Hai agora dez anos, xusto despois das eleccións europeas de maio de 2014, gran parte das análises centrábanse no golpe sufrido polo bipartidismo -a suma de PP e PSOE- e mais pola irrupción electoral dun novo partido, Podemos, que no total estatal debutara naqueles comicios con case o 8% dos votos e cinco escanos. Mentres, o agregado de populares e socialistas quedaba no 49%: cinco anos antes sumaran xuntos o 80%.
Nas europeas de hai dez anos a irrupción de Podemos e o ascenso das forzas que participaban en AGE fora clave nun contexto de devalo do bipartidismo e de crise do BNG
En Galicia o bipartidismo non colapsara tan intensamente -pasara do 85% ao 57%-, pero tamén houbera moitas olladas postas en Podemos. O partido de Pablo Iglesias, líder que apenas dous anos antes participara como asesor na campaña de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) -coalición de Anova, Esquerda Unida e outras forzas- emerxía con forza, especialmente nas cidades, nun contexto alimentado por un forte devalo do BNG no que pouco despois xermolarían as coñecidas como mareas municipais, nas que tamén confluían as forzas de AGE, que asemade concorrera por separado a aquelas euroepas.
Dez anos despois, eses espectro político á esquerda do PSdeG experimentou notables mudanzas. E o seu protagonista é, esencialmente, o Bloque.
O reconto provisional das europeas deste 9 de xuño, situou a formación que lidera Ana Pontón e encabezou nestes comicios Ana Miranda un chisco por riba do 16% dos votos, que lle valen para principiar a lexislatura con escano en Bruxelas e Estrasburgo e ocupalo a maior parte do mandato -resta saber exactamente cantos anos, o cal depende dos acordos constitutivos da coalición Agora Repúblicas- . É un crecemento algo superior aos 4 puntos que dá á formación soberanista o seu mellor resultado nunhas eleccións europeas dende 1999. É, ademais, o seu maior apoio cidadán nunhas europeas que non cadran con outros comicios: as do 99, nas que Camilo Nogueira saíu electo eurodeputado, cadraran cunhas municipais especialmente propicias para o BNG, con fitos como lograren as alcaldías de Vigo, Pontevedra e Ferrol.
O Bloque obtén o seu mellor resultado nunhas europeas dende 1999 e o maior apoio cidadáns nestes comicios ao celebrarse sen cadrar na mesma data ca outros, como as municipais
O dominio do BNG neste espazo electoral contrasta cos discretos resultados das forzas que aspiraban ao caladoiro electoral das antigas mareas. Sumar Galicia, na súa segunda experiencia electoral en solitario no noso país, apenas superou o 2% dos votos -unhas sete décimas por riba do acadado nas eleccións galegas-. Podemos, pola súa banda, ficou nun discreto 1,96% (nas galegas non pasou do 0,29%).
En conxunto, non obstante, esas opcións consideradas á esquerda do PSOE finalizaron este 9X en Galicia na contorna do 20% dos votos, un nivel practicamente idéntico ao de hai cinco anos. E, sobre todo, unha porcentaxe moi afastada á daquel 2014, cando superaran conxuntamente o 25%
Se ollamos ás sete principais cidades, ámbito no que Podemos e as mareas lograran un maior pulo, o panorama é relativamente semellante, aínda que con algunhas diferenzas significativas . Tanto no que atinxe ao total da porcentaxe de votos obtidos por este espectro político como ao apoio obtido por cada unha delas, sempre co esquema xeral de ser o BNG a máis votada con ampla diferenza.
Santiago é a cidade onde as forzas á esquerda do PSdeG obteñen máis apoio nun contexto marcado polo relevante ascenso do Bloque, que exerce a alcaldía dende hai un ano
Así, por exemplo, a diferenza de apoio a estas forzas entre as cidades galegas é superior aos dez puntos. O maior rexístrase en Santiago, que é tamén onde o BNG obtivo a súa maior porcentaxe de voto urbano, con algo máis dun 21% un ano despois da chegada de Goretti Sanmartín á alcaldía. En Compostela, como noutras tres cidades (A Coruña, Lugo e Ourense), Podemos ficou lixeiramente por diante de Sumar.
Estas forzas da esquerda alén do PSdeG tamén lograron máis dun 20% de votos en Vigo, única cidade na que os socialistas lograron ser a primera forza. Na contorna do 20% están A Coruña e Pontevedra e preto dese nivel, Ferrol. Máis lonxe do dato xeral galego quedaron Lugo e Ourense.