O Supremo asume a mala situación do galego pero nega que teña que ver co decreto

Presentación da declaración institucional da RAG sobre o galego © RAG

Foi a propia Consellería de Educación a que informou de que o Tribunal Supremo (TS) viña de desestimar o recurso presentado pola Real Academia Galega (RAG) contra o decreto do plurilingüismo. O departamento da Xunta aclaraba nun comunicado que o ditame do TS se sumaba "á doutrina ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que foi avalando a legalidade da mencionada norma, ao pronunciarse en contra dos recursos formulados desde distintas instancias". 

A Xunta di que a sentenza do TS únese ao "aval á legalidade do decreto" que lle deu o TSXG, que anulara dous puntos claves da norma

Non foi tanto así, xa que o Superior xa anulara dous dos puntos máis polémicos do decreto, ao invalidar a consulta vinculante aos pais para a elección do idioma en Infantil, así como a posibilidade de que o alumno empregase a lingua que lle petase na aula. O que agora fixo o Supremo foi ratificar aquel ditame -que declaraba ilegais dous puntos claves da política lingüística do Goberno do PP na escola- e rexeitar a anulación total do decreto, tal e como pedira a RAG mediante un recurso de casación centrado en dous argumentos esenciais: no feito de que non foi consultada formalmente durante a elaboración do propio decreto e en que a norma da Xunta modifica, a efectos prácticos, a Lei de Normalización Lingüística, de rango superior.

O Supremo non recoñece a RAG como órgano consultivo da Xunta

O ditame do Supremo non recoñece a RAG como órgano consultivo da Xunta e aclara que non se "infere da normativa vixente que deba ter intervención e emitir preceptivamente informe en todos aqueles proxectos que se refiran ao uso do galego”. E ademais, vén deixar clara a legalidade do decreto do plurilingüismo, aclarando tamén que a política lingüística que se leva a cabo en cada Executivo ten unha motivación política que determina tamén se é máis ou menos beneficiosa para o idioma, pero que non o invalida. 

Así, o Supremo asegura que o Goberno galego, en uso das súas competencias, ten dereito a establecer a súa política lingüística e afirma tamén, en contra do que consideraba a RAG -e outras moitas institucións e entidades galegas e europeas- que o decreto non conculca a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias. Engade tamén que a distribución de horas entre galego, inglés e español no ensino é congruente co propio Estatuto de Autonomía e coa Lei de Normalización. 

O ditame do TS asegura que a distribución de horas entre galego, inglés e español é congruente co Estatuto e coa Lei de Normalización 

Non obstante, o TS non dubida en deixar claro que a situación do galego non é a idónea. "Non nega a Sala que o uso do galego na comunidade autónoma non pode cualificarse neste momento como igual ou equivalente ao do castelán", di a sentenza, que engade que "cumpriría aceptar" os resultados "reflectidos polo IGE [...] respecto da franxa comprendida entre nenos de 5 a 14 anos] e que lle achegou a RAG. Refírese ás estatísticas que sinalan que tres de cada catro rapaces e rapazas de menos de 15 anos é castelanfalante

Malia iso, o Supremo cre que "de aí non cabe extraer en modo ningún que o modelo implantado polo decreto que se revisa sexa o responsable desa situación ou que, como defende a RAG, o 'equilibrio' e a 'non discriminación positiva para obter a igualdade' sexa o culpabe do insuficiente coñecemento da lingua propia de Galicia". "Entendemos que a análise do impacto do decreto recorrido sobre uso de ambos os dous idiomas exixiría non só unh horizonte temporal maior que o empregado [...], senón tamén unha análise técnica máis precisa e completa do que se segue dos datos que os documentos achegan", engade. 

A sentenza recoñece a situación de desiguldade do galego pero di que "en modo ningún" se debe ao modelo implantado polo decreto

Xa que logo, o TS asume a situación de desigualdade do uso do galego respecto do castelán, ten en conta as contundentes estatísticas do IGE sobre o tema, pero entende que o decreto do plurilingüismo e a diminución de horas lectivas en galego non ten nada que ver. De feito, incide tamén en que a Sala "non alcanza a identificar unha verdadeira discriminación material polo simple feito de que as materias técnicas, como as matemáticas, se impartan en castelán, metnres que as sociais se cursen en galego". E insiste en dicir que a opción do decreto "é lexítima, sen que poida cualificarse en absoluto de arbitraria, discriminatoria ou deliberadamente contraria aos fins de progresividade e igualdade que deben presidir a acción administrativa no ámbito educativo".

A RAG asegura que a sentenza contén "opinión discutibles e consideracións de feito infundadas" 

A RAG asegura que "respecta e acata" a sentenza do Tribunal Supremo, pero di que "non pode deixar de sinalar que nela se conteñen opinións discutibles e consideracións de feito infundadas, a contrafío de diversos estudos académicos, ditames institucionais e informes expertos de carácter oficial". En todo caso, a Academia reafírmase "nas súas conviccións" de que a normalización do idioma "é un obxectivo irrenunciable da sociedade galega e de que a Xunta de Galicia está moral e legalmente obrigada a tomar medidas positivas para conseguila". Por iso, a RAG insta novamente a Xunta de Galicia e "ofrece a súa leal colaboración para poñer en marcha iniciativas de alcance real cara a ese obxectivo".

 

Feijóo cre que o decreto é "o máis avalado"

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística lembran que a sentenza do TS "ratifica" a nulidade dos "puntos centrais nos que Feijóo baseou a derrogación do decreto do 2007: a posibilidade de os pais elixiren a lingua nas aulas e a non obrigatoriedade para o alumnado". 

A Mesa lembra que o TS tamén validou a inmersión lingüística en Cataluña

A Mesa lembra como xa no 2009 o TS validou integramente o decreto 124/2007 "sen que iso impedise a súa derrogación posterior, de xeito unilateral e coa oposición do conxunto da comunidade educativa, organismos consultivos, e entidades sociais de todo tipo" e sinala que "existen outros precedentes xurídicos onde o Supremo avala modelos radicalmente opostos ao do PP en Galiza, como o da inmersión lingüística en Cataluña, nunha sentenza de 2013".

"O goberno galego ten dúas opcións, a de regresar aos acordos tomados de xeito amplo, coa participación de organizacións sociais, sindicais, políticas, culturais, reflectidos no PXNLG, e tamén validados polo Supremo, ou agocharse detrás do TS para manter unha política unilateral e destrutiva coa lingua”, sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

CIG-Ensino, pola súa banda, cre que "unha vez máis a Consellaría de Educación mente cando afirma no seu comunicado que o TSXG avalou no seu día a legalidade" do Decreto 79/2010, cando a realidade "é que o TSXG, en resposta a varios recursos presentados contra o decreto declarou ilegais aspectos fulcrais da norma". 

Feijóo, non obstante, cre que o decreto é o documento “máis visto pola xustiza” e “máis avalado” xuridicamente, polo que instou os grupos políticos e organizacións sociais a “non seguir discutindo sobre aquilo que está ben feito”.

Feijóo pide "construír de novo a política lingüística" sobre a "base sólida" que supón o decreto

Nas súas declaracións, o presidente da Xunta instou a “todos os actores” implicados e a todos aqueles que creen que “o galego é a lingua propia de Galicia e que hai que protexela” a “empezar de novo a construír sobre bases sólidas” as políticas lingüísticas. Esa “base sólida”, explicou Núñez Feijóo, é precisamente o decreto do galego, que o Tribunal Supremo considera “conforme á Donstitución, conforme ao Estatuto de Autonomía e conforme á Lei de Normalización Lingúística”.

Xuntanza de académicos na RAG © RAG
Xuntanza do presidente da Xunta con dirixentes da RAG © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.