Hai medio ano que Alberto Núñez Feijóo non é presidente da Xunta. Tras dimitir a finais de abril para dedicarse ao seu novo papel como líder estatal do PP en substitución do defenestrado Pablo Casado, a mediados de maio o Parlamento investía a Alfonso Rueda como o seu substituto.
Algunhas das 'Cestas Benvida' entregadas a familias tras naceren os seus bebés seguen incluíndo unha carta asinada polo agora líder do PP
A sombra do ex-presidente da Xunta segue sendo ampla na política galega en xeral e na acción de Goberno de Rueda en particular e non só por seguir vixente a maioría absoluta lograda polo PP en 2020. Os Executivos do agora xefe de filas dos populares foron especialmente presidencialistas, coa persoa de Feijóo sempre en primeiro plano e escaso perfil público das conselleiras e conselleiros. Entre eles, o actual presidente.
Así, por exemplo, cando en 2016 a Xunta lanzou a súa Cesta Benvida, un lote de pequenos agasallos para os bebés que nacen no país -equiparada nalgunhas instancias á caixa que ofrece do Goberno de Finlandia, con axudas e recursos moito máis amplos-, incluíu nela unha carta asinada por Feijóo na que o ex-presidente transmitía os seus parabéns e apuntaba o afán de "converter Galicia no mellor lugar para nacer, medrar e formar unha familia".
Política Social sinala que "as cartas que acompañan a Cesta Benvida foron modificadas" tras a marcha do ex-presidente, pero admite que "nalgún hospital" pode "quedar algunha das elaboradas con anterioridade"
Cando xa pasaron seis meses da súa marcha, cando menos algunhas das familias que reciben un novo membro aínda teñen a benvida de Feijóo e non a de Rueda a través da devandita carta na caixa de agasallos da Xunta. Como puido comprobar Praza.gal así sucedeu, por exemplo, cun bebé nado nun hospital público dunha cidade galega o pasado luns, 14 de novembro. Xunto cos obsequios, algúns deles elaborados por entidades sociais -o paquete tamén o compón unha entidade do terceiro sector-, chegou a carta asinada por Feijóo como presidente da Xunta.
Preguntada ao respecto por este xornal, unha fonte oficial da Consellería de Política Social sinala que "as cartas que acompañan a Cesta Benvida foron modificadas" tras a remuda na presidencia da Xunta. Non obstante, matiza a mesma fonte, cabe a posibilidade de que "nalgún hospital quede algunha das cestas elaboradas con anterioridade" e por iso nais e pais reciban a benvida de quen agora é presidente do PP e non da Xunta. A esta circunstancia engádese a escaseza de nacementos, pola cal o stock de cestas dura máis.
No texto, Feijóo transmite a súa felicitación e pide que "se hai algo máis que a Xunta poida facer por vós, fagádesmo chegar". "Todas as achegas, todas as ideas e todas as propostas son importantes para deixarlle ás galegas e galegos do futuro unha terra cada vez máis acolledora", sinala a carta, que conclúe coa "máis cordial noraboa".