Permiso de 8 semanas, renda crianza ou máis licenzas para coidar: o que xa sabemos da nova lei de familias

Unha nai e a súa filla nunha zona verde de Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Luz verde do Consello de Ministros ao anteproxecto de lei de familias. O texto legal, que agora inicia trámite para converterse en proxecto e ser remitida ao Congreso, é presentado polo Goberno do PSOE e Unidas Podemos como un instrumento para abordar "un dos problemas centrais" da sociedade, en verbas da ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra. Aínda que "non encha portadas nin horas de faladoiros", sinala, "calquera que teña fillas e fillos" ou os "vise criar" sabe "o difícil que é conciliar a vida laboral persoal" e isto é, en boa medida, di, o que a nova lei pretende facilitar.

"Pedímoslles aos pais e nais que sexan superheroes e superheroínas, ímoslles pedir que sexan pais e nais, que xa é dabondo", sintetiza Belarra para avanzar os "piares" da norma, cuxo texto completo será público cando sexa rexistrado no Congreso. Entre eles destacan os preceptos en materia de conciliación, con "tres novos permisos".

Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais, presentando o anteproxecto de lei de familias tras a súa aprobación no Consello de Ministros deste 13 de decembro de 2022 © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

O primeiro deles implica a "ampliación do xa existente" por accidente, enfermidade grave, hospitalización ou operación cirúrxica, que ata agora contaba con dous días -como norma xeral- e se cinguía a persoas con parentesco directo. Coa nova lei será de ata 5 días retribuídos ao ano para atender familiares de ata segundo grao, pero "tamén a conviventes, teñan ou non relación de parentesco", avanza a ministra.

O permiso por accidente ou enfermidade de familiares amplíase de 2 a 5 días e esténdese a conviventes. Xunto a el, a lei crea un novo de 8 semanas para coidado de fillas e fillos ata oito anos e outro de catro días por "causa de forza maior" no ámbito familiar

Xunto coa reformulación dese permiso chegará outro para pais e nais. Estará, neste caso, dotado con 8 semanas que poderán utilizarse "de forma continua ou discontinua, a tempo parcial ou completo" ata os 8 anos de idade da filla ou fillo. A intención do Executivo é implantalo gradualmente, con 6 semanas en 2023 e as oito en 2024. Está concibido, sinala Belarra, para "axudar, por exemplo, no período de adaptación á escola infantil" ou no inicio das vacacións escolares, exemplifica.

O terceiro dos permisos contemplados pola norma é o de catro días "completos ou por horas" cada ano "por causa de forza maior" no ámbito familiar. Sería o indicado, sinala, para empregar "cando neno se puxo malo pola noite ou cómpre acompañar á parella a unha cita médica".

Xunto a estas licenzas para coidar, a lei estende os 15 días de permiso por matrimonio ás parellas de feito, con idéntica duración a partir do rexistro. Trátase, defende o Executivo, de "dar recoñecemento xurídico aos distintos tipos de familia".

Actividade nunha escola infantil da Coruña © Concello da Coruña

Alén dos permisos, a lei de familias reformula diversas prestacións, a comezar por facer permanente a denominada "renda de crianza" de 100 euros ao mes que xa vai incluída nos Orzamentos Xerais de 2023. Diríxese ás nais con fillas e fillos de 0 a 3 anos que perciban unha prestación por desemprego (contributiva ou non contributiva) ou "coticen trinta días a partir do parto", así como "ao cen por cen das mulleres con emprego a tempo parcial ou temporal".

A "renda de crianza" de 100 euros ao mes chegará á máis nais e as parellas de feito gozarán do permiso de 15 días ata agora limitado aos matrimonios

A lei de familias prevé tamén, entre outras accións, estender "as prestacións que perciben as familias numerosas" (con dous ou máis fillos) ás "familias monoparentais e monomarentais". "Digo monomarentais -matiza a ministra- porque están encabezadas na súa maioría por mulleres". Esta "equiparación", especifica, atinxirá a eidos como bolsas de estudo, taxas ou bonificacións, entre outras.

A extensión do "dereito subxectivo ao acceso universal á atención temperá" a todo o Estado e "non limitada á primeira infancia" ou un "plan estatal" con medidas comúns de apoio á infancia de 0 a 3 anos son outros dos preceptos dunha norma que, anticipa Belarra, contempla tamén o "dereito á información en actividades de diversidade familiar", o que implica que "non se poderá aplicar", por parte de pais e nais, o veto a que a rapazada participe nesas actividades na escola, polo que de facto quedará fóra da lei o coñecido como "pin parental". A medida chegará conxuntamente cun "novo marco de protección ás familias LGBTI, familias múltiples, adoptivas ou acolledoras", resume.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.