A denuncia de Begoña Gómez por tráfico de influencias

Begoña Gómez e Pedro Sánchez, no número 10 de Downing Street, residencia oficial do Primeiro Ministro británico CC-BY-SA Moncloa

1. A racionalidade política da denuncia penal contra Begoña Gómez

Coa admisión a trámite da denuncia por tráfico de influencias interposta polo pseudosindicato Manos Limpias contra Begoña Gómez, esposa do presidente do Goberno de España, a vanguarda revolucionaria da extrema dereita española conseguiu dous importantes logros políticos

Coa admisión a trámite da denuncia por tráfico de influencias interposta polo pseudosindicato Manos Limpias contra Begoña Gómez, esposa do presidente do Goberno de España, a vanguarda revolucionaria da extrema dereita española conseguiu dous importantes logros políticos.

O primeiro foi situar un deslumbrante foco sobre a parella de Pedro Sánchez. Un foco que deberíamos identificar ben. Creando a dúbida de “todos son iguais” nas xentes da esquerda, a dereita tratou de “empatar” así o partido respecto do enriquecemento delictivo –mesmo por el recoñecido– do empresario Alberto González Amador, surxido dos negocios obtidos como consecuencia de contratos públicos concedidos no ámbito sanitario pola Comunidad de Madrid, goberno que preside a súa parella, Isabel Díaz Ayuso, líder incontestable (moi apesar de Feijóo el Zombi) da CEDA do século XXI.

O segundo logro foi poñer a Pedro Sánchez contra as cordas. E abofé que o conseguiu. Porque, para alén do xa célebre episodio do seu “tempo morto” de cinco días, durante os cales todo o bloque histórico formado nas eleccións de xullo do 2023 fitou de perto o fondo do abismo, a apertura de dilixencias penais por tráfico de influencias contra a muller de Pedro Sánchez, coloca a este nunha posición política moi inestable

 

2. A implicación indirecta de Pedro Sánchez na denuncia contra a súa muller.

A propia apertura deste delito é a que o converte nunha arma moi útil ao servizo da estratexia da crispación, desinformación e Lawfare, que o bloque da dereita española (incluído o deep State da policía e os xuíces “patrióticos”) ven desenvolvendo con éxito desde os tempos de José María Aznar, o profeta do “El que pueda hacer, que haga

A razón desa inestabilidade é que a acusación de Begoña Gómez ter cometido un delito de tráfico de influencias na modalidade prevista no artigo 429 do Código Penal (permítaseme a cita do precepto, subliñando os elementos clave da súa comprensión aos nosos efectos: “El particular que influyere en un funcionario público o autoridad prevaliéndose de cualquier situación derivada de su relación personal con éste o con otro funcionario público o autoridad para conseguir una resolución que le pueda generar directa o indirectamente un beneficio económico para sí o para un tercero, será castigado con las penas de prisión de seis meses a dos años (...)”), implica indirectamente a existencia dunha responsabilidade penal de Pedro Sánchez, como autoridade pública presuntamente autora da resolución “desviada” á que se dirixe a comisión deste tipo de delitos.

A propia apertura deste delito é a que o converte nunha arma moi útil ao servizo da estratexia da crispación, desinformación e Lawfare, que o bloque da dereita española (incluído o deep State da policía e os xuíces “patrióticos”) ven desenvolvendo con éxito desde os tempos de José María Aznar, o profeta do “El que pueda hacer, que haga”. 

Lembremos a orixe do delito de tráfico de influencias no noso Dereito Penal: un delito creado pola Lei Orgánica 9/1991, como consecuencia do caso Juan Guerra, que penaliza –de maneira moi ampla, e tecnicamente problemática– a “fase previa” ou “antesala” da comisión de delitos de corrupción máis clásicos, como a prevaricación, o suborno ou a malversación de caudais públicos. 

A estas alturas, xa sabemos que a policía patriótica de Mariano Rajoy, encabezada por Villarejo e o número dous do Ministro do Interior, Jorge Fernández, intentou desde 2014 “matar” a Pedro Sánchez investigando ilícitamente á súa familia directa

A doutrina penal ten sinalado, sen embargo, que as dificultades de probar en xuízo, con todas as garantías propias do proceso penal (en particular, a presunción de inocencia e o in dubio pro reo), a existencia de conceptos abstractos como a “influencia” ou o “prevalimento”, é o que levou a que as condenas por tráfico de influencia sexan moi escasas. Un exemplo moi significativo é o da STS de 16 de xullo do 2021 (ECLI:ES:TS:2021:2878), que confirmou a condena por prevaricación a Ernesto Anido, ex alcalde de Sada, pero absolveu de delito de tráfico de influencias á persoa favorecida pola prevaricación, a “coordinadora xeral”, Belia Vellón.

O delito de tráfico de influencias é de seu especialmente propenso á política de populismo penal. Apenas un dato neste sentido: na reforma do Código Penal do 2015, o goberno de “M. Rajoy” introduciu un agravamento das súas penas, para transmitir a idea de que había tolerancia cero coa corrupción...España es así.

Con todo, e precisamente por esa abstracción do tipo penal, o artigo 429 é especialmente útil para construir unha acusación penal contra Begoña Gómez e, indirectamente, contra a peza de caza maior: o presidente do Goberno. A estas alturas, xa sabemos que a policía patriótica de Mariano Rajoy, encabezada por Villarejo e o número dous do Ministro do Interior, Jorge Fernández, intentou desde 2014 “matar” a Pedro Sánchez investigando ilícitamente á súa familia directa.

Pero ademáis, a denuncia contra Begoña Gómez é útil para someter á presión dunha instrución xudicial ao presidente do Goberno, sen elevar a causa á Sala 2ª do Tribunal Supremo, única competente para coñecer de calquera denuncia penal contra el (art. 102.1 CE), onde, efectivamente, este tipo de denuncias prospectivas non se admiten. Manos Limpias ben o sabe. Por iso botou a cana noutro lado.

3. “El que pueda hacer, que haga”. A admisión a trámite da denuncia de Manos Limpias como indicio de Lawfare.

Un dos elementos que máis claramente permiten identificar esta denuncia penal como un grave caso de Lawfare é o feito de que a admisión a trámite da denuncia polo xuíz de instrución de Madrid incumpre a doutrina da Sala 2ª do Tribunal Supremo sobre a necesidade de que o seu contido relate feitos concretos, indicios suficientes de condutas con relevancia penal

Un dos elementos que máis claramente permiten identificar esta denuncia penal como un grave caso de Lawfare (comparable ao caso de Antonio Costa en Portugal, ou o caso Lula no Brasil) é o feito de que a admisión a trámite da denuncia polo xuíz de instrución de Madrid incumpre a doutrina da Sala 2ª do Tribunal Supremo sobre a necesidade de que o seu contido relate feitos concretos, indicios suficientes de condutas con relevancia penal, e non se limite a enumerar meras sospeitas ou conxecturas, especialmente as construídas con noticias de prensa: “una interpretación de la norma ajustada al canon que informa el sistema constitucional de derechos y libertades, conduce a excluir la apertura de un proceso penal para la investigación de unos hechos de relevancia penal meramente sospechosa, es decir, una investigación prospectiva, que no aporte, a partir del conocimiento propio del querellante, un indicio objetivo de su realidad. De lo contrario cualquier ciudadano podría verse sometido a una investigación basada en la mera apariencia” (ATS de 11 de abril de 2024, ECLI:ES:TS:2024: 4366A o 18 de xaneiro do 2023, ECLI:ES:TS:2023:567A, entre outros moitos) .

Isto é o que acontece neste caso. 

A denuncia é especialmente trapalleira. Semella redixida en vinte minutos de corta-pega, con presa para desfrutar do vermú

A denuncia é especialmente trapalleira. Semella redixida en vinte minutos de corta-pega, con presa para desfrutar do vermú. Non aporta máis información que conxecturas xornalísticas sobre a presunta vinculación entre a adxudicación de contratos e subvencións públicas, e os patrocinios de empresas do grupo Globalia (Air Europa) á Universidade Complutense para financiar unha cátedra institucional, a extraordinaria de Transformación Social Competitiva, dirixida desde 2020 por Begoña Gómez; dirección autorizada polo regulamento de Cátedras Institucionais da Universidade Complutense (art. 13.2), e outorgada por resolución do Reitor da Complutense. 

Realmente, trátase dun material ben goloso para crear un relato de colusión dos intereses persoais do matrimonio Sánchez Gomez. O relato da denuncia insinúa que o presidente do Goberno, influído pola súa muller, tería usado as súas potestades públicas para favorecer tanto a esta como ás empresas que financiaron a cátedra institucional da Universidade Complutense de Madrid. Sen embargo, non se concretan de ningún xeito os expedientes administrativos (licitacións públicas, subvencións) afectados, nin as persoas presuntamente autoras do tráfico de influencias, ni as relacións causais entre eles, nin o presunto enriquecimento: todo fica diferido á actividade prospectiva que queira facer o xuíz de instrución que abriu a causa penal para “descubrir” os indicios probatorios del Lado Oscuro de La Fuerza de Pedro Sánchez. Os indicios, nada máis e nada menos, que do alcance do poder dun presidente do Goberno.

Se as vías de recurso contra a apertura de sumario non o impiden, a escusa de instruir desde cero esa investigación tan sutil e sobrehumana –acompañada da declaración do secreto do sumario– será a coartada perfecta para manter aberta a causa durante o tempo que o xuíz estime oportuno, invertindo sine die a presunción constitucional de inocencia que asiste a todo cidadán. Mentras non se decrete auto de arquivo, Begoña Gómez –e Pedro Sánchez– serán sospeitosos habituais aos ollos da opinión pública. Así lle pasou durante sete longos anos, por certo, a José Ramón Gómez Besteiro, e a distintos dirixentes de Podemos. It´s Lawfare, stupids! Just business...

4. Unha última reflexión sobre os conflitos de intereses e a Lei do Funil

Madrid estouparía como a Estrela da Morte se realmente se controlaran os lobbies e os conflitos de intereses, verdadeiros motores nucleares do capitalismo de amiguetes

Outra interesante circunstancia de contextualización da denuncia penal é que en marzo do 2024, Cuca Gamarra e González Pons presentaron denuncia administrativa perante a Oficina de Conflitos de Intereses responsable, de conformidade coa Lei 3/2015, de controlar o cumprimento das obrigas de conduta impostas para os altos cargos da Administración Xeral do Estado. 

Nela se solicitaba a investigación do incumprimento doloso das súas obrigas de abstención por parte do Presidente do Goberno, por ter presidido dous Consellos de Ministros (de 3 de novembro do 2020, e 16 de marzo do 2021) nos que se concederon importantes subvencións públicas ao Grupo Globalia, favorecendo así presuntamente á súa esposa.

Pois ben, a Oficina de Conflitos de Intereses (dotada de independencia funcional, pero non orgánica), resolveu rexeitar a denuncia. Moi probablemente, con sólidos criterios xurídicos, por moito que a dereita faga desta Oficina unha especie de negociado bolivariano de Ferraz. O rexeitamento da denuncia está agora pendente de que se resolva o recurso de alzada presentado polo PP para esgotar a vía administrativa antes de acodir á xurisdición contencioso-administrativa. Sen embargo, a apertura das dilixencias penais obrigará a suspender esta demanda contencioso-administrativa, por causa da prexudicialidade penal que opera no noso sistema.

Se a esquerda quere recuperar terreo, debería reflexionar sobre a súa vulnerabilidade a este tipo de estratexias: a foto dun tal Quintana enriba dun iate, ou o chalé de Galapagar, debería ternos vacinado contra as nosas inxenuidades. Quizá sexa esta a primeira medida de rexeneración democrática que deberíamos afrontar no actual contexto

Así as cousas, o máis sorprendente de todo o asunto – digámolo con retranca – é que Manos Limpias non presentara denuncia penal contra Isabel Díaz Ayuso, cuxas resolucións administrativas de goberno sí provocaron un enriquecemento moi claro de seu irmán e da súa parella, até o punto de este ter pactado coa fiscalía unha redución de condena pola comisión de delitos contra a Facenda Pública e falsedade documental. Non houbo aquí conflitos de interese? Non houbo aquí tráfico de influencias? Circulen: na Comunidade de Madrid, nin oficina de conflitos de intereses hai, e por algo será: Madrid estouparía como a Estrela da Morte se realmente se controlaran os lobbies e os conflitos de intereses, verdadeiros motores nucleares do capitalismo de amiguetes y familiares liberales de Corea del Centro.

De novo, como vemos, é o cambio de foco e a xeración de inseguridades morais na esquerda, o que vai vento en popa: por iso, e porque controlan os medios privados de comunicación (e algún público privatizado como a TVG), a dereita vai gañando a batalla do relato. Se a esquerda quere recuperar terreo, debería reflexionar sobre a súa vulnerabilidade a este tipo de estratexias: a foto dun tal Quintana enriba dun iate, ou o chalé de Galapagar, debería ternos vacinado contra as nosas inxenuidades. Quizá sexa esta a primeira medida de rexeneración democrática que deberíamos afrontar no actual contexto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.