A Xunta asume as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ilegalizan parcialmente o decreto do plurilingüismo. Máis ou menos. Tras a reunión semanal do Goberno galego o presidente, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba que o seu gabinete viña de tomar unha decisión "coherente e consecuente" tras analizar "os fallos do TSXG e un informe da Asesoría Xurídica da Comunidade Autónoma". Non presentará un recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra eses ditames porque o alto tribunal "avalou a legalidade" do "95% do decreto" e os seus principios inspiradores, asegura, tales como "o equilibrio entre galego e castelań" ou "que por primeira vez se introduza o plurilingüismo" nas aulas. Por todo isto, di, "o 95% do decreto, avalado pola xustiza, pasará a ser o 100%".
Quere isto dicir, polo tanto, que a Consellería de Educación renuncia a que a opinión das familias, manifestada mediante enquisas, condicione o reparto de materias entre galego e castelán? Desistirá, tamén, de que o alumnado se exprese na lingua que considere oportuno con independencia do idioma no que se imparta a materia? Non exactamente. Aínda que a Xustiza lle prohíbe á Xunta realizar estas dúas prácticas o líder conservador interpreta que "a sentenza non impide aos pais", senón que "impide que sexa obrigatoria no seu resultado". Así, afirma, "seguiremos facendo as consultas, pero non producen efectos legais de forma inmediata, porque a sentenza o impide", "pero será determinante para que nós adoptemos unha decisión ou outra". Traducido: no decreto non figurará que as consultas son vinculantes pero, na práctica, serano.
No decreto non figurará que as consultas son vinculantes pero na práctica, serano
"En relación a que un rapaz poida expresarse nunha lingua ou noutra", ignorando o idioma en que se imparte a materia, como establece agora o decreto, o precepto tamén desaparecerá do texto normativo. Pero a Xunta, mediante unha instrución, "pediralles flexibilidade" aos docentes para que "ningún rapaz suspenda por utilizar o galego se unha materia se dá en castelán" e para que "non suspenda por utilizar o castelán se se dá en galego". Malia todo isto, Feijóo pide adhesións ao seu texto, convertido agora para o Executivo nun "punto de encontro indiscutible", no que "está a inmensa maioría da sociedade" e "ao que todas as forzas políticas se poden sumar se queren sacar a lingua da discusión política".
Ataque á Real Academia
Neste contexto, coa Xunta renunciando a dar a batalla no Tribunal Supremo, Feijóo aproveita para lanzar un duro ataque dialéctico contra a Real Academia Galega, que si decidiu presentar un recurso de casación. Segundo o titular do Goberno, que segue admitindo que "non comparte no fondo" parte dos razoamentos do TSXG, "a polémica rematou". Por este motivo, "eu non digo que non poida haber xente que queira seguir vivindo da polémica, pero a sociedade galega non quere polémicas coa lingua". "Eu -sentenza- non vou vivir da polémica do galego".
"Eu non digo que non poida haber xente que queira seguir vivindo da polémica"
Así as cousas, Feijóo divide o debate lingüístico entre quen apoia o seu decreto, agora "blindado xuridicamente", e quen non o fai. "A Xunta mantense no camiño do decreto do plurilingüismo, que permitiu recuperar o equilibrio lingüístico e abandonar a senda da imposición". Con esta decisión, asegura, está a "manter a normalidade que consolidamos en 2009" e "non reabrimos a discusión lingüística que Galicia xa superou". Resta saber, así e todo, como fica redactado definitivamente o texto do decreto para dar cumprimento á sentenza e, ao tempo, á "flexibilidade" anunciada polo presidente para seguir facendo o qeu a Xustiza impide.