O nacionalismo vasco no seu conxunto acada o seu maior número de escanos, 54 de 75, e PSE-EE preséntase como a formación clave para elixir lehendakari
O PNV obtivo nas eleccións deste domingo en Euskadi a vitoria en número de votos, con algo máis do 35% dos sufraxios totais, seguido de EH Bildu, con algo máis do 32%, pero as dúas formacións obtiveron o mesmo número de escanos, 27, un práctico empate que deixa a gobernabilidade pendente de posibles pactos, nos que o PSE-EE, con 12 escanos, pode ser clave. O resultado supón tamén unha suma de 54 escanos para o nacionalismo vasco, a cifra conxunta máis alta conseguida en todas as eleccións celebradas ata agora, por riba dos 52 que sumaron en 2020.
Ás eleccións celebradas este domingo en Euskadi chegouse coa expectativa de que delas sairía quen será o sexto lehendakari vasco baixo o Estatuto de Autonomía de 1979. Así o provocaba de entrada o feito de que o PNV presentase un novo candidato, Imanol Pradales, para substituír o ata agora presidente, Iñigo Urkullu, no cargo desde 2012. Unha renovación de caras que se produciu tamén en EH Bildu, con Pello Otxandiano tomando o relevo a Maddalen Iriarte.
Porén, as urnas deste 21 de abril deixaron un panorama aberto que deberá ser resolto con acordos entre as forzas políticas. O PSE-EE, que sube dous escanos, vén de apoiar en Euskadi na anterior lexislatura ao PNV, que se deixa catro asentos. EH Bildu, que aumenta seis escanos, está pola súa banda apoiando a Pedro Sánchez en Madrid, e en Euskadi só di pecharse a pactos con PP e Vox, o que permitiría tanto un goberno de esquerdas co apoio socialista como un soberanista co PNV. Pero o PSE-EE, que dixo querer ser a chave da gobernabilidade, ven rexeitando pactar con EH-Bildu e evidenciou en campaña a súa disposición a repetir pacto co PNV.
Por detrás destas tres formacións, o resto de partidos obtiveron resultados que en principio non parecen condicionar a gobernabilidade. O PP, que tiña 6 escanos, aumenta un, mentres que á súa dereita Vox mantén o que xa tiña.
Pola esquerda, Podemos perde os 6 escanos que tiña pero a cambio Sumar só é quen de lograr un.
Foron estes uns comicios que por primeira vez desde 2009 se celebraron de xeito separado dos galegos, logo de que en 2012, 2016 e 2020 Alberto Núñez Feijóo decidise facer coincidir a súa convocatoria electoral coa do lehendakari, algo que non fixo este 2024 Alfonso Rueda ao optar no seu caso por adiantala ao pasado 18 de febreiro. Pero tras estas dúas eleccións no que vai de ano aínda virán máis. O próximo venres comezará a campaña electoral das eleccións catalás que se celebrarán o 12 de maio. E un mes máis tarde, o 9 de xuño, volverá haber eleccións en Galicia, coa celebración das eleccións europeas.