Se cadra poida parecer un exceso semántico invocar o concepto gramsciano de "bloque histórico" para describir ás forzas parlamentares que, cos seus 179 votos afirmativos, veñen de investir por segunda vez consecutiva a Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España.
No entanto, o grao de virulencia e a confrontación social proxectadas durante os últimos meses polas dereitas españolas contra a investidura do candidato do PSOE, tras este pactar acordos cunha variada gama de forzas políticas (o máis importante, a proposición de Lei Orgánica de Amnistía), ten recordado intensamente a fractura provocada na sociedade estadounidense pola negativa de Donald Trump a recoñecer a súa derrota electoral no 2020, asalto do Capitolio incluído.
Toda a semántica apocalíptica, toda a agresividade verbal, toda a "caye borroka" desenvolvidas durante as últimas semanas poñen de manifesto que no outono do 2023, grazas ao proceso político democrático desenvolvido como consecuencia do resultado das eleccións xerais do 23 de xullo, en España acaba de quebrarse algo histórico. Algo denso e escuro como un chapapote, sobre o que convén deitar luz.
A amnistía dos delitos, infraccións e responsabilidades contables derivados das convocatorias dos referendos de 2014 e 2017 polos independentistas cataláns, é o aspecto máis máis visible desa quebra histórica. A súa adopción supón a impugnación directa da resposta –durante anos negadora, e desde o 1 de outubro do 2017, abertamente represiva– adoptada polo Partido Popular contra as lexítimas demandas de autogoberno de Catalunya. Unha resposta sucesivamente apoiada polo Tribunal Constitucional, El-Rei e o Poder Xudicial, coa Sala Segunda do Tribunal Supremo á cabeza: os tres piares do sistema constitucional que non xorden directamente do principio democrático. Tamén, coa boca pequena, esa resposta foi apoiada polo propio PSOE.
Agora, e por vez primeira desde a Transición, unha maioría de forzas parlamentares –lideradas por un dos partidos centrais do tradicional deseño turnista co que as elites franquistas reinstauraron a monarquía constitucional– adopta decisións políticas que impugnan a constitución material de España que deixou o golpe do 18 de xullo do 1936: ese Estado de Dereito sui generis, cun Poder Xudicial convenientemente domesticado, e cun principio democrático –negado até 1975, e domesticado despois–, ao servizo dos intereses das elites extractivas política, economica e socialmente artelladas arredor de Madrid: o tradicional bloque histórico español. Esa é a España que se rompe co acordo sobre a Lei Orgánica de Amnistía dado polo PSOE a cambio dos votos do soberanismo catalán. Esa é a España que nunca asumirá a lexitimidade da maioría parlamentar da XV Lexislatura.
Mais, por moito que as dereitas asuman agora o estilo antisistema e antiparlamentario do neofascismo para desenvolver unha campaña de axitación social que faga caer o Goberno e convocar novas eleccións, o certo é que a amnistía e os restantes acordos políticos acadados democraticamente para a investidura comezarán agora o seu camiño de formalización xurídica a través dos mecanismos que garante a Constitución.
Ese camiño será longo e difícil; mais a súa viabilidade parece despexada por dúas grandes novidades políticas: a primeira é que a diferenza da XIV Lexislatura, agora o Tribunal Constitucional xa non terá a sensibilidade maioritaria conservadora dos últimos 12 anos. A segunda é que, a diferenza doutras épocas, El-Rei parece estar inequivocamente do lado da Constitución. Se deitamos o foco sobre o símbolo da unidade e permanencia de España e mando supremo das Forzas Armadas que a garanten coas armas por expresa decisión de Franco, veremos que o mesmo Rei que, coa súa intervención televisiva do 3 de outubro do 2017, abriu o camiño á vía da represión contra o lexítimo goberno catalán, asinará agora o nomeamento de Pedro Sánchez como Presidente; e ese mesmo Rei, consciente das súas obrigas constitucionais, deberá sancionar e promulgar a primeira Lei Orgánica de Amnistía da democracia, e deberá tamén, chegado o momento, convocar referendum sobre o futuro de Catalunya, no marco dos artigos 62.c) e 92 da Constitución, tal e como se desprende dos acordos do PSOE con Junts e ERC. Non hai alternativa: ou iso, que é o que o que ordena a Constitución que el e a súa filla xuraron, ou "tirarse ao monte", na liña de Alfonso XIII ou Juan Carlos I, cun disparatado autogolpe de Estado.
Na XV Lexislatura (2024-2027), así pois, e grazas á solidariedade de forzas necesarias para impedir o acceso ao goberno das dereitas, estarán na axenda política non só a profundización das medidas económicas a prol das maiorías sociais, senón tamén a apertura da segunda grande descentralización que intentou o Estatut de Autonomía de Catalunya de 2006, e abortou a STC 31/2010, iniciando así a deriva independentista catalá.
Desde ambos puntos de vista, aberta a gaiola de ferro na que o bloque das dereitas converteran a Constitución de 1978, o que está enriba da mesa durante os vindeiros catro anos é a viabilidade dunha lectura realmente social, democrática e plurinacional da Constitución de 1978. Os 179 deputados deben ser plenamente conscientes dos moitos desafíos que suporá a xestión desta joint venture.
Neste escenario, o panorama que se abre para os galegos e galegas é tamén apaixonante.
Primeiro, porque grazas á investidura de Pedro Sánchez, Alberto Núñez Feijóo, presidente galego invicto e eterno madrileño wannabe, fracasa no seu intento de instalarse na Moncloa. Gastada a súa bala de prata, Isabel Díaz Ayuso, madrileña nativa, presionará para arrebatarlle o revólver da presidencia do PP.
Segundo, porque con toda probabilidade, os galegos e galegas teremos axiña un adianto electoral no DOG: tanto pide Feijóo eleccións en Madrid para facer caixa da súa axitación e propaganda, que o lóxico é agardar que o seu lugartenente Rueda disolva xa o parlamento galego e convoque unhas eleccións, as galegas, onde putodefender España.
Tal convocatoria electoral situará a tres dos partidos do "bloque histórico" da XV Lexislatura –o BNG, o PSdG e Sumar– perante unha situación inédita: fronte a un Partido Popular instalado no españolismo máis extremista, os tres van poder situar as súas respectivas ofertas electorais á cidadanía galega nunha posición central. Fronte a un Feijóo xogando ao papel de líder dun partido antisistema, as tres forzas poderán reivindicarse como forzas democráticas, constitucionais e útiles para a cidadanía galega; fronte a un PP xogando a desmarcarse de Vox, as tres forzas da nosa esquerda nacional poderán denunciar as solidariedades constantes na deriva catastrofista, trumpista e antipluralista das dereitas españolas; fronte ao Partido histórico das elites extractivas en Galicia que pretende reconverterse á última hora en defensor do país fronte as aldraxes de Madrid, BNG, PSdG e Sumar poderán reivindicar amplamente as súas respectivas traxectorias como lexítimos defensores dos intereses nacionais galegos en Madrid.
Premisa fundamental para ocupar esa posición central será a autoconsciencia de as tres forzas partillaren tamén en Galicia o compromiso político estratéxico do "bloque histórico" da XV Lexislatura.
Só así, coa necesaria consciencia das solidariedades que as unen tamén en Galicia, será posible combinar con sensatez as súas diferenzas e as súas lexítimas tácticas políticas (incluída a decisión de Sumar sobre a presentación da súa oferta electoral nas catro circunscricións).
Unidade na estratexia fronte ao inimigo común, diversidade nas tácticas ao seu servizo: só así as esquerdas galegas poderán superar non só o primeiro chanzo (lograr o mínimo de 38 escanos no Hórreo), mais tamén os sucesivos chanzos da longa e ardua tarefa histórica que teñen por diante: substituír a hexemonía política do Partido Popular en Galicia pola súa propia.