No verán de 2012, hai case doce anos, Esquerda Unida, Anova e outros colectivos sociais e políticos en Galicia chamaban a conformar unha fronte ampla, unha "Syriza galega". No ronsel do éxito da unión electoral anticapitalista en Grecia e no peor da crise económica, Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras, que viña de abandonar o Bloque tras a tortuosa ruptura de Amio, impulsaban a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ante o "tripartidismo harmónico" que, dicían, se mantiña no Parlamento.
AGE, a coalición formada pola soberanista Anova e a esquerda federalista de EU, co apoio de Equo e Ecosocialistas, irrompeu con forza no Parlamento con nove escanos e tan só mes e medio de vida. A súa complexa conformación e éxito fixo que Galicia virase, daquela, no "laboratorio electoral de Podemos" —como explicaría o xornalista Anxo Lugilde na obra na que analiza aquel período— cando Podemos non existía aínda.
A irrupción de AGE en 2012 supuxo tamén o "laboratorio electoral de Podemos" e o inicio dun camiño que levou as mareas a gobernar tres cidades e a En Marea a superar os 400.000 votos
Pablo Iglesias, daquela en IU, colaborou con Yolanda Díaz na campaña galega e trazou desde aquela experiencia de 2012 o camiño que desembocaría na fundación da formación morada menos de dous anos despois. Podemos e a súa unión a candidaturas municipalistas axudou no éxito nas locais de maio de 2015 das mareas, que lograron gobernar na Coruña, Santiago ou Ferrol, entre outras localidades. Nas xerais de meses despois, En Marea, o espazo que unía todas aquelas forzas, acadaba o 25% dos votos, seis escanos e superaba amplamente os socialistas, duplicando os votos de AGE e situando o Bloque na loita pola supervivencia.
Desde aquel cumio, de hai menos de dez anos, ata o chan máis baixo destas últimas eleccións autonómicas. Case unha década de denominacións diversas, éxitos e fracasos. Marcada por unha paseniña caída no apoio electoral e o ruído estrondoso de divisións, liortas e mesmo enfrontamentos persoais que colaboraron no esfarelamento dun espazo "rupturista" que chegou a sumar un cuarto dos votos en Galicia e ser referencia e exemplo nas fórmulas de confluencia a nivel estatal.
Sumar quedou lonxe de entrar no Parlamento e non puido repetir o seu éxito en Galicia o 23X; Podemos, oitava forza, foi superado polo Pacma
Doce anos despois da irrupción de AGE, o BNG, ao igual que antes este espazo apañara votos no seu caladoiro, concentrou case todo o apoio da esquerda á esquerda da socialdemocracia. Anova, Beiras e Martiño Noriega —ex-alcalde de Santiago por Compostela Aberta— asinaron a súa reconciliación co Bloque, pediron o voto para Ana Pontón e colaboraron na campaña, ao igual que Carmen Santos, ex-líder de Podemos Galicia, ou outras mareas municipais. Yolanda Díaz, facedora en 2012 de AGE, supera os catro anos á fronte do Ministerio de Traballo pero non foi quen de repetir nas autonómicas o éxito que Sumar, outra das formacións que impulsou hai un ano, obtivo en Galicia o pasado 23X. Quedou moi lonxe de entrar no Parlamento.
Podemos, noutrora referencia estatal e núcleo para todas as marcas do espazo, asinou un sonoro fracaso o 18F, logo de que as súas bases no país insistisen na ruptura co partido de Díaz consumada antes por Iglesias, que pasou de sinalar a política ferrolá como sucesora a renegar dela. Oitava forza política, superado polos animalistas de Pacma e con menos sufraxios que inscritos dicía ter a formación a finais do pasado ano. Todo en poucos anos.
Naquelas autonómicas de 2012, AGE superaba os 200.000 votos e alcanzaba o 14% dos votos, un éxito que repetiría pouco despois nas europeas nas que Podemos irrompeu no panorama político. O auxe das mareas municipalistas impulsou a En Marea, coalición que rachou o seu teito nas xerais de 2015, cando rompeou a barreira dos 400.000 votos e pasou por riba ao PSdeG.
Incógnitas de cara ao futuro
Daquel éxito aos pouco máis de 32.000 votos que xuntaron Sumar e Podemos nestas últimas eleccións autonómicas, nove anos despois. Polo medio, notables pero insuficientes resultados nas xerais de 2016 ou nas autonómicas do mesmo ano, cando a En Marea que liderou Luís Villares convertérase en segunda forza. Desde aquela, divisións, conflitos, partidos desaparecidos, grupos parlamentarios rotos e un apoio que, xa coa fórmula de En Común e o paseniño desarraigo das mareas, tocou fondo nas autonómicas de 2020. As previsións, que daquela daban por segura a súa presenza no Parlamento, erraron. Malia superar os 50.000 votos, a coalición que formaban Podemos, EU e Anova quedou fóra.
Volvía o tripartidismo ao Hórreo, cun BNG como segunda forza e un goberno de coalición progresista no Estado que deu pulo á figura de Yolanda Díaz, clave para entender o bo resultado de Sumar nas xerais do pasado mes de xullo en Galicia, desde onde enviou dúas deputadas ao Congreso. Daquel impulso quíxose valer unha formación nova, sen apenas estrutura e con escasa relación xa coas mareas locais, que en boa parte deron o seu apoio —explícito ou implícito— a Ana Pontón e ao Bloque.
Un mal resultado "sen paliativos", como recoñeceu a súa aspirante á Xunta, Marta Lois, que abre moitas interrogantes nun espazo que mantén algunha organización pero que carece dun apoio electoral que chegou a ser masivo e que agora é maior mesmo na extrema dereita de Vox. Unha marea que veu chea e agora trae demasiadas incógnitas.