Tres anos despois, En Marea duplica os votos de AGE

Imaxe do acto de peche de campaña de En Marea © En Marea

Outubro de 2012: AGE dá a sorpresa nas eleccións ao Parlamento galego, obtendo 200.828 votos (o 13,90%). Maio de 2014: nas eleccións europeas as candidaturas de AGEe e de Podemos reciben en Galicia conxuntamente 190.405 apoios (o 18,86%), nun comicios cunha participación habitualmente moi inferior á doutras convocatorias (45%). Maio de 2015: As mareas fanse coas alcaldías da Coruña, Compostela e Ferrol e obteñen representación nas sete cidades. Decembro de 2015: en Marea convértese na segunda forza en Galicia, con 408.370 votos e o 25,04% do total.

Nos últimos tres anos foise conformando un espazo electoral, alimentado por Anova e Esquerda Unida (e tamén Espazo e Equo) primeiro e por Podemos dende o ano pasado, que malia a debilidade das súas estruturas e á transformación das fórmulas escollidas para concorrer a cada un dos comicios, non deixou de medrar. Un espazo que naceu dos partidos pero que dende o período previo ás eleccións municipais comezou tamén a construírse a través de procesos cidadáns, que deron pé ás mareas municipais e que nutriron despois a En Marea. Unha candidatura de En Marea que este domingo duplicou os votos obtidos por AGE no 2012 e superou en máis de seis puntos o resultado de AGE e Podemos nas eleccións europeas do pasado ano. Os seus 408.370 apoios melloran en máis de 100 mil o máximo acadado polo BNG nunhas eleccións xerais (os 306.268 votos do ano 2000).

En Marea é especialmente forte nas provincias atlánticas (26,35% na Coruña e 27,95% en Pontevedra), nas que supera ao PSOE, obtendo o 19,26% en Lugo e o 17,84% en Ourense. E, sobre todo, destacan os seus resultados nas sete cidades, nas áreas metropolitanas destas e nas comarcas máis poboadas (O Morrazo, Barbanza, mesmo na Mariña lucense), nas que compite de igual a igual co PP. De feito, na suma das sete grandes cidades galegas En Marea (176.616) queda a pouco máis de dez mil votos do PP (187.417) e supera o PSOE en máis de cincuenta mil (122.721)

  Galegas 12 Europeas 14 (i) Municipais 15 (ii) Xerais 15
A Coruña 25.010 (20,62%) 22.223 (24,32%) 36.842 (30,89%) 45.759 (31%)
Compostela 11.151 (21,8%) 8.586 (24,41%) 16.327 (34,58%) 16.295 (28,32%)
Ferrol 7.013 (20,18%) 6.584 (25,09%) 7.851 (26,93%) 12.423 (30,62%)
Lugo 7.336 (15,21%) 6.902 (19,94%) 7.755 (16,39%) 13.963 (24,67%)
Ourense 6.732 (12,11%) 7.035 (18,20%) 5.478 (10,37%) 15.273 (24,22%)
Pontevedra 5.440 (13,15%) 6.396 (20,74%) 3.222 (8,14%) 13.213 (26,66%)
Vigo 28.445 (19,48%) 28.304 (25,86%) 16.227 (11,5%) 59.690 (33,94%)

(i) No dato das europeas están sumados os votos de AGEe e Podemos. (ii) En Ferrol están sumandos os votos de FeC e Marea Ártabra e en Lugo os de LugoNovo e ACE-EU

 

En Marea gaña en 14 concellos

En Marea obtén os seus mellores resultados nas cidades: gaña en Vigo e é a segunda forza máis votada nas outras seis, situándose moi preto do PP en Ferrol e A Coruña. Pero a candidatura acadou resultados igualmente bos nas áreas metropolitanas destas urbes. De feito, dos 14 concellos nos que obtivo a vitoria, case todos corresponden a localidades próximas a grandes cidades.

Ademais de gañar en Vigo, fíxoo en Cangas Moaña ou Redondela

Por exemplo, ademais de gañar en Vigo, fíxoo en Cangas (40,18% dos votos, o seu mellor resultado en toda Galicia), Moaña (33,84%) e Redondela (33,37%). Ademais, obtivo importantes porcentaxes de voto no Porriño (31,69%), Mos (28,9%), Ponteareas (30,84%), Nigrán (26,28% ou Gondomar (27,4%). Quedou moi preto de ser a primeira forza na Coruña, pero si se impuxo en varias localidades da súa área metropolitana, como Cambre (31,88%), Arteixo (31,15%) e Culleredo (30,84%), e achegouse ao trinta por cento en Oleiros (29,13%) e Sada (26,23%). 

Quedou moi preto de ser a primeira forza na Coruña, pero si se impuxo en Cambre, Arteixo e Culleredo

Así mesmo, en Ferrolterra impúxose en Narón (32,39%), Fene (32,51%), Mugardos (31,33%) ou As Pontes (30,51%) e ao igual que fixo en Ferrol, quedou cerca de gañar en Pontedeume (30,69%), Ares (26,13%) ou Cedeira (26,72%). Na área de Compostela, obtivo o triunfo en Ames (31,11%) e, ao igual que en Santiago, foi a segunda forza en Teo (28,32%). Ademais das localidades xa mencionadas, En Marea foi a primeira forza en Corcubión (26,8%) e O Grove (35,5%, o seu segundo mellor resultado en todo o país).

Fóra das áreas urbanas, En Marea acada os seus mellores resultados nas comarcas máis poboadas, coma o xa referido caso do Morrazo ou, por exemplo, Barbanza, onde quedou moi preto do PP na Pobra (30,58%), Rianxo (27,1%) ou Boiro (25,23%). Tamén no Baixo Miño (Na Guarda: 26,99%), no Salnés (en Vilagarcía: 27,99%) ou en vilas como Catoira (27,56%).

En Ferrolterra impúxose en Narón, Fene, Mugardos ou As Pontes

As provincias de Lugo e Ourense aínda se lle resisten un chisco a En Marea, que non conseguiu desprazar o PSOE como segunda forza, agás nas cidades e nalgún outro caso illado. En Marea si acadou grandes resultados na Mariña, sendo a segunda forza en Burela (24,73%), Cervo (30,85%), Ribadeo (22,33%) e Xove (20,02%) e supera tamén o vinte por cento en Monforte (22,57%). En Ourense, destacan os datos da comarca de Valdeorras: Petín (22,91%), A Rúa (23,7%) ou O Barco (17,53%), e tamén os dalgunhas vilas de tamaño medio, como Ribadavia (21,74%), Verín (16,5%), Xinzo (17,51%). De igual xeito, En Marea obtivo bos rexistros en Allariz (22,64%), Manzaneda (20,56%), San Cibrao das Viñas (16,27%), Coles (17%) ou Toén (16,29%).

Imaxe do acto de peche de campaña de En Marea © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.