Unha norma parlamentaria permitiu ao BNG abrir unha comisión de investigación sobre os contratos de emerxencia da Xunta na pandemia e a respecto do sobrecusto do hospital de Vigo detectado polo Consello de Contas. O mesmo precepto do Regulamento da Cámara mantén nas mans do PP, en tanto que grupo con maioría absoluta, o control dos principais resortes da investigación: comparecentes, documentación e calendario.
O Bloque pide ao TC anular as "decisións autoritarias" dos populares que impediron comparecencias como a de Feijóo ou achegar diversa documentación de contratos da Xunta
Estas son as regras do xogo da comisión, pero o Bloque coida que os populares as forzaron de máis. Coidan que as "imposicións e vetos do PP na comisión que investiga os seus chanchullos na contratación pública" vulneran os dereitos fundamentais dos seus representantes na investigación. E por iso trasladan ao Tribunal Constitucional o que consideran unha serie de "decisións autoritarias e antidemocráticas" dos populares que derivan na "vulneración do noso dereito como representantes da cidadanía á participación política e a exercer o control da acción do Goberno", sinala Ana Pontón.
Concretamente, explica a portavoz nacional do Bloque, recorren ante o tribunal de garantías o "veto de plano e sen motivación" do plan de traballo formulado pola formación soberanista, "impedindo deste xeito a incorporación de comparecencias e documentación claves na investigación". No seu lugar, denuncia, o PP "impuxo unilateralmente o seu propio pan, o que lesiona os dereitos fundamentais das deputadas e deputados e impide o normal funcionamento da comisión".
"Temen esta investigación porque teñen moito que ocultar", como "os 1.573 contratos por valor de sete millóns de euros a dedo nos últimos seis anos" con Eulen, di Pontón
Sinala Pontón que hai "xurisprudencia extensa" que avala o recurso. Con el pretenden que o TC "anule todas as actuacións unilaterais do PP" e "retrotraia a comisión ao momento da elaboración e decisión do plan de traballo". "É fundamental -agrega a líder do Bloque para que esta comisión poida cumprir os seus fins".
A xuízo de Pontón, cos seus "abusos de poder" o PP pretende "dar carta de normalidade a unha forma de actuar que é un ataque directo ao corazón da democracia" e fano por "temor". "Temen esta investigación porque teñen moito que ocultar", como por exemplo "os 1.573 contratos por valor de sete millóns de euros a dedo nos últimos seis anos á empresa que dirixe en Galiza a irmá do ex-presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo", di en referencia aos contratos menores adxudicados a Eulen.
A ausencia de Feijóo na comisión, resalta, é precisamente un dos efectos máis notorios dos "vetos do PP ao plan de traballo" do BNG. Son freos, censura, que se encadran nunha "deriva autoritarista e antidemocrática dun Partido Popular que pensa que as institucións son a súa leira particular". "O disparate é de tal magnitude -compara- que é como se estivésemos nun xuízo e só unha das partes puidese solicitar comparecentes ou testemuñas".
En 2020 o TSXG condenou a Xunta a entregar ao Parlamento documentación que o daquela deputado Antón Sánchez reclamara sen éxito a través da comisión de investigación sobre a fusión das caixas
Esta non é a primeira ocasión en que un conflito derivado da negativa do PP a achegar comparecentes ou documentos a unha comisión de investigación acaba nos tribunais. En 2020 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou a Xunta a entregar a Antón Sánchez, na altura deputado do grupo Común da Esquerda, documentos clave para acreditar as decisións do Goberno galego na fracasada fusión de Caixanova e Caixa Galicia.
Sánchez tentara sen éxito conseguilos a través da comisión de investigación que abordara a cuestión. Segundo o alto tribunal galego, o gabinete de Feijóo quebrantou o precepto da Constitución que estipula o dereito á participación política ao negarllos.