Que si, que non. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeita anular a enquisa enviada pola Xunta aos centros de ensino preguntándolles ás familias pola súa lingua materna, idéntica á que remitía nos cursos pasados e que foi invalidada polo tribunal, xa que no cuestionario non "se indica que teña carácter vinculante" ou "determinante" para fixar o idioma de aprendizaxe, segundo publica Europa Press. A axencia recolle un auto do 13 de setembro con respecto a un incidente de execución de sentenza planteado por Queremos Galego.
Un auto previo do TSXG, do 2 de setembro, indicáballe á Xunta que tiña un prazo "improrrogable" dun mes para cumprir coas sentenzas do pasado ano, que prohibiron a realización de consultas vinculantes ás familias. Neste auto o alto tribunal sinalaba que xa pasaron máis de dous meses dende que ditaminou a ilegalidade parcial do decreto e non lle "consta" que a sentenza fose "executada totalmente". Inmediatamente a Consellería de Educación presentou un recurso de reposición contra esta decisión auto do TSXG. Neste texto a Xunta defende que o fallo está acatado, polo que lle solicita ao tribunal que aclare se hai algunha cuestión que non se cumpre. O Goberno galego argumenta ademais que a enquisa remitida "é un simple acto administrativo e como tal sen forza para substituír ou enervar un regulamento".
"Seguiremos facendo as consultas, pero non producen efectos legais porque a sentenza o impiden, pero será determinante para que nós adoptemos unha decisión ou outra", anticipaba Feijoo en marzo
Na enquisa remitida pola Consellaría aos centros as nais, pais ou titores deben "facer constar" que a "lingua materna do meu fillo ou filla" é galego, castelán ou "outra" que se especifique -principal novidade a respecto do inquérito anterior. O establecemento dunha casilla para marcar no sobre de matrícula a lingua do ensino foi unha das promesas estrela de Alberto Núñez Feijóo na súa primeira campaña electoral autonómica, a mesma na que destacados dirixentes do PP galego saíron á rúa unha semana antes do inicio da carreira ás urnas para apoiar a manifestación da asociación Galicia Bilingüe. O pasado mes de marzo, anuladas as consultas vinculantes, o propio Alberto Núñez Feijóo amosábase convencido de que "a sentenza non impide" realizar a sondaxe, senón que "sexa obrigatoria no seu resultado". "Seguiremos facendo as consultas, pero non producen efectos legais porque a sentenza o impiden, pero será determinante para que nós adoptemos unha decisión ou outra", anticipaba daquela.