O secretario xeral de Unións Agrarias amosa unha mestura de alivio e indignación polo arquivo provisional, cinco anos despois, da denuncia do PP contra o sindicato. Os conservadores chegaron a afirmar que Unións fora o mecanismo utilizado polo PSdeG para, na súa etapa de Goberno, sacar "pola porta de atrás da Xunta" máis de 600.000 euros para "pagar campañas electorais". A xuíza instrutora do caso advertiu que todos os pagamentos que o PP consideraba parte dunha "trama" estaban "debidamente xustificados" e, polo tanto, non detecta delito ningún. Para Roberto García, o proceso ao que foi sometida a central sindical, con "interrogatorios a agricultores, gravadora en man", non ten "precedentes en 30 anos de democracia".
Fin da batalla legal ou fin da primeira batalla? O PP di que vai recorrer...
Agora xa estamos no tema de como se retiran da forma máis digna posible. Despois de dous autos da xuíza, un de xaneiro e outro de setembro, despois das declaracións de dous altos funcionarios encargados de fiscalizar e investigar todas as contas do sindicato... queda pouca dúbida de que non houbo un só dato, nin achegado polo PP, nin pola investigación, nin polos funcionarios, que dea cobertura ao que foi a denuncia do PP e do Goberno galego. Polo tanto, claramente estamos máis próximos a unha denuncia falsa. O auto definitivo pódese alongar no tempo dous ou tres meses, pero non hai unha soa proba que poida dar cobertura a manter vivo este asunto.
Que consecuencias tivo para o sindicato? Sentiron que se resentía a súa imaxe pública?
"O que se pretendía era calarnos e ter xustificación para retirarnos as subvencións"
Sobre todo o que nos fixo foi sentir sensación de impotencia ante unha acusación sen ningún fundamento e que, malia non achegar unha soa proba en cinco anos, como recoñece a xuíza, xerouse nos medios non unha dúbida sobre Unións Agrarias, senón case unha certeza. Porque eran acusacións pechadas de fraude de subvencións, de desvío de fondos... dándoas practicamente por certas. Moitos traballadores pasárono mal, sufrindo interrogatorios dos funcionarios mandados polo Goberno galego ás sedes. Pero sobre todo valeunos para crear unha certa fortaleza entre a afiliación do sindicato. O que se pretendía era calarnos e ter xustificación para retirarnos as subvencións.
Era posible practicar a fraude da que os acusaron?
Cando o PP monta esta parafernalia, na que o PP denunciaba pola mañá e pola tarde corroboraba a Xunta, un tiña a sensación de que era todo moi orquestrado. Cando o PP accede ao poder ten nas mans todos os xustificantes do destino destes euros. Podía ter dúbidas na oposición, pero unha vez que accede ao Goberon e ten na Consellería de Traballo todos os expedientes ve que non é posible desviar cartos, a non ser que sexa coa complicidade do traballador. Procede a investigar e ver que hai un destino exhaustivo. E malia todo, o vicepresidente anuncia que van apelar, o de menos é se hai probas ou non.
Presentábanse como supostos ilícitos o que é o funcionamento ordinario dunhas asociacións que asesoran gandeiros e labregos, tales como tramitar subvencións conxuntamente?
"Non presentaron unha soa proba documental do que se afirmaba na denuncia"
Crearan uns supostos delitivos que non aparecen regulados. Crearon a alarma de que as distintas suvencións as tramitaba a mesma letra e falaban dun informe pericial que o demostraba... para falar do que pasa habitualmente con centos de subvencións que se tramitan en cada unha das oficinas, igual que 14.000 declaracións da renda, 200 plans de mellora... Converter en delitivo que un técnico faga proxectos non ten nin pés nin caeza. Despois falaron de que as contas estaban todas na mesma entidade, despois falaban do beneficio de xuros, cando chegaban tres meses despois e era Unións Agrarias quen anticipaba os cartos para pagarlle a cada traballador mentres non chegaba a subvención. Todo, a sabendas de que non xistía nada. Non hai moitos procedentes dun auto xudicial onde a xuíza diga que, despois de manter moito tempo aberto o prazo para presentar unha soa proba documental do que se afirmaba na denuncia, a día de hoxe seguimos esperando.
Enmarcan o acontecido na endencia de sementar dúbidas sobre os sindicatos en xeral?
Serviu precisamente para criminalizar os sindicatos, para ter disculpa de que, como estabas baixo un proceso xudicial, non conceder máis axudas, para, dalgún xeito, ameazar e que foses dócil na crítica. Ese foi o intento, ademais de servir, naquel entonces, para tapar outros escándalos do PP.
Sentíronse unha arma arreboladiza do PP contra o PSdeG?
Houbo xente que interpretou que o tema era contra o Partido Socialista. Fíxose a falacia de que o tema era debate político cando se ía contra Unións Agrarias. Había preocupación sobre o papel sindical de Unións e tentaron amedrentarnos e perseguirnos.
Valoran emprender novas accións contra o PP ou a Xunta?
Neste momento estamos pendentes da actuación que poida ter a Audiencia ante a apelación que anunciou o PP e, no momento en que a Audiencia decrete o arquivo valoraremos o que imos facer. Dende logo, a actitude do PP, mantendo esta acusación falsa malia aos informes exhaustivos que din que non atopan ningún tipo de irregularidade , fainos estudar con seriedade calquera tipo de actuación.