Galicia camiña cara a un novo mínimo de nacementos en 2022 fronte ao aumento da natalidade nos territorios lindeiros

O pasado ano rexistrouse o número máis baixo de nacementos no país dende que hai datos (14.787), cincocentos menos que o ano anterior © Xunta

O pasado ano rexistrouse o número máis baixo de nacementos no país dende que hai datos (14.787), cincocentos menos que o ano anterior

A caída da natalidade segue o seu curso en Galicia. Este mércores o Instituto Nacional de Estatística publicou este mércores os datos definitivos correspondentes a 2021, que confirman que o pasado ano se rexistrou o número máis baixo de nacementos no país dende que hai datos (14.787), cincocentos menos que o ano anterior e case sete mil menos que hai unha década. 

De igual xeito, o crecemento vexetativo (diferenza entre nacementos e mortes) foi o máis negativo da serie histórica (-18.066), cun leve aumento das defuncións.

Entre xaneiro e setembro naceron en Galicia 10.811 nenos e nenas, fronte aos 11.120 dos nove primeiros meses de 2021

Aos datos definitivos de 2021, semellantes aos provisionais que xa se deran a coñecer hai uns meses, únense as cifras que xa se van coñecendo dos primeiros meses de 2022. O INE publicou tamén este mércores a estatística de nacementos ata o mes de setembro, completando a información do terceiro trimestre do ano. Entre xaneiro e setembro naceron en Galicia 10.811 nenos e nenas, fronte aos 11.120 dos nove primeiros meses de 2021 ou os 14.353 do ano 2016.

O 2022 encamíñase, polo tanto, cara a un mínimo histórico de nacementos en Galicia, cun descenso acumulado, polo de agora, do 2,78%, unha caída superior á que se rexistra no conxunto de España (-1,64%).

En Asturias o número de nacementos entre xaneiro e setembro medra un 2,81%. Tamén o fai en Cantabria (+1,19%) e en Castela e León (+0,39%). Galicia non se engade á 'excepción' do noroeste

O que chama a atención na estatística galega, en comparación coa das restantes comunidades autónomas do Estado, é que mentres que en Galicia a natalidade segue a descender a un ritmo semellante á media (algo superior), nos restantes territorios do noroeste de España o número de nacementos neste ano 2022 está a ser superior á cifras que se rexistraron no ano 2021. 

Así, por exemplo, en Asturias o número de nacementos entre xaneiro e setembro medra un 2,81%. Tamén o fai en Cantabria (+1,19%) e en Castela e León (+0,39%). Son as únicas comunidades autónomas, xunto con Madrid e a Comunidade Valenciana, nas que sucede isto, pero Galicia non se engade á 'excepción' do noroeste. En relación ao ano 2019 tamén Asturias (-4,46%) presenta datos moito mellores que os galegos (-8,87%).

Hai unhas semanas, a Xunta volveu facer un "balance positivo" da súa lei de impulso demográfico malia á escaseza histórica de nacementos

Hai unhas semanas, a Xunta volveu facer un "balance positivo" da súa lei de impulso demográfico malia á escaseza histórica de nacementos. No Parlamento galego a Consellería de Política Social mantivo que o "balance desta lei pioneira en España é positivo" a pesar de que ano a ano se seguen rexistrando cifras mínimas de nacementos e que a tendencia á baixa nin sequera se ralentiza. 

Semella que de pouco ou nada serviron ata agora os incentivos e bonificacións aplicadas pola Xunta nos últimos anos, en especial dende a posta en marcha da tarxeta-benvida, en xaneiro de 2016. Dende ese ano, o número de nacementos anuais descendeu en máis de catro mil

No que levamos de ano, o 15,2% dos partos foron de mulleres de máis de 40 anos, unha porcentaxe que hai vinte anos era de menos do 30%

A realidade é que cada vez se producen menos nacementos en Galicia e que, ademais, a idade das mulleres que son nais cada vez é maior, debido en boa medida ás dificultades laborais e económicas, á precariedade do emprego, ás dificultades no acceso a unha vivenda estable e á limitación nas axudas e estruturas de apoio á conciliación. 

A estrutura de idade das mulleres que son nais mudou por completo nas últimas décadas. No que levamos de ano, o 15,2% dos partos foron de mulleres de máis de 40 anos, unha porcentaxe que hai vinte anos era de menos do 3%. De feito, o rango de idade máis habitual para ser nai é o de 35 a 40 anos (33,4% dos nacementos), por riba do de 30 a 34 anos (30,7%). Os nacementos de mulleres de menos de 30 anos representan na actualidade pouco máis do 20% do total, cando hai vinte anos eran máis do 45%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.