Un Europarlamento con maioría da dereita e mais a extrema dereita no que a esquerda aguanta

Noite electoral do 9X na sede de Bruxelas do Parlamento europeo CC-BY-SA European Union 2024

O novo Europarlamento que funcionará ata o ano 2029 ten maioría conservadora e liberal no económico, con máis peso da extrema dereita. Os partidos da dereita (PPE e Renovar Europa) suman 272 escanos e perden seis a respecto dos resultados de hai cinco anos, os da extrema dereita (CRE e ID) gañan doce representantes e chegan aos 130, e na esquerda (S&D, Verdes/ALE e The Left) deixan atrás 25 escanos a respecto de 2019 para ficar con 223. Aínda así, a extrema dereita non medra tanto como prognosticaban algúns análises previos ás eleccións e a esquerda non afunde por completo.

O grupo do Partido Popular europeo (EPP) é o maioritario no arco parlamentario con 189 escanos, 13 máis que nas eleccións de hai cinco anos e cun 26,3% dos votos. Ségueo en escanos o grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas (S&D) que suma 135 representantes este 9X, catro menos que en 2019, polo que queda cunha porcentaxe de voto do 18,8%.

Tamén na dereita, o grupo Renovar Europa perde 19 escanos e queda con 83 e un 11,5% dos votos. Na extrema dereita, o grupo dos Conservadores e Reformistas (CRE) queda con 72 escanos, sobe tres e consegue o 10% dos votos; e Identidade e República (ID) chega aos 58, medra 9 e o 8,1% dos votos.

No lado da esquerda o grupo con máis peso tras o S&D son os Verdes/ALE, que baixan 19 escanos para quedar con 53 eurodeputados e o 7,4% dos votos. The Left perde dous, consegue 35 e un 4,9% do total de votos.

Ademais, hai 45 eurodeputados que non se integrarán en ningún dos grupos e, polo tanto, permanecerán como independentes. E hai 50 europarlamentarios que chegan por primeira vez a esta Cámara e aínda teñen por decidir se van traballar desde algún dos grupos xa existentes ou van traballar como eses 45 membros non adscritos.

En Francia estes comicios europeos supoñen unha gran vitoria para a formación de ultradereita de Marine Le Pen, que logra 30 dos 81 escanos que escollía a cidadanía francesa, 12 máis que hai cinco anos, para o grupo Identidade e República. Emmanuel Macron non agardou nin unhas horas e reaccionou nun dirixíndose ao país para comunicar a disolución da Asamblea Nacional e a convocatoria de eleccións lexislativas. "Non podo facer como se non ocorrese nada", aseverou o presidente francés.

Seguimento do escrutinio desde a sede do Parlamento europeo en Bruxelas CC-BY-SA European Union 2024

O grupo de extrema dereita ID tamén obtén a maioría en Austria con 6 escanos, 3 máis que en 2019. Nestas eleccións o Partido Popular europeo perde 2 escanos en Austria e fica como segunda forza. No outro lado da ultradereita o CRE logra a maioría en Italia da man da formación da súa primeira ministra, Giorgia Meloni, Hermanos de Italia, que incrementa os seus representantes europeos en 13 e gaña as eleccións superando o S&D cos seus 23 escanos. En Polonia o CRE empata en escanos co EPP, cada un con 20 europarlamentarios.

Inicio da lexislatura europea

As e os eurodeputados escollidos este 9X están citados do 16 ao 19 de xullo en Estrasburgo para a primeira sesión plenaria da nova lexislatura. Para este momento, os grupos terán que estar conformados, polo que eses 50 novos europarlamentarios terá que ter decidido o seu sitio para os vindeiros cinco anos.

Nesa primeira sesión plenaria en Estrasburgo o Parlamento elixirá a un novo presidente ou presidenta da institución, así como aos vicepresidentes e cuestores –órgano do Europarlamento responsable dos asuntos administrativos e económicos que afectan directamente aos deputados– e decidirá o número de parlamentarios que formará parte de cada unha das comisións.

Un tempo despois, desta mesma Cámara sairá aprobado o nomeamento dun novo presidente ou presidenta da Comisión Europea, que ten que contar co apoio maioritario dos eurodeputados. Avaliarán aos candidatos a comisarios mediante audiencias públicas. Mentres, os eurodeputados renovarán o exame e a modificación da lexislación, o escrutinio do traballo doutras institucións da Unión Europea e o debate de temas de actualidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.