Os populares replican ás críticas de inacción por parte de BNG e PSdeG ante a caída do marisqueo reclamando que o Goberno de España deixe de cobrar a seguridade social ás mariscadoras
A Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia acolleu este martes un debate no que o PSdeG presentou unha proposición non de lei para instar á Xunta a "exercer as súas competencias exclusivas na xestión do marisqueo en Galicia" para reaccionar ante a caída da produción que se está a rexistrar nas rías. A iniciativa, que non ten efectos automáticos máis alá dun pronunciamento político da Cámara ante a Xunta, foi aprobada por unanimidade, incluído o voto favorable do PP. Pero á marxe do texto formalmente aprobado os populares replicaron reclamando ao Goberno de España "que declare as rías galegas como zona catastrófica".
A declaración de zona catastrófica vai ligada a emerxencias de protección civil derivadas entre outras de cuestións climatolóxicas, só unha das varias causas que se barallan para a caída progresiva de produción nas rías. BNG e PSdeG veñen criticando que a Xunta "escóndese tras xustificacións puntuais" pero non recoñece que a caída da produción marisqueira "é sistémica" e débese fundamentalmente "a procesos vinculados ao cambio climático e á contaminación mariña".
Ante esta situación, a Xunta habilitou axudas puntuais, pero o PP desvía responsabilidades ao Goberno de España. "A Consellería do Mar non só exerce as súas funcións, senón que está ao lado e en permanente diálogo cos nosos profesionais, adoptando ademais medidas e valorando accións en beneficio do noso sector marisqueiro, sempre desde o consenso e a comunicación constante cos profesionais", defendeu o portavoz da área do grupo popular no Parlamento de Galicia, Miguel Fidalgo. Pola contra, Fidalgo criticou "a decisión do Goberno central de seguir cobrando a seguridade social ás mariscadoras que están sen traballar nas rías por falta de produto".
En todo caso, máis alá das declaracións do PP reclamando actuacións do Estado, o aprobado textualmente este martes por unanimidade no Parlamento de Galicia foi o seguinte: “O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a exercer as súas competencias exclusivas na xestión do marisqueo en Galicia abrindo canles efectivos de diálogo entre todos os axentes do sector, dando voz na xestión dos bancos marisqueos aos representantes da actividade extractiva do marisqueo a pé ou en embarcación, como sector afectado pola actividade marisqueira, e lidere a coordinación co resto dos axentes implicados na actividade económica do marisqueo en Galicia".