"En el sobre de matrícula meteré una casilla para que los padres elijan el idioma de las asignaturas troncales". A poucos días das eleccións galegas de 2009 o daquela líder da oposición e candidato do PP á Presidencia, Alberto Núñez Feijóo, expresábase deste xeito nunha entrevista con El País para resumir os seus plans sobre a lingua galega no ensino. Reiteraba a mesma idea que xa expuxera noutra entrevista con Federico Jiménez Losantos e que o programa do PPdeG, non obstante, matizaba coa promesa de "escoitar, a través de procedementos regrados, a opinión dos pais en relación coas materias que se impartirán en cada idioma".
"En el sobre de matrícula meteré una casilla para que los padres elijan el idioma de las asignaturas", prometera Alberto Núñez Feijóo como candidato do PP á Xunta antes das eleccións de 2009
Con estas promesas o actual presidente da Xunta asumía a esencia do argumentario da asociación daquela denominada Galicia Bilingüe, que recollera o testemuño de reivindicacións contrarias ás medidas de normalización lingüística do galego antes presentadas baixo nomes como Tan gallego como el gallego. Estes colectivos, cos que a cúpula do PP galego se manifestou en vésperas das eleccións ao Parlamento do ano 2009, esixían á Xunta que permitise ás familias do alumnado decidir o idioma en que eran impartidas as materias escolares e excluír o galego se pais ou nais así o determinaban.
Os de Feijóo responderon lanzando unha promesa que, no lingüístico, é notablemente equiparable á cuestión que nos últimos días acapara titulares no ámbito do Estado: a esixencia de intervención paterna no ensino que o partido de extrema dereita Vox pon sobre a mesa como condición para aprobar os orzamentos alí onde é indispensable para completar maiorías de dereita xunto a PP e Ciudadanos, con Murcia como principal expoñente ata o momento.
No seu caso, a casilla ten como pretendido obxectivo que as familias poidan impedir, mediante a entrega dun documento, a asistencia do alumnado a determinadas actividades como formación en materia afectivo-sexual. Denomínana pin parental, equiparándoa así lingüisticamente aos mecanismos que permiten bloquear cun contrasinal, en dispositivos electrónicos, o acceso de menores a contidos para persoas adultas.
O veto parental de Feijóo bateu cos tribunais
Cando, poucos meses despois de lograr a Presidencia da Xunta, Feijóo anunciou os trazos xerais do que presentou como "decreto do plurilingüismo", a súa promesa xa non era esa "casilla en el sobre de matrícula", senón repetir unha enquisa ás familias como a que a Consellería de Educación realizara nos meses previos e cuxos resultados íntegros non divulgara. O plan, explicara Feijóo, consistía nunha "consulta que se realizará cada catro anos e que orientará a repartición horaria" de materias entre linguas.
Cando aprobou o decreto, a 'casilla' convertérase nunha enquisa vinculante ás familias do alumnado de Infantil
Cando, en maio de 2010, viu a luz o texto íntegro do decreto, a enquisa estaba presente, aínda que restrinxida ao ensino infantil. Foi neste punto no que entraron en xogo os tribunais. Entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística, Queremos Galego e CIG-Ensino, así como a Real Academia Galega, STEG e CC.OO. recorreron o decreto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En varias sentenzas, o alto tribunal galego rexeitou frear o conxunto da norma, pero si a controvertida enquisa e outros aspectos vinculados á mesma.
O TSXG sentenciou que a Xunta non podía "abdicar" das súas competencias no ensino para "someter a votación un aspecto tan fundamental como a lingua"
Concretamente, o TSXG determinou que a Xunta estaba a "vulnerar a configuración do dereito fundamental á educación" recollido na Constitución, posto que "os poderes públicos teñen encomendada a programación xeral do ensino, de cuxa potestade a Administración (...) non pode abdicar, sometendo a votación un aspecto tan fundamental como a lingua". A elección familiar, matizaba, restrínxese unicamente á decisión de se o alumnado cursa ou non a materia de Relixión.
Despois daquelas sentenzas, que tamén suprimían o artigo que outorgaba "liberdade ao alumnado para utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia", con independencia do idioma da materia, a Xunta embarcouse nunha batalla legal e, ao tempo, continuou distribuíndo enquisas lingüísticas ao alumnado de infantil. Pero o seu resultado, afirmou, xa non sería "vinculante". "Seguiremos facendo as consultas, pero non producen efectos legais porque a sentenza o impiden, pero será determinante para que nós adoptemos unha decisión ou outra", asegurara o presidente da Xunta.