O PP de Galicia volve onde adoitaba estar, tamén nas eleccións europeas. Cinco anos despois de perder a súa habitual primeira posición, aínda en pleno desconcerto pola caída de Mariano Rajoy e cadrando cunhas eleccións municipais que non lle foran nada propicias, os populares completan o ciclo electoral impoñéndose con claridade nos votos emitidos polo electorado galego: un 43,62%, case catorce puntos máis que en 2019.
O resultado logrado polos de Alfonso Rueda é moito máis semellante ao que conseguiron nas eleccións galegas de hai catro meses (47,39%) que ao das anteriores europeas. Non así o do PSdeG, que perde a súa inusual primeira posición de 2019 tras retroceder 8 puntos, pero volve ser segunda forza en Galicia tras o pau do pasado febreiro.
O BNG, pola súa banda, queda lonxe do seu histórico resultado nas galegas, pero avanza 4,33 puntos. Faino nunha noite de celebración para a formación soberanista, porque Ana Miranda, número tres da coalición Agora Repúblicas, principiará a lexislatura europea con escano de seu na Eurocámara.
O PSdeG perde a súa inusual primeira posición de 2019 tras retroceder oito puntos; o BNG avanza máis de catro e celebra a consecución do escano para Ana Miranda
Alén de PP e BNG, a outra forza política que tamén medra en Galicia é Vox, aínda que moi discretamente. Obtivo 1,73 puntos máis que en 2019. Mentres, pola esquerda, Sumar estréase con siglas de seu con apenas un 2% dos votos e Podemos, que dentro da coalición Unidas Podemos conseguira o 8% dos votos na anterior convocatoria, queda cun 1,96%. Por diante da formación morada ficou a nova marca da extrema dereita, Se Acabó La Fiesta, co 2,03%.
Ollando alén da comparación con 2019, estas eleccións europeas foron para o PP galego moito mellores que as dúas anteriores (35,19% en 2014 e o devandito 29,79% en 2019), pero as súas porcentaxes non son tan esmagadoras como as de principios de século, cando con Fraga e Feijóo se achegara ao 50% dos votos. O PSdeG, pola súa banda, fica nun punto intermedio entre o seu gran resultado de 2019 e o pouco máis do 20% de 2013, en todo caso lonxe do 35% dos tempos de Zapatero.
O BNG, pola súa banda, confirma a liña ascendente de hai cinco anos. A formación que encabeza Ana Pontón ascende por riba do 15% en eleccións europeas en Galicia, a súa mellor porcentaxe nestes comicios dende os de 1999. En virtude dos acordos cos seus socios de coalición, este resultado previsiblemente lle permitirá sentar en Bruxelas e Estrasburgo durante a práctica totalidade da lexislatura.
Todo isto sucede nunhas eleccións europeas que, como adoito, estiveron marcadas pola baixa participación. Na noite electoral esa cifra quedou no 50,50% para Galicia, o cal permite avanzar que, unha vez sumado o censo de residentes ausentes (o CERA), o balance final ficará con máis da metade do electorado sen participar.
As europeas, concello a concello
Baixando ao detalle territorial, o habitualmente enganoso mapa da forza máis votada -que sexa a primeira non implica necesariamente que obtivese máis da metade dos votos- vólvese tinguir de azul PP este 9 de xuño con apenas unha decena de excepcións. Trátase dos concellos de Vigo, A Capela, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Pedrafita, Calvos de Randín, Entrimo e A Illa de Arousa, onde a primeira forza foi o PSdeG, e mais o concello de Vilar de Santos, onde o primeiro posto correspondeu ao BNG.