A dirección estatal do PP, que continúa sendo a antiga dirección do PP en Galicia con engádegas, comezou formulando as eleccións europeas do 9 de xuño como un plebiscito. Os de Alberto Núñez Feijóo pediron unha vitoria contundente, isto é, unha primeira posición cunha marxe tan ampla que o PSOE de Pedro Sánchez ficase sen argumentos e sen folgos para seguir adiante co Goberno de España construído sobre os equilibrios emanados das eleccións xerais do pasado ano.
A dirección estatal do PP, que en boa medida é a antiga cúpula do PPdeG, non logra reproducir en España a hexemonía que tivo en Galicia malia facerlle a parcelaria a C's mentre ascenden os ultras
Os populares, efectivamente, gañaron. Pero non esmagaron. Sen contexto, os seus 14,05 de crecemento a respecto de 2019 poden xerar unha miraxe de triunfo moito maior. Pero o certo é que, alén de lle facer a parcelaria a Ciudadanos (que con 11,49 puntos menos que en 2019 non chegou este 9X ao 1%), o crecemento da extrema dereita (Vox gaña 3,41 puntos e 2 escanos, ata os 6, e o axitador ultra Alvise Pérez estréase cun 4,59% dos votos e tres asentos) non permite ao ex-presidente galego reproducir en España, nin de lonxe, a hexemonía que tivo en Galicia.
O PSOE asina unha derrota xestionable, un segundo posto non especialmente agre
Fronte a Feijóo, o PSOE que na recta final da campaña comezou a saborear o empate técnico cos populares non ficou moi lonxe del. Entre os múltiplos relatos de desgaste e fin de ciclo, o partido que encabeza Pedro Sánchez retrocedeu 2,68 puntos e perdeu un escano -cómpre ter en conta que España elixe agora 61 e durante a lexislatura que remata chegou a ter 57, tras o Brexit-. Para os socialistas é unha derrota xestionable, un segundo posto non especialmente agre que lles permite presentárense como cabeza resistente da alternativa ás dereitas en ascenso.
Tras os paus de 2014 e 2019, o PPdeG volve celebrar sen reservas nunhas europeas. O PSdeG vese na "senda da reactivación"
Galicia, como adoito, é outra historia. O PP, aquí si, venceu con amplitude. Con menos marxe que nas galegas de febreiro e aínda con menos contundencia que nalgunhas eleccións europeas pasadas, pero si recuperándose dos paus que levaran tanto en 2014 como en 2019. O 43,62% de votos logrados por Alfonso Rueda supoñen un crecemento de 13,83 puntos, inferior á media estatal, pero dabondo para celebrar sen reservas, sobre todo por lograren maior porcentaxe que a suma de PSdeG e BNG.
O PSdeG, precisamente, rematou a noite do 9X cun aquel de alivio. Perdeu a inusual primeira posición obtida hai cinco anos e retrocedeu oito puntos, pero tamén logrou o segundo posto que segue sen dar recuperado nas eleccións galegas. Nas súas primeiras eleccións tras o retorno á secretaría xeral, José Ramón Gómez Besteiro ve o seu partido na "senda da reactivación" malia ao contexto "extraordinariamente adverso" e reafírmase na súa aspiración de seren "referencia da esquerda".
A terceira posición en votos en Galicia foi para un BNG cuxa coalición con EH Bildu e ERC, Agora Repúblicas, conseguiu unha significativa cuarta posición no cómputo total do Estado. Para o Bloque a do 9X foi unha noite de sorrisos, a comezar por Ana Pontón e Ana Miranda. Non só por conseguiren os seus mellores resultados nunhas eleccións europeas dende 1999, as que supuxeran todo un fito para a formación por dar situado a Camilo Nogueira na Eurocámara, senón porque dan por "cumprido" o obxectivo do "escano galego".
O BNG, o que máis medra na súa coalición, dá por cumprido o obxectivo do "escano galego"
Miranda, número tres da coalición, principiará a lexislatura con escano de seu en Bruxelas e Estrasburgo, onde tras as os períodos rotatorios das dúas lexislaturas anteriores gañará un evidente peso político, á espera de coñecer cantos anos será membro efectivo do Parlamento -fontes consultadas por Praza.gal apuntan que arredor de catro-. Máis aínda por ser a forza da coalición Agora Repúblicas que máis medra. Non en van, o Bloque avanza 4,33 puntos en Galicia; EH-Bildu gaña 4,23 en Euskadi -onde é primeira forza- e 2,77 en Navarra mentres ERC perde 6,40 puntos en Catalunya.
A satisfacción do BNG, pero tamén de EH Bildu en Euskadi e Navarra, prodúcese polos seus propios resultados pero tamén en contraste coas formacións de ámbito estatal que veñen aspirando a pescar no espectro ideolóxico comunmente coñecido como a esquerda do PSOE. O resultado agregado de Sumar e Podemos non chega ao 8% dos sufraxios a nivel estatal, isto é, menos do 10,07% obtido por Unidas Podemos en 2019, coalición que acabara tendo un escano máis que os cinco (3+2) que teñen agora por separado.
En Galicia, ambos partidos aspiraran a pescar parte do voto obtido noutrora polas mareas e as coalicións que as impulsaron, pero remataron o 9X con porcentaxes absolutamente discretas. Sumar apenas subiu do 2% dos votos e Podemos, cun 1,96%, ficou por tras do partido de Alvise Pérez.