Partiu. Cando, ás 23h00 da noite deste domingo, coñezamos os resultados das eleccións europeas -non poden ser públicos ata que pecha o último colexio electoral do continente-, pecharase un intensísimo ciclo electoral. O que comezou coas eleccións municipais daquel xa afastado 28 de maio de 2023.
O 9X pecha o ciclo electoral aberto polas municipais de hai apenas un ano
En apenas un ano votámolo todo. Primeiro, os concellos. A continuación, o Congreso no inesperado e explosivo 23X convocado por Pedro Sánchez como resposta ao pau xeral recibido polas esquerdas o 28M -con excepcións como Galicia. Despois, o pasado febreiro, o Parlamento galego e agora, este 9X, o europeo. Polo medio, ademais, noutros puntos do Estado celebráronse eleccións tan transcendentais como as vascas e as catalás.
Mesmo no hipotético caso de que Pedro Sánchez dese en disolver as Cortes e convocar unhas novas xerais este ano ou en 2025, o ciclo electoral xa sería novo. Daquela, este 9X é o fin de festa da xeira na que o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo contaba con rematar sentado no Palacio de La Moncloa. Tamén na que a esquerda galega aspiraba a poñer fin a un dominio do PP que segue onde estaba: presidindo a Xunta.
A sensación de campaña non foi especialmente elevada entre a poboación malia á forte tensión entre as principais forzas de ámbito estatal nunha campaña na que, por veces, Europa semellou pouco máis ca un pano de fondo malia á transcendencia dos comicios
Que as europeas deste 9 de xuño sexan as últimas eleccións dun ciclo tan amplo, unido ao feito de que desta vota non cadran con ningunha elección doméstica, contribuíu a que a sensación de campaña non fose especialmente elevada entre a poboación xeral malia á forte tensión entre os principais partidos de ámbito estatal. Isto sucedeu malia á transcendencia das eleccións europeas. Porque Europa, ao cabo, semellou por veces un pano de fondo para unha campaña centrada noutros asuntos.
Sexa como for, a campaña e o ciclo electoral finalizan. No caso galego, fíxoo cun ton tirando a baixo e co groso de forzas políticas organizando, agás excepcións -caso do PP coa romaría do Pino ou do BNG este mesmo venres no compostelán pavillón Fontes do Sar-, actos de menor formato que noutras convocatorias. Pero cos líderes, non obstante, animando á participación o 9X, cadaquén dende as súas coordenadas.
O PSdeG pide votar por "máis Europa, máis dereitos e liberdades"
O PSdeG, forza máis votada nas europeas a nivel estatal e tamén en Galicia hai cinco anos, aproveitou o día final da campaña para chamar polo triunfo de "quen cre en Europa e non de quen discute Europa". Así apelou o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, que nunha visita a Lugo sinalou as obras de peonalización do caso histórico da cidade, no seu tramo final, como exemplo do impacto dos fondos europeos no país.
O referente dos socialistas galegos na candidatura do PSOE, Nicolás González Casares, advertiu nesta xornada final do "moito que se xogan Europa, Galicia e España" este domingo. "Trátase de avanzar polo camiño de máis Europa, máis dereitos e liberdades" ou "rebaixarse á lama e caer no retroceso das forzas reaccionarias", sinala o lalinense, quen ve o PP "mimetizado coa ultradereita.
O PP, co foco en Pedro Sánchez
Nas horas finais da campaña, o PP galego mantivo o foco en Pedro Sánchez malia rexeitar agora que o 9X deba ser interpretado como un "plebiscito" sobre o presidente do Goberno de España. Neste sentido, a secretaria xeral e xefa de campaña do PPdeG, Paula Prado, pediu non absterse nestes comicios porque quedar na casa "supón avalar a amnistía, a corrupción de Pedro Sánchez, os pactos cos independentistas" ou "a discriminación a Galicia".
Previamente, xunto ao seu referente na lista do PP, Francisco Millán Mon, Alfonso Rueda pedira o pasado xoves nun mitin en Pontevedra un resultado "contundente" a prol do seu partido. Porque ou o PP gaña con claridade ou "a alternativa sería unha esquerda que fai todo o contrario do que promete, usa as institucións no seu beneicio" e "beneficia a uns a conta doutros con amnistías e regalos fiscais", afirmou o presidente da Xunta.
O BNG, por unha "voz propia" para Galicia e polas "causas xustas"
O BNG, pola súa banda, ten como gran aspiración neste 9X manter o impulso acadado nas eleccións galegas, nas que logrou o mellor resultado da súa historia. Ás portas do peche da campaña a súa portavoz nacional, Ana Pontón, pediu o voto para "o equipo da casa" advertindo de que elixir a papeleta do Bloque implica "dar voz propia e firme a Galiza en Bruxelas" e, ao mesmo tempo, "defender todas as causas xustas".
O que está en xogo o 9X, agrega a candidata do BNG, Ana Miranda, é que "en Bruxelas se fale dos temas galegos, das preocupacións dos traballadores e traballadoras, da xente do mar e do agro, da mocidade, das persoas que non chegan a fin de mes, das que non reciben atención médica", exemplificou. Se ela volve ser eurodeputada, asegura, manterá unha "voz libre e sen intermediarios" a prol dos intereses galegos, "a diferenza das forzas estatais".
Alén das forzas con representación parlamentaria en Galicia, tamén outras formacións apelaron nesta xornada final, coma o resto da campaña, polo voto do electorado galego. Sumar e Podemos, nomeadamente, mantiveron nestas semanas axendas electorais centradas en encontros sectoriais, repartos e visitas a diversas localidades procurando recoller sufraxios que noutrora optaron polas mareas pero que, por exemplo, o pasado 18F optaron sobre todo polo BNG.