O Goberno de España vén de aprobar por decreto a ampliación de permisos incluídos na lei de familias do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 que decaera por mor do adianto da convocatoria electoral tras ser aprobada o pasado 28 de marzo.
Esta ampliación de permisos inclúense na última prórroga do Real Decreto-lei de medidas anticrise que aprobou este martes o Executivo e supón tres novas medidas para axudar na conciliación da vida das familias. Así, apróbase un permiso de coidado de cinco días ao ano retribuídos destinado a utilizar en caso de accidente ou doenzas graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que necesite repouso, tanto no caso de familiares de ata segundo grao como de conviventes, o que supón unha novidade co establecido ata agora.
O Goberno central aproba o permiso de coidado de cinco días ao ano, outro "por causa de forza maior" para os pais e outro parental de oito semanas
Tamén quedou aprobado un segundo permiso "por causa de forza maior". Neste caso distribúese por horas e poderá alcanzar un total de catro días ao ano. Estará retribuído e está destinado para que nais e pais poidan ausentarse do traballo no caso de motivos familiares urxentes, como por exemplo cando unha crianza se poña enferma.
No caso do terceiro, supón a aprobación dun permiso parental de oito semanas que poderá collerse de maneira continua ou descontinua, a tempo completo ou parcial, ata que o menor faga oito anos. Neste caso, non é retribuído, senón que supón unha especie de excedencia curta que poderá partirse ou gozar dunha única vez.
O ministerio de Belarra logra incluír estes novos permisos para axudar na conciliación que se incluían na lei de familias que decaera polo adianto electoral
Ademais, no real decreto, que entrará en vigor con toda probabilidade este mércores así que se publique no BOE, o ministerio que encabeza Ione Belarra logrou tamén incluír que as parellas de feito teñan dereito aos quince días de permiso por rexistro ao igual que os matrimonios, unha posibilidade que tamén contemplaba a Lei de Familias.
Ione Belarra amosou a súa satisfacción por ter logrado aprobar estes permisos antes de que remate a lexislatura, pero tamén dixo ser consciente de que non é "suficiente" ante a "emerxencia de conciliación" que sofren tantas familias e persoas en España.
Por outra banda, o mesmo Real Decreto-lei aproba a prórroga dalgunhas das medidas para facer fronte ás consecuencias económicas da guerra de Ucraína e a suba de prezos que caducaban o vindeiro venres 30 de xuño, como as rebaixas do IVE dos alimentos e as axudas ao transporte público.
O Executivo de España aproba a prórroga da rebaixa do IVE de alimentos e as axudas ao transporte público
O paquete de medidas mobiliza 3.800 millóns de euros adicionais, aínda que o impacto total tendo en conta as axudas totais, bonificacións e rebaixas de impostos, é de 8.900 millóns, segundo debullou a ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño.
Deste xeito, mantense a supresión durante seis meses do IVE do 4% que se aplica a todos os alimentos de primeira necesidade, entre eles o pan ou o leite, e a rebaixa do 10% ao 5% o do aceite e a pasta.
Dentro do grupo de alimentos básicos co IVE eliminado inclúense queixos, ovos, froitas, verduras, hortalizas, legumes, tubérculos e cereais que teñan a condición de produtos naturais de acordo co Código Alimentario.
Ademais, prorrógase tamén a redución do prezo de abonos e títulos multiviaxe de transporte público, aínda que o desconto nos trens de proximidade de Renfe e media distancia xa se estendera todo o ano. O Goberno central seguirá bonificando cun 30% o transporte público do resto de administracións sempre que se comprometan estas a aumentar este desconto ata o 50%.
Tamén se prorrogan as axudas ao gasóleo para os transportistas profesionais, agricultores e gandeiros, polo que ata o 30 de setembro a bonificación será de dez céntimos por mes, mentres que no último trimestre será de cinco céntimos por litro.
Supresión da prórroga de seis meses do alugueiro
Por outra banda, o Executivo central eliminou do paquete de medidas a posibilidade de estender seis meses a vixencia dos contratos de alugueiro cos mesmos termos e condicións establecidos no contrato que estivese en vigor. Nadia Calviño defendeu que a Lei de Vivenda validada polas Cortes xa prevé que as persoas vulnerables poidan estender nun ano a duración dos contratos.
Con todo, hai que ter en conta que a limitación da actualización anual da renda dos contratos de arrendamento que impide subas superiores ao 2% xa está prorrogada ata o 31 de decembro de 2023.
De feito, a Lei de Vivenda xa establece ese límite do 2% para este ano na suba do alugueiro e elévao ata o 3% en 2024 para, antes do 31 de decembro do vindeiro ano, crear un novo índice de referencia aplicable ao territorio á marxe do IPC.
Ademais, tamén se mantén ata final de ano a suspensión do procedemento de desafiuzamento e dos lanzamentos para fogares vulnerables cando non haxa alternativa de vivenda.