Os populares exclúen da comisión a comparecencia do ex-presidente Feijóo, pero admiten a de Rueda e inclúen nela varios altos cargos do Goberno de coalición de socialistas e nacionalistas para reeditar as acusacións de irregularidades ou nepotismo contra eles
O pasado 17 de abril fixéronse 15 anos dende que Emilio Pérez Touriño cesou como presidente da Xunta por mor da investidura de Alberto Núñez Feijóo. Dous días despois sucedería o propio con todos os membros do Goberno de coalición de PSdeG e BNG.
Máis de década e media despois da fin da segunda paréntese na que o PP ou as siglas antecesoras (Alianza Popular) non dirixiron o Goberno galego -a primeira cun Parlamento con maioría de esquerdas-, os conservadores regresan por enésima vez ao seu rol de oposición naquel período. Fano agora para tentar virar a comisión de investigación sobre contratos e sobrecustos na Xunta de Feijóo contra o Bloque, que a activou, pero tamén contra os socialistas.
Horas despois de que tanto BNG como PSdeG expuxesen as súas propostas de plan de traballo para esa comisión, incluíndo as relacións de persoas ás que queren citar, o PP formulou a súa. Os populares, que en virtude da súa maioría absoluta serán en última instancia quen recibe a citación e quen non, exclúen da relación ao ex-presidente Feijóo, a quen reclaman nacionalistas e socialistas. E inclúen nela nomes encamiñados a sementar por enésima vez a sombra da dúbida sobre o Executivo bipartito, así como sobre o Goberno de España que encabeza Pedro Sánchez.
Xunto con máis dun cento de documentos -a práctica totalidade, xa públicos-, os populares propoñen que as comparecencias estean encabezadas polo actual presidente, Alfonso Rueda, solicitado tamén polos grupos da esquerda. Acceden tamén a que acudan as ex-conselleiras de Sanidade Pilar Farjas e Rocío Mosquera e os ex-conselleiros Jesús Vázquez Almuíña e Julio García Comesaña; tamén o actual titular do departamento, Antonio Gómez Caamaño así como outros cargos actuais e pasados do Servizo Galego de Saúde.
Envorcar as acusacións no Goberno galego de coalición e en Pedro Sánchez
Pero, canda eles, o grupo parlamentario que dirixen Alberto Pazos e Paula Prado inclúe nomes nos que, previsiblemente, procurarán envorcar a atención e as acusacións. O da conselleira de Sanidade do Goberno de coalición, a socialista María José Rubio -tamén solicitada polo PSdeG para reforzar a tese de que o plan do Executivo de Touriño evitaría o sobrecusto no hospital de Vigo-, pero tamén a de quen fora conselleira de Política Territorial, María José Caride, -actualmente edil no goberno local de Vigo-.
Como conselleira, Caride fora acusada por Feijóo de prevaricación na adxudicación da autovía do Barbanza nun caso arquivado pola Xustiza cando o actual líder estatal o PP levaba dúas semanas na presidencia da Xunta. Os populares tamén deslizaran naqueles anos acusacións de irregularidades ou nepotismo en adxudicacións en consellerías que dirixía o BNG, as cales tamén prevén resucitar mediante dúas das comparecencias que solicitan na comisión: Alberte Souto, quen fora secretario xeral da Consellería do Medio Rural -actualmente é membro do Consello Consultivo- e Rubén Cela, director xeral de Xuventude naquel Goberno con dependencia orgánica da Vicepresidencia dirixida por Quintana e membro da actual Executiva Nacional do Bloque.
Os conservadores buscarán tamén o foco estatal citando o actual presidente catalán como ministro de Sanidade durante a pandemia. Sobre Salvador Illa reiteran acusacións e, ao tempo, que deu o visto e prace a contratar empresas que tamén forneceron a Xunta nese período
Con estas solicitudes de comparecencia os conservadores procurarán, previsiblemente, inverter as acusacións de irregularidades ou beneficios a "empresas amigas" en contratos da Xunta con adxudicación directa. Tamén desbotar que o Goberno do PP incorrese á mantenta no sobrecusto de 470 millóns do hospital vigués certificado por Contas, vía que tamén reforzarán citando un representante do bufete de avogacía Garrigues, que en 2008 elaborou para a Xunta un informe sobre as vías para financiar novos hospitais.
No que atinxe ás adxudicacións de emerxencia pola COVID o PP galego tamén procurará o foco estatal. Para esa vía citan como comparecente ao actual presidente da Generalitat de Catalunya, Salvador Illa, na súa condición de ex-ministro de Sanidade. A Illa, precisamente, vén referíndose o PP tanto en Galicia como en Madrid para, por unha banda, insinuar suposta conivencia con ilegalidades en adxudicacións de emerxencia durante a pandemia e, por outra, para subliñar que deu o seu visto e prace a contratos COVID con empresas que tamén serviron á Xunta nese momento.