Foi un dos grandes culebróns políticos da pasada lexislatura. O que comezara no treito final do mandato do bipartito coa denuncia, por parte do PP, do caso dunha axente electoral do PSdeG que presuntamente captaba votos con fondos públicos, foi elevado á categoría de "trama" polos propios conservadores cando volveron ao Goberno. No ano 2010 o secretario xeral do partido e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, e o voceiro da formación e actual secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, actuaron como punta de lanza de duras acusacións contra os socialistas, aos que chegaron a acusar de sacar "625.000 euros pola porta de atrás da Xunta". A Xustiza considera agora que iso non aconteceu.
Segundo o publicado este venres por La Voz de Galicia o Xulgado de Instrución número 1 de Santiago vén de ditar o arquivo provisional da causa denunciada polo PP. A xuíza, Ana López-Suevos, non considera que, como acusaban os conservadores, 28 entidades vinculadas ao sindicato Unións Agrarias empregasen as subvencións que recibían da Consellería de Traballo para financiar os socialistas. Non ve, polo tanto, que se producise malversación de fondos públicos, nin fraude de subvencións nin financiamento ilegal do PSdeG.
O PP acusou os socialistas de financiárense ilegalmente a través de axudas concedidas ao sindicato Unións Agrarias
No auto xudicial citado polo xornal coruñés a maxistrada sinala que foron "funcionarios especializados" do Goberno galego os que "desvirtuaron" as "sospeitas" do PP. Así, explica, todos os pagamentos de subvencións recibiron polos colectivos sinalados polo partido que sustenta o Goberno estiveron "debidamente xustificados", é dicir, foron destinados para pagar nóminas do persoal, que era a finalidade para a que foran concedidas as axudas. O único que detecta son defectos "formais", como a non coincidencia entre o enderezo facilitado ao pedir a subvención e o lugar no que se desenvolvía o traballo ou a ausencia dos carteis anunciadores que teñen que locer as entidades que perciben estes subsidios.
O PSdeG esixe a dimisión de Rueda, que anuncia recurso
Os socialistas galegos respondían este venres ao auto a través do seu secretario de organización, Pablo García, quen no seu momento fora sinalado polo PP como un dos encargados de "tecer a trama" na súa etapa no sindicato agrario. En declaracións a Praza Pública García ve "constatado o que nós viñamos dicindo" e que agora ratifica a xuíza "cun razoamento lóxico": que non se produciu unha fraude porque, entre outras consideracións, era "materialmente imposible facelo".
"Era materialmetne imposible" que a fraude se realizase, di Pablo García
Alén de que a Xustiza dite o que agardaba, García coida que "o que dá medo" é que "unha persoa, sendo conselleiro de Presidencia e tendo a forma de facer as cousas do señor Rueda, parece o amo deste país", porque do seu departamento, censura, lanzouse "un proceso sumarísimo, sen precedentes neste país", no que "só faltou poñerlles un flexo na cara aos presidentes das asociacións" agrarias. "Moitos agricultores, que o único que fixeron foi pertencer a unha asociación, foron criminalizados". "O dano que se me tentou facer a min, persoalmente, con todas as barbaridades que se dixeron, é o de menos", reflexiona.
Neste contexto, lonxe de atender a reclamación de "perdón" que lle lanzan os socialistas, o propio Rueda aseguraba que, "probablemente", a formación conservadora presentará un recurso contra o arquivo da causa xa que existen "pronunciamentos anteriores" do xulgado de Corcubión, da Audiencia da Coruña e da Fiscalía que apuntan "indicios da posible comisión de delitos". "Está no seu dereito", retruca García quen, en todo caso, coida que agardar "uns meses máis" para o arquivo definitivo "é un mal menor". Polo camiño quedan, ademais de moitas declaracións, unha solicitude de comisión de investigación por parte do propio PP que nunca chegou a ser activada.