O PP gaña sen esmagar tras avanzar 9 escanos, o PSOE perde un só escano e a extrema dereita pasa 4 a 9 representantes
O PP gaña sen esmagar. O pretendido plebiscito que os de Alberto Núñez Feijóo procuraban para este 9X, virando a elección da representación española na Eurocámara nun todo ou nada contra o PSOE de Pedro Sánchez sáldase cunha primeira posición dos populares, pero por marxe estreita e sumando só un escano máis que todos os perdidos por Ciudadanos.
Os populares pasan dos seus cativos 13 escanos de hai cinco anos a 22 e os socialistas, segunda forza, perden só un para quedaren en 20. A terceira posición é para Vox, que en 2019 tiña 4 representantes e agora terán 6 que non serán os únicos da extrema dereita española, xa que a agrupación do axitador ultra Alvise Pérez, chamada Se Acabó la Fiesta, logra 3 actas.
Ana Miranda principiará a lexislatura como eurodeputada do BNG
A cuarta forza a nivel estatal é Agora Repúblicas, a coalición na que se integrou o BNG xunto a EH-Bildu, ERC e Ara Més. Esta alianza recunca con tres escanos, pero nesta ocasión ese resultado supón que a candidata do Bloque, Ana Miranda, comece a lexislatura comunitaria con posto en Bruxelas e Estrasburgo. Do reconto definitivo dependerá se esa representación será ou non rotatoria co resto de formacións.
A cuarta posición en votos é para Sumar, que se estreará na Eurocámara con 3 escanos. Os mesmos que o antedito SALF e 2 máis que Podemos, que hai cinco anos -aínda como Unidas Podemos, isto é, con Izquierda Unida e outras forzas- tivo 6. O reparto péchano Junts, cun escano, e CEUS -a coalición do PNV-, con outro.
A diferenza con 2019, máis en votos ca en escanos
O feito de que no novo Parlamento Europeo a delegación española conte con catro escanos máis que na anterior lexislatura -pasou de 57 (52+5 tras o Brexit) a 61- fai que as comparacións a respecto dos anteriores comicios sexan máis precisas ollando a porcentaxe de votos que, mecanicamente, a representación en escanos. Neste sentido, o avance do PP é obvio e innegable, ao lograr un 34,19% que os sitúa catorce puntos por diante dos anteriores comicios -por sinal, Ciudadanos caeu case 12 puntos-.
O PSOE, pola súa banda, descende case tres puntos e queda no 30,18% e Vox avanza case 10, ata o 9,62%. A coalición Agora Repúblicas cae no total estatal algo máis de seis décimas, pero as diferenzas son notables por territorios: o BNG avanza 4,33 puntos en Galicia; EH-Bildu gaña 4,23 en Euskadi -onde é primeira forza- e 2,77 en Navarra; mentres, ERC perde 6,40 puntos en Catalunya. Podemos, pola súa banda, ten case sete puntos menos dos logrados por Unidas Podemos en 2019 e queda no 3,27%.