As recentes consideracións da vicepresidenta e ministra de Traballo a respecto da racionalización horaria en xeral e das xornadas laborais no sector hostaleiro en particular devolveron a cuestión ao debate público. A postura formulada por Yolanda Díaz evidenciou tamén que segue pendente a comprometida lexislación nesta materia, así como o reforzamento dos controis ao respecto dende a Inspección de Traballo.
Os traballadores da hostalaría remataron 2023 cunha media dunhas 43 horas semanais en Galicia, mentres que as traballadoras roldaron as 38, segundo a EPA
Alén das caricaturizacións políticas e mediáticas dos últimos días, o certo é que os datos dispoñibles ao respecto acreditan que o hostaleiro é un dos sectores que segue excedendo o límite legal xeral de 40 horas de traballo semanais. Faino malia amosar unha tendencia á redución no número de horas traballadas durante a última década, na que a hostalaría se viu especialmente axitada por fenómenos como a pandemia da COVID-19, durante a cal estivo no centro das limitacións, pero tamén das axudas e de consideracións gobernamentais como o veto aos encontros entre persoas non conviventes na rúa dende o peche dos pubs á apertura dos bares.
Se ollamos á información dispoñible para Galicia na Enquisa de Poboación Activa (EPA), observamos que a hostalaría pechou o trimestre final de 2023 -último dato publicado- cunha media de 40,1 horas traballadas á semana. Previamente, na temporada de verán roldara as 42 horas.
A hostalaría é un dos sectores con máis horas traballadas en Galicia, segundo os datos oficiais, aínda que a superan outros como agricultura, construción, transporte ou algunhas industrias
Non obstante, se acudimos aos datos desagregados por sexo o panorama muda un chisco. Os traballadores da hostalaría remataron 2023 cunha media dunhas 43 horas semanais, mentres que as traballadoras roldaron as 38.
Hai unha década, os traballadores estaban na contorna das 47 horas semanais na hostalaría e as traballadoras, arredor das 40, cun total para o sector de arredor de 43. Alén das diverxencias que poidan existir entre as respostas obtidas pola EPA e a realidade laboral diaria, o certo é que dentro da propia hostalaría medran, alén dos voceiros dalgunhas organizacións gremiais, as voces a prol de reducións horarias que, por exemplo, xa aplican dende hai tempo diversos bares e restaurantes, especialmente os de alta gama.
As horas traballadas noutros sectores e a futura lei
Sempre segundo a devandita fonte estatística, o hostaleiro é un dos sectores con máis horas traballadas, pero non o que máis. En Galicia agricultura e a gandaría encabezan este rexistro, con cifras próximas ás 50 semanais. A industria, a construción ou o transporte tamén tenden a manterse por riba do limiar das 40 horas semanais, segundo os datos da EPA para o noso país. Na banda contraria, como amosa o gráfico baixo estas liñas, atópanse sectores con máis presenza do sector público, como sanidade e educación.
Entre as recomendacións do informe para a futura Lei de Usos do Tempo e Racionalización Horaria inclúese "promover o adianto dos horarios de peche da restauración" e tamén do comercio
Estas cifras medias rexístranse nun contexto no que a axenda lexislativa do Goberno de España segue tendo pendente o impulso da anunciada Lei de Usos do Tempo e Racionalización Horaria, dependente precisamente do Ministerio de Traballo. No marco dos traballos previos á presentación da norma, o departamento que dirixe Díaz encomendou un estudo ao grupo de persoas expertas Time Use Initiative cuxas conclusións recomendaban, entre outros moitos aspectos, "promover o adianto dos horarios de peche de restauración e actividades de lecer".
Dentro do apartado do estudo dedicado ao comercio e ao consumo, o traballo apuntaba a que un dos obxectivos da futura lei debera ser "racionalizar os horarios de comercio, lecer e restauración" tras anos nos que "sufriron unha gran liberalización horaria". Neste sentido, indicaban, cumpriría "restablecer o límite de horas de apertura mínima a 72" nos establecementos comerciais -foi ampliado a 90 en 2004- e "avanzar os horarios de peche, compactando a pausa do mediodía".
Accións coma estas, advertían, permitirían "fomentar hábitos de compra e consumo responsable". Pero tamén -e sobre todo- acadar niveis máis altos de conciliación da vida familiar, laboral e persoal, reducindo a pobreza de tempo".