As 24 horas previas a unhas eleccións son para descansar e estar coa familia, como mandan os manuais de comunicación política. A campaña destas eleccións europeas sentiuse pouco entre a cidadanía, a pesar da súa importancia estratéxica para Galicia.
O PPdeG informa de que os seus candidatos empregarán a xornada de reflexión "a agradecer o apoio recibido polo partido ao longo destes quince días e a recuperar parte do tempo que a política lles privou de pasar coa súa familia durante a intensa campaña".
Francisco Millán Mon aproveitou a mañá deste sábado para pasear polo centro de Pontevedra, a súa cidade, e tomar un aperitivo en compañía do seu irmán e a súa cuñada.
Nicolás González Casares, referente do PSdeG na candidatura do PSOE para as eleccións do 9X, pasou unha mañá "normal" de fin de semana por Lalín coa familia. "Facendo o que non puiden facer durante a campaña, que é estar con eles", salienta.
O socialista tivo tempo para achegarse á presentación dun libro e de compartir o aperitivo coas súas amizades. Pola tarde sairá a correr pola fraga de Catasós.
"É moi importante ir votar porque decídense cousas de comer, que producir, onde vivir, como comunicarnos co resto do mundo, e tamén decídese paz ou guerra", salienta Miranda
A eurodeputada e candidata do BNG, Ana Miranda, fixo un chamamento á participación nas eleccións europeas e salientou que este domingo decídense asuntos moi destacados para Galicia. "É moi importante ir votar porque decídense cousas de comer, que producir, onde vivir, como comunicarnos co resto do mundo, e tamén decídese paz ou guerra", salientou Miranda.
"Insto a que o pobo galego se mobilice masivamente e dar unha lección de democracia para decidir a quen queremos mandar a Bruxelas", manifestou Miranda desde o barrio vigués de Bouzas, onde pasou a mañá do sábado xunto a súa filla, amizades e veciñanza. A tarde pasaráa en Cuntis, onde visitará o camposanto no que están enterrados os seus pais, coa súa filla e amizades.