BNG e PSdeG afean o veto a Feijóo na comisión dos contratos e Rueda di que tiveron 13 anos para preguntarlle

Rueda, este 11 de novembro en Noia; Pontón, na comisión de investigación e Besteiro en conferencia de prensa no Parlamento CC-BY-SA David Cabezón / Xunta | BNG | PSdEG

Quen era o presidente da Xunta durante o período que motivou a investigación parlamentaria forzada polo BNG sobre os contratos de emerxencia na pandemia e mais a respecto do sobrecusto que detectou o Consello de Contas no hospital de Vigo non vai comparecer nesa comisión. Non será nin citado porque o PP fixo valer a súa maioría absoluta para impedilo.

Esa mesma maioría propiciará, en troques, que nunha lista de comparecentes encabezada polo actual presidente, Alfonso Rueda, si figure o presidente da Generalitat de Catalunya, Salvador Illa. Ou tamén altos cargos do Goberno galego que PSdeG e BNG dirixiron hai década e media (2005-2009), tales como a daquela conselleira de Política Territorial, María José Caride, ou antigos altos cargos de Medio Rural e Xuventude, áreas que dirixía o BNG.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Casino de Noia este 11 de novembro de 2024 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Tanto o Bloque, que propiciou a apertura da investigación, coma o PSdeG coinciden ao considerar que a protección brindada polo PP ao ex-presidente e actual líder do partido a nivel estatal se debe a que ten algo que "ocultar" sobre as contratacións cuestionadas na investigación. O seu sucesor na Xunta e no PPdeG, pola súa banda, xustifica o veto e retruca que tiveron 13 anos para preguntarlle ao respecto.

Pontón encadra o veto nunha "deriva antidemocrática" do PP: "Despois de tantos anos no Goberno pensan que as institucións democráticas son a súa leira particular"

A portavoz nacional do BNG encadra o veto á comparecencia de Feijóo nunha "deriva antidemocrática" do PP. "Preocúpame que despois de tantos anos no Goberno o PP pense que as institucións democráticas son a súa leira particular", di Ana Pontón, quen pon o foco ademais en que os populares "fixeron extensivo o veto" a "todas as persoas vinculadas a altos cargos e familiares do PP" cuxa comparecencia reclamaba a formación soberanista, tales como "a irmá e o cuñado do ex-presidente" polos contratos da Xunta con Eulen e Universal Support, respectivamente.

inexplicable -agrega Pontón- que o propio Feijóo estea a reclamar transparencia e comparecencias" en Madrid pero "se negue a comparece" en Galicia sobre materias semellantes. A situación, ilustra, é semellante á que acontecería nun xuízo "no que o principal acusado non aparecese a comparecer".

Ana Pontón e Luís Bará, na comisión de investigación sobre os contratos da Xunta CC-BY-NC-SA BNG

Besteiro advirte de que o PSdeG "explorará todas as vías legais posibles para garantir que a actuación da Xunta é investigada"

Para o secretario xeral do PSdeG, o bloqueo á comparecencia de Feijóo "revela que o PP busca ocultar posibles responsabilidades", "evitar luz e taquígrafos" sobre a "xestión dos recursos públicos" nos seus mandatos. Os socialistas, así e todo, di, seguirán tentando "chegar ata o final para coñecer a verdade" se o PP acaba "logrando diluír a eficacia da comisión". Neste sentido, avanza José Ramón Gómez Besteiro, o PSdeG "explorará todas as vías legais posibles para garantir que a actuación da Xunta é investigada". Neste sentido, o líder socialista lembra que "en comunidades como Andalucía a Fiscalía xa está investigando contratos asinados durante a pandemia.

Rueda resolve que "en 13 anos non atoparon razóns para facerlle preguntas" sobre "estas cousas" e agrega que "xa vai para tres anos" que Feijóo "non é presidente"

Por estas críticas foi cuestionado Rueda na comparecencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, celebrado este luns en Noia. Preguntado pola ausencia de Feijóo entre os comparecentes "se non ten nada que esconder", o xefe do Executivo considerou que "en 13 anos de actividade nos que lle podían ter preguntado estas cousas, os grupos da oposición non atoparon razóns para facerlle preguntas". "Hai máis de dous anos e medio, xa vai para tres anos, que non é presidente", agregou Rueda.

Segundo o actual presidente da Xunta, a comisión de investigación non debe servir para "facerlle un favor a Sánchez" e criticar ao líder da oposición do Congreso dos Deputados. "Para iso non é o Parlamento de Galicia", concluíu.

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, este 11 de novembro en conferencia de prensa no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.