Un estudo sobre o apoio dos eurodeputados ás políticas verdes sitúa o popular entre os máis críticos mentres que todos os galegos presentan peor valoración en cuestións relacionadas cos océanos, que afectan á pesca, que coa biodiversidade ou o clima
Un centro de análises francés, Bloom, vén de publicar un estudo sobre cada unha das votacións en materia ambiental dos 853 deputados que pasaron polo Parlamento Europeo na lexislatura que agora remata. A análise permite comprobar como o Partido Popular Europeo sitúase á hora de votar sobre cuestións verdes en posicións moi próximas á extrema dereita, algo que se replica a nivel estatal no caso do PP e tamén co seu eurodeputado galego, Francisco Millán Mon.
O estudo dá ao popular unha puntuación global de 2,1 sobre un máximo de 20 puntos, un claro suspenso, fronte aos notables que obteñen con 15,9 puntos o socialista galego Nicolás González Casares e con 16,3 puntos Ana Miranda, do BNG. Pola súa banda, o ata agora eurodeputado de Ciudadanos Adrián Vázquez Lázara, que concorre ás eleccións do 9 de xuño en postos de saída do PP e que as dúas formacións presentaron como galego pola orixe da súa familia, obtén un aprobado, con 11,9 puntos.
O estudo analizou o voto de cada eurodeputado en 150 votacións e emendas presentadas durante a lexislatura en cinco áreas: clima (50), océanos (38), biodiversidade (35) e xustiza ambiental (27). Hai que ter en conta que aínda que a Eurocámara ten 705 escanos, 59 deles para España, durante a lexislatura producíronse mudanzas, de xeito que en total sentaron no hemiciclo 853 eurodiputados distintos, 64 no caso español. O feito de algúns deles estivesen pouco tempo pode deturpar as clasificacións nos seus extremos, ao recibir unha moi boa ou moi mala puntuación por moi poucas votacións.
No caso de Millán Mon, o estudo sinala que non votou a favor de ningunha medida en beneficio da biodiversidade. E en xeral todos os galegos presentan unha peor valoración en cuestións relacionadas cos océanos, nas que adoitan estar implicados intereses do sector pesqueiro galego.
O estudo permite comprobar que o PP sitúase en posicións moi próximas á extrema dereita
Na clasificación global de eurodeputados en función da súa menor sensibilidade verde, Millán Mon aparece no posto 99 de 853, e a nivel estatal sitúase no posto 12 de 64, empatado con Hermann Tertsch, de Vox. Pola súa banda, na escala contraria a nacionalista Ana Miranda está no posto 260 dos máis sensibles coas cuestións ambientais, algo por riba de Nicolás González Casares, e a nivel estatal sitúanse nos postos 18 e 21 respectivamente de 64.