O Supremo non admite o recurso de Galicia Bilingüe contra o decreto do plurilingüismo

Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe CC-BY-SA Manuel Vilas

O Tribunal Supremo desbota os argumentos de Galicia Bilingüe e non admite o seu recurso contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o denominado decreto do plurilingüismo. A devandita asociación recorrera os ditames do alto tribunal galego para "reclamar o dereito a recibir o ensino na lingua materna até os 8 anos" e para "lograr que a Administración educativa respecte o uso de ambas as dúas linguas oficiais". A propia Xunta, que tamén interpuxo un recurso de casación, xustificou a súa decisión no feito de que outras entidades optaran por acudir ao Supremo, entre elas a propia Galicia Bilingüe pero tamén a Real Academia Galega (RAG), cuxo recurso si foi admitido e xa está a ser tramitado.

O Supremo admite e xa tramita o recurso da RAG pero desbota o de Galicia Bilingüe

Despois de que o TSXG invalidase ata en oito ocasións puntos clave da reforma lingüística de Feijóo, tales como a realización de consultas vinculantes ás familias ou a capacidade do alumnado para falar o idioma que considere oportuno con independencia da materia impartida, a RAG coidou que o Superior non atendera todos os defectos legais da norma e acudiu ao Supremo. Tamén o fixera antes Galicia Bilingüe, no sentido contrario, e incluso anunciou que o recurso fora admitido a trámite. Segundo fontes implicadas no proceso xudicial aberto, a situación non é tal e o Supremo inadmitiu esta apelación hai xa varias semanas, aínda que nin a asociación nin a Xunta, como implicada no caso, fixeron anuncio ningún da decisión.

Malia a confirmación que a Praza fan fontes coñecedoras da batalla xudicial aberta arredor do idioma, Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, negouse a confirmar ou desmentir a información. "Non imos facer declaración ningunha sobre temas xudiciais, preferimos levalos dunha maneira moi calada porque neste país pasan cousas bastante raras", asegurou, malia que deixou albiscar a súa decepción coa Xustiza. "Faremos  unha valoración no seu momento sobre todo o que está a acontencer, pero non sabiamos que había tantos intereses", insistiu, tras falar incluso da "politización" dos tribunais.

Galicia Bilingüe négase a confirmar a inadmisión do recurso pero si critica os tribunais e a súa "politización"

Gloria Lago si criticou, no entanto, os argumentos empregados pola RAG ante o Supremo e que foron adiantados por Praza. "Escachamos coa risa e estamos alucinados; non sei como o Tribunal lle puido admitir á Academia ese churro de recurso", asegura a presidenta de Galicia Bilingüe, que volve incidir en que o que importa son "os dereitos civís e das persoas".

A RAG solicita a anulación total da norma centra a súa pugna legal en dous argumentos esenciais: no feito de que non foi consultada formalmente durante a elaboración do propio decreto e en que a norma da Xunta modifica, a efectos prácticos, a Lei de Normalización Lingüística, de rango superior. Estes dous aspectos e outros adicionais, sinalan, non foron tidos en conta polos maxistrados do TSXG aínda que a Academia achegou documentación ao respecto: "omitiuse calquera tipo de motivación en relación con documentos e feitos probados de incidencia decisiva para o ditame da sentenza", argumentan.

"Estamos alucinados, non sei como o Supremo puido admitir o 'churro' de recurso que presentou a RAG", di Gloria Lago

Galicia Bilingüe, pola súa banda, baseou o seu recurso no "dereito" dos nenos a "recibir o ensino na lingua materna até os 8 anos", así como no "respecto" por parte da Administración "do uso de ambas as dúas linguas oficiais". O TSXG desestimara o recurso ao decreto do plurilingüismo que impuxera a asociación ao considerar contraria á lei a súa petición, que non era outra que permitir que os pais puidesen escoller a lingua nas aulas, non só na que se imparten as clases, senón a dos libros ou a das comunicacións oficiais da Consellería de Educación. O tribunal rexeitara os seus argumentos porque entendía que non se "exclúe" o castelán nin se conculca o principio deo "cooficialidade".

 

Manifestación de Galicia Bilingüe en Compostela CC-BY-SA Gzvideos
Feijóo, co conselleiro de Educación, Jesús Vázquez © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.