O Goberno central e o Comité Nacional de Transportes por Estrada (CNTE) -órgano de negociación no que non está incluída a plataforma convocante do paro que suma xa doce días- alcanzaron un acordo a pasada madrugada que inclúe unha rebaixa de 20 céntimos por litro no combustible ata o 30 de xuño e medidas por máis de 1.000 millóns de euros para o sector.
O acordo pactado tras doce horas de reunión inclúe unha rebaixa de 20 céntimos por litro no combustible e medidas por máis de 1.000 millóns
No entanto, a Plataforma de Defensa del Transporte por Carretera que impulsou a protesta mantén os paros ao rexeitar o acordo subscrito pola representación maioritaria do sector e cualifícao de "migallas e propinas", segundo asegurou o presidente do colectivo, Manuel Hernández, nunha entrevista en RNE. Noutras declaracións, a entidade insiste en desbotar o pacto, advirte de "subvencións" e mesmo alerta de "saqueo" a través de impostos.
De feito, mantéñense mobilizacións e a plataforma maniféstase no centro de Madrid na mañá deste venres malia o acordo, con berros de "dimisión" dirixidas á minstra de Transporte, Raquel Sánchez, ou berros contra o Goberno de Pedro Sánchez. Ademais, Hernández cualifica de "mafia opresora" o CNTE que, pola súa banda, confiaba en que o acordo lograse "desconvocar" o paro, algo que non foi aínda posible de todo.
En Galicia, durante a mañá, mantivéronse os piquetes ante o porto da Coruña á espera das asembleas para decidir se o paro se mantiña ou non.
A ministra de Transportes non descarta reunirse coa plataforma convocante do paro logo de acadar un acordo cos representantes legais do sector
Esixen unha reunión coa ministra, que esta mañá mudou a súa postura ao asegurar que non descarta reunirse co colectivo convocante do paro unha vez acadado un acordo cos representantes legais do sector.
Logo dunhas doce horas de reunión, ese acordo especifica que máis de 600 millóns destinaranse a conceder unha bonificación de 15 céntimos por litro de combustible aos profesionais do sector, ao que se sumarán outros 5 céntimos -como mínimio- achegados pola petroleiras. Suporía, segundo o Goberno, un aforro mensual duns 700 euros por cada camión a gasóleo.
Tamén se concederán outros 450 millóns en axudas directas tanto ao transporte de mercadorías como ao de viaxeiros, procedentes dos orzamentos públicos: 1.250 euros por camión, 950 euros por autobús, 500 por furgoneta e 300 por vehíuclo lixeiro (taxis, ambulancias e VTC), cun límite de 400.000 euros máiximo por empresa.
Ademais, o acordo inclúe ampliar o prazo de vencemento dos préstamos ICO ao sector e duplicar o orzamento para axudas ao abandono á profesión de transportiasta, ata os 20 millóns.
O Goberno central comprométese a elaborar un borrador de proxecto de lei para aplicar no transporte os principios da lei da cadea alimentaria
Outro dos aspectos clave do acordo é que o Executivo comprometeuse a enviar ao CNTE antes do 31 de xullo un borrador de proxecto de lei para aplicar ao sector do transporte "os principios da lei da cadea alimentaria" -que abrangue o agro e que as administracións non son quen de que se dea cumprido- para evitar un abuso de subcontratación e impedir que se pague polos servizos un prezo por baixo dos custos.
ERTE en Finsa
Todas as medidas acordadas entrarán en vigor así que se aprobe o decreto lei que prepara o Executivo para o consellod e minstros do vindeiro martes 29 de marzo e que suporá o seu plan de resposta ao impacto económico da guerra na Ucraína e á crise de prezos.
Ademais, e ante a situación de crise xeral, a solicitude de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) elevouse nos últimos días, alcanzando os case 70 o pasado mércores e sumándose agora o da madereira Finsa, que afectará máis dun milleiros de persoas en toda Galicia e que se alongará, en principio, ata o vindeiro 30 de abril.
Ao ERTE de Finsa súmanse outros como o do grupo Ingapan, tamén pola fanta de subministros.