Rueda inicia en Noia unha xira do Consello da Xunta por vilas

Rueda entrando ao Casino de Noia co alcalde popular da vila, Santiago Freire, para celebrar alí o Consello da Xunta CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente anuncia a conversión en autovía do corredor Brión-Noia e atopa unha protesta contra a crise marisqueira na ría

O Consello da Xunta, a reunión semanal do Goberno galego, adoita realizarse na súa sede central en San Caetano. Desde cando menos a presidencia de Manuel Fraga esas reunións celebrábanse os xoves, pero no comezo deste mandato un Alfonso Rueda revalidado polas urnas decidiu mudalos aos luns. E agora vén de dar un paso máis na súa estratexia de amosar perfil propio fronte a anteriores presidentes iniciando unha xira de reunións do Consello en vilas intermedias, comezando este luns por Noia. 

Protesta pola situación da pesca e o marisqueo na ría de Muros-Noia ante o Consello da Xunta celebrado en Noia este luns 11 de novembro de 2024 © Plademar Muros-Noia

Non é a primeira vez que se celebran consellos fóra de Santiago. O socialista Emilio Pérez Touriño celebrou un en 2007 en Muxía como localidade símbolo da catástrofe do Prestige. E Feijóo celebrou varios ao longo dos seus 13 anos na presidencia nas outras seis cidades galegas, cunha xira final por elas nas súas últimas semanas no cargo. Pero agora o que fará Rueda será unha xira por vilas de menor tamaño presentando ou anunciando proxectos para esas comarcas. 

"Ao esconderse dentro do Casino e cancelar a foto oficial programada diante do Concello demostraron que non queren escoitar a unha gran parte do sector marisqueiro e que teñen medo de mirarnos á cara"

A primeira desas reunións, este luns en Noia, no edificio do Casino da vila, foi recibida cunha protesta dunha plataforma en defensa da pesca e o marisqueo na ría de Muros-Noia que esixe máis actuacións da Xunta para reverter a constante caída da produción en xeral, que no seu caso particular asocian tamén coa contaminación da mina de San Finx. Segundo a plataforma, Rueda e o Goberno galego "non quixeron vir escoitar as nosas reivindicacións, seguindo a liña de non querer reunirse connosco nin de convocar a mesa sectorial do mar en Noia". "Ao esconderse dentro do Casino e cancelar a foto oficial programada diante do Concello demostraron que non queren escoitar a unha gran parte do sector marisqueiro e que teñen medo de mirarnos á cara", criticou a plataforma. 

Rolda de prensa de Rueda tras o Consello da Xunta celebrado en Noia este luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Preguntado por esa protesta na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda asegurou que o Goberno galego non analizou na reunión deste luns nada relativo á situación da ría de Muros-Noia pero que nos últimos meses vén aprobando diversas medidas e axudas para o sector pesqueiro en xeral e así o seguirá facendo.

Para Noia o principal anuncio desde luns foi a decisión da Xunta de avanzar na conversión en autovía da vía de alta capacidade Brión-Noia, construída no seu momento cos desmontes xa preparados para esa duplicación. O Goberno galego exporá agora ao público o proxecto de desdobramento da infraestrutura nos seus primeiros 9,6 quilómetros, desde o remate da actual Autovía AG-56 Santiago-Brión, por 29 millóns de euros, quedando para unha seguinte fase os restantes 8,6 quilómetros ata Noia. Tamén se anunciou a licitación da redacción do proxecto dun novo centro de saúde para a vila. Tanto á súa chegada ao Consello da Xunta como na rolda de prensa posterior Rueda amosouse acompañado do alcalde de Noia, o popular Santiago Freire. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.