A Xunta desafía o TSXG e seguirá consultando aos pais a lingua do ensino

O conselleiro, no acto dende o que avaliou a sentenza © Xunta

A Xunta cre que a sentenza do TSXG, na que se cuestiona a esencia do decreto do plurilingüismo, "constata a súa legalidade e avala o equilibrio entre galego e castelán", segundo un comunicado emitido este xoves á noite pola Consellería de Cultura e Educación. Pero ademais, desafía a Xustiza. O conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, advirte que o Goberno seguirá preguntando os pais polo idioma no que se lles imparte clase aínda que a resposta non sexa vinculante, malia a anulación do artigo por parte do Tribunal. "A consulta pódese facer igual pero será a Administración a que terá a capacidade de decidir unha vez que se escoite as familias", dixo este venres nunha visita a un centro en Arteixo, onde non descartou presentar un recurso de casación sobre a anulación do outro artigo, o que permitía ao alumno escoller a lingua que empregaba na clase. "Hai que analizar as alternativas, pero é unha das opcións", dixo.

O TSXG estimou parcialmente o recurso presentado pola CIG, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Queremos Galego contra o Decreto 79/2010 aprobado polo Goberno de Núñez Feijóo. Así, anula o artigo 5.2., a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil que supuxo por exemplo o varrido do galego no 96% dos centros de das cidades, e o 12.3. no que se establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da súa preferencia, neste caso porque é contrario ao desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística e ao fomento do uso progresivo do galego.

Jesús Vázquez advirte que a consulta farase igual e ameaza cun recurso de casación

Xa que logo, a sentenza elimina o cerne mesmo desta polémica normativa, que provocou unha morea de recursos xudiciais, o rexeitamento de toda a oposición e a comunidade escolar, históricas manifestacións na rúa e continuadas advertencias do Consello de Europa. Malia todo, a Xunta cre que a Xustiza "constata a legalidade dos principios inspiradores" do decreto ao "avalar o equilibrio entre galego e castelán" e considerar "axustada a dereito a introdución do plurilingüismo e constatar que potencia a promoción do galego no sistema educativo".

O certo é que o TSXG salva moitos dos puntos do decreto, entre eles moitos que tamén foron recorridos por sindicatos e asociacións, pero advirte que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais. A sentenza desestima os aspectos xurídicos que considera ilegais -e que foron promesas fundamentais do PP na campaña de 2009 cara á dereita máis extrema- e alerta sobre os principios ideolóxicos da política lingüística do Goberno galego. Pero o Executivo non semella escoitar e segue adiante.

De feito, Jesús Vázquez xa aclarou que a intención da Xunta era elliminar as teóricas discriminacións lingüísticas nas aulas e intentar que as familias participasen no sistema educativo. Así, non considerea que a sentenza do TSXG sexa un pau para o Goberno, senón un aval porque, explica, aceptou todos os artigos "agás dous". Ademais, advirte que non se fará reforma ningunha e que non se derogará o decreto.

Jesús Vázquez advirte que non haberá reforma ningunha do decreto e que non se derogará a norma

Nun comunicado anterior, a Xunta destaca que o TSXG só invalida "o 5% do total do decreto". En canto o veto á consulta ás familias, o Goberno considera que a Xustiza lle recomenda que "exerza a súa competencia do xeito máis consensuado posible coas familias". En canto á invalidación do artigo que permitía ao alumnado empregar calquera lingua oficial na aula, o Exectuvio estima "que o Tribunal basea a súa decisión non tanto nunha cuestión de legalidade como de coherencia interna do precepto, nomeadamente entre a liberdade do alumno e a conveniencia de que coincida a lingua usada e a lingua da materia".

A Consellería de Educación esperará a que cheguen a sentenzas pendentes para "tomar unha decisión ao respecto"

Ademais, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria  expresa "o seu escrupuloso respecto polas decisión xudiciais". "Polo momento estanse a estudar con prudencia as tres sentenzas emitidas e agardaremos ás que cheguen nas próximas semanas antes de tomar unha decisión ao respecto", finaliza, xa que aínda quedan pendientes decisións sobre outros recursos como o presentado pola Real Academia Galega (RAG).

O conselleiro de Educación, nunha visita recente a un colexio © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.