O manifesto da 'Time Use Initiative' procura a implicación das forzas políticas que concorren ao 9X nun contexto no que unha de cada cinco persoas na UE "non teñen literalmente un minuto para si mesmas"
Maior risco de depresión, obesidade, ansiedade ou enfermidades cardiovasculares. Diminución da participación democrática. Perda de contacto con familiares e amizades. Ou unha perda de entre un e dous puntos do Produto Interior Bruto por unha falta de sono que vira "estrutural".
Son só algunhas das consecuencias da falta de tempo no noso día a día. Segundo datos recompilados pola Time Use Initiative (TUI), unha organización sen ánimo de lucro con sede en Barcelona e conformada por persoas expertas de múltiples ámbitos de coñecemento, unha de cada cinco persoas na Unión Europea "non teñen literalmente un minuto para si mesmas" proporción que escala ao 34% no caso das mulleres con fillos ou fillas.
Fronte a esa "desacougante sensación de estar continuamente baixo presión", que resumen como "pobreza de tempo" ou "desigualdade temporal", a TUI aproveita as inminentes eleccións europeas deste domingo 9 de xuño para, apoiándose en debates xa abordados no Parlamento Europeo e no propio traballo desenvolvido pola entidade, apelar ás forzas políticas. Chámanas a traballaren efectivamente polo "dereito ao tempo" na vindeira lexislatura comunitaria.
Candidatas e candidatos como a galega Ana Miranda (BNG); a cabeza de cartel de Podemos, Irene Montero; a socialista Lina Gálvez; Jaume Asens (Comuns - Sumar) ou Diana Riba (ERC), secundaron xa o manifesto no que a TUI sintetiza unha ducia de grandes liñas políticas que, cren, poden avanzar no obxectivo de que a cidadanía logre a "soberanía" sobre os seu propio tempo, ilustran. Que é tanto como "transformar a sociedade" para lograr " máis benestar".
Baixando ao concreto, o manifesto da TUI promove iniciativas que van dende instar o Parlamento Europeo a adoptar unha declaración política polo dereito ao tempo a accións máis concretas como cancelar o cambio horario estacional dende 2026. Tamén a aplicación dun programa piloto de redución da xornada laboral a nivel europeo, avanzando cara á consecución da xornada de catro días semanais.
Ana Miranda ou Irene Montero, entre as candidatas que xa asinaron un manifesto que propón medidas como cancelar o cambio horario estacional ou a redución da xornada laboral, xunto a outras como campañas de concienciación ou maior calidade dos datos neste ámbito
Neste contexto, abondan, a vindeira Comisión Europea debera abordar o dereito da cidadanía ao seu tempo indo alén do traballo remunerado. Cómpre ter tamén en conta "as corresponsabilidades de coidado, o descanso e o lecer" ao "formular estratexias sociais, de emprego e saúde". E isto pasa dende contar con servizos de coidado a prezos asumibles, "con mellores condicións de traballo para persoas coidadoras", ata abordar dende a política o desequilibrio dos coidados no fogar, "desproporcionadamente" asumidos polas mulleres.
Contar con máis datos de calidade sobre o uso do tempo a través de Eurostat -a oficina estatística da Unión-, lanzar un proxecto piloto de Bancos de Tempo nivel europeo ou desenvolver campañas de concienciación ao respecto son outras das propostas nun contexto no que, agregan, as propias institucións europeas deben "liderar co exemplo", funcionando con horarios "máis racionais" e "humanos". Por exemplo, á hora de programar plenos da Eurocámara ou conferencias de prensa.