade por que a comisión "non a presida un membro da oposición", se ben unha vez desbotada esa posiblidade di agardar que a investigación sirva para "que saia todo o que teña que saír, tamén dos contratos que nós cremos irregulrares en materia sanitaria durante a pandemia e que afectan a familiares de persoas que están cerca do poder".
O PP di estar convencido de que a comisión vai servir para acreditar a "excelente xestión que a Xunta está a facer dos recursos públicos de todos os galegos"
Feijóo e Rueda, di Besteiro, deben comparecer por estaren na parte superior "da pirámide do poder" tanto cando se contratou o hospital de Vigo como cando se xestionaron os contratos en cuestión. "Que sexan transparentes e rigorosos, que non poñan atrancos" para que "saiamos sabendo a verdade", reclama.
O PP, pola súa banda, amosa a través do seu voceiro parlamentario, Alberto Pazos, a convicción de que a comisión de investigación servirá para acreditar a "excelente xestión que a Xunta está a facer dos recursos públicos de todos os galegos". Sobre as comparecencias de Feijóo e Rueda, vólvese remitir ao debate do plan de traballo para aclarar a postura do PP.