Os socialistas din que o Goberno galego nega a realidade, mira para outro lado, escóndese tras xustificacións puntuais, busca culpables noutras administracións e anuncia día tras día un plan que nin os axentes do sector coñecen”
O PSdeG vén de presentar no Parlamento unha serie de iniciativas coas que reclama á Xunta que poña en marcha "de xeito urxente" as medidas do Plan de competitividade e sostibilidade do marisqueo de Galicia 2024-2025 e que deseñe un programa de investigación científico-técnica para acadar un diagnóstico das causas da crise que padecen as rías. As iniciativas, presentadas polo deputado Julio Abalde, reclaman tamén medidas correctoras inmediatas “para a recuperación ambiental, económica e social” do sector e que a Xunta publique os informes nos que se basea o antedito plan, "que, por outra parte, contempla unha serie de medidas que aínda se descoñece cando se van poñer en marcha".
Abalde lembrou este venres que os datos do marisqueo en Galicia "apuntan a unha grave crise que se vén producindo xa dende hai demasiado tempo". A situación foi "reiteradamente denunciada" polos profesionais do mar, concellos da costa e partidos políticos, pero "negada sistematicamente pola Consellería". Contra esa postura, Abalde sinalou indicadores "contundentes", como "unha caída das vendas en lonxa dun 40 % dende principio de ano, respecto do mesmo período do 2023, o que equivale tamén á metade da media das últimas dúas décadas".
O socialista Julio Abalde pide á Xunta que recoñeza que a caída da produción marisqueira "é sistémica" e se debe, fundamentalemente, "a procesos vinculados ao cambio climático e á contaminación mariña"
Abalde detallou que a crise pásalles factura aos profesionais que desenvolven o seu labor tanto a pé como en embarcación, pero tamén afecta á pesca de baixura, que está facturando un 26 % menos que no 2023 e un 37 % menos que a media do último cuarto de século. Matizou, ademais, que "nin o incremento de prezos compensa a drástica redución de capturas".
Por iso, lamentou que “ante todo ese panorama, a Consellería do Mar nega a realidade, mira para outro lado, escóndese tras xustificacións puntuais, busca culpables noutras administracións e anuncia día tras día un plan que nin os axentes do sector coñecen”.
Julio Abalde invitou ao Goberno galego a recoñecer que a caída da produción marisqueira "é sistémica" e se debe, fundamentalemente, "a procesos vinculados ao cambio climático e á contaminación mariña". E pese ás evidencias de que o problema ten orixe en factores de tipo ambiental, a Consellería "matiza que se trata dunha hipótese inicial de traballo" e que necesita "máis tempo, máis datos e levar a cabo estudos en máis profundidade”" co que a aplicación de medidas se dilata.
Por outra banda, o deputado socialista preguntouse "como e con que base de estudos científicos se deseñou entón o tan publicitado coma descoñecido Plan de competitibidade e sostebilidade do marisqueo en Galicia 2024-2025". Segundo afirmou, a Xunta "leva moito tempo perdido, pero o sector non ten tempo", de modo que a Consellería debe deixarse de escusas e dilacións "e actuar xa".
O primeiro que debe facer, demandou Abalde, é remitirlle ao Parlamento as medidas contempladas no plan e informar de en que estado se atopa a súa posta en marcha, pero tamén explicar que estudos se están a realizar para impulsar máis medidas correctoras da situación crítica das rías.