Tras lograr retornar á Xunta á primeira en 2009, o PP esforzouse en acrecentar as crises de PSdeG e BNG: que a derrota proese o máis posible e que a herba non volvese medrar no campo da esquerda polo maior tempo posible
Retornar ao Goberno galego á primeira oportunidade foi o gran triunfo do PP de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no ano 2009. O afillado político de Romay Beccaría e o actual presidente, na altura primeiro encargado como secretario xeral de xestionar o aparello do partido, terían infinitamente máis complicado liderar con éxito o posfraguismo se, no canto de apenas tres anos, tivesen que estar cando menos ata 2012 ou 2013 na oposición a un Goberno de PSdeG e BNG referendado nas urnas por segunda vez.
O certo é que lograron a maioría absoluta pola mínima (38 escanos) e retornaron a San Caetano acompañados dun bo número de cargos que xa exerceran con Fraga. Pero non se limitaron a retomar o Goberno. Nin sequera a desmontar en pouco meses algunhas das principais medidas do Executivo da esquerda. O novo gabinete e o partido que o sustentou esforzouse en acrecentar, na medida das súas posibilidades, as crises nas que caeran socialistas e nacionalistas pola perda da Xunta.
Tratábase de botar sal nas feridas das formacións que, moi pouco despois de perderen o Goberno, deixaron de liderar Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. Que a derrota proese o máis posible e que a mesma sal política favorecese que non volvese medrar a herba no campo da esquerda galega polo maior período de tempo posible.
A mostra máis obvia daquela estratexia fora a alcumada como "trama agraria", acusación de desvío de subvencións públicas para o suposto beneficio do PSdeG que a Xustiza acabaría arquivando cinco anos despois
Posiblemente a mostra máis obvia daquela estratexia do gabinete de Feijóo foi que alcumaron como "trama agraria". O termo foi creado polos populares para acusar o PSdeG de utilizar subvencións públicas para "pagar campañas electorais" sacando máis de 600.000 euros "pola porta de atrás" da Xunta a través do sindicato Unións Agrarias e incluíu, entre outras accións, o amago de crear unha comisión de investigación e visitas organizadas de cargos do PP a despachos do Goberno á procura de documentación contra os socialistas, que ao tempo non daban asentado a remuda de Touriño.
Un xulgado de Santiago arquivou o asunto en 2013 despois de que "funcionarios especializados" da propia Xunta "desvirtuasen" as "sospeitas" do PP. Os populares recorreran, pero en 2014 a Audiencia Provincial ratificou o arquivo, tras o que Unións Agrarias reclamou, cando menos, unha desculpa pública. Polo camiño xa pasara media década na que, por outras vías, os populares tamén deslizaran acusacións de corrupción contra o BNG, que á súa vez transitaba pola peor crise interna da súa historia, por adxudicacións das súas consellerías ou polo concurso eólico.
En certo xeito, aquelas estratexias de hai década e media ecoan nas últimas semanas tanto en Galicia como no Estado. Especialmente despois das eleccións europeas do pasado día 9, nas que o PP logrou a primeira posición global con catro puntos sobre o PSOE e se impuxo con amplitude en Galicia con algo máis do 43% dos sufraxios.
Aquelas estratexias ecoan agora en Galicia, co foco do PP no BNG tras as eleccións europeas, e tamén na esfera estatal coas acusacións dos de Feijóo contra a esposa de Pedro Sánchez
Apenas pasaran vinte e catro horas do peche das urnas cando os populares galegos dirixiron os dardos contra a esquerda á que viñan de superar electoralmente. Desta volta, poñendo o foco no BNG, ao que acusou de "estafar a todos os galegos" por que o seu escano no Parlamento Europeo "resulta ser a tempo parcial", en referencia aos acordos internos da coalición Agora Repúblicas que implican que, no tramo final da lexislatura -nun período aínda por definir en función dos resultados definitivos do 9X-, ERC rote no escano do que o vindeiro día 16 asume Ana Miranda.
A secretaria xeral dos conservadores, Paula Prado, encadrou esta crítica nun agoiro de "principio da fin" da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao tempo que proclamaba que Miranda "non merece representar a Galicia no Parlamento Europeo". Este enfoque logrou, cando menos mediaticamente, embazar as xornadas posteriores a un 9X no que o Bloque lograra poñer o foco en que, por primeira vez dende os tempos de Camilo Nogueira, vai principiar a lexislatura europea con escano de seu.
Paralelamente, a que noutrora fora cúpula do PPdeG céntrase dende Madrid en volver facer ver a existencia dunha "trama" en torno ao PSOE, desta volta poñendo no albo a Begoña Gómez, esposa de Pedro Sánchez, ao fío da demanda interposta contra ela pola organización ultradereitista Manos Limpias. Baseándose tamén en publicacións dalgúns medios, o equipo de Feijóo teima en popularizar a través das redes sociais a etiqueta #LaTrama para ligar con presuntos casos de corrupción "ao seu partido, ao seu Goberno e á súa contorna", insisten ante Sánchez.