"Rachemos coa dinámica estatal ou europea; o rural galego ten outras prioridades"

Roberto García sinala o prezo ínfimo dun cartón de leite © UnionsAgrarias

Roberto García foi reelixido o pasado venres como secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA) con máis do 93% dos votos, polo que seguirá ocupando un cargo no que leva xa desde 1987. O líder do sindicato aproveitou a clausura do noveno congreso nacional da organización para pedirlle ao PP e á Xunta desculpas polas "falsas acusacións" que uns e outros verteron a raíz dunha trama agraria que a xustiza demostrou que non era tal. Nesta entrevista, na que fai balance e mira ao futuro, prefire pasar páxina non sen antes aclarar todo o que había detrás daquela "denuncia política" que os populares teimaron en alongar e cuxas reaccións cotrastan coas que o Goberno galego e o partido que o sustenta ten agora doutras tramas con claros indicios de fraudes nas subvencións.

Vai camiño de cumprir trinta anos á fronte de UUAA. Cambiou moito a organización neste tempo?

Empezamos sendo a organización máis nova, aínda que fora unha refundación doutra dentro do seo UGT. Creámonos case ao tempo da entrada na UE e, de ser a organización máis cativa, pasamos a ser a de referencia, máis que por méritos persoais, por ser capaces de modernizar o sindicato. Neste congreso demos un paso máis para apostar por unha organizacion do rural, que vele polos dereitos básicos do agricultor como cidadán e como pequeno empresario e para axudar a fortalecer estrturuas de comercialización que permitan que o que paga o consumidor non quede por comisións no camiño, senón que sexa para remunerar o traballo dos labregos e que polo menos lles cubra os custos de produción.

"UUAA tivo olfacto para facer un cambio permanente que nos permite estar en primeira liña e ser unha organización de referencia"

Pero que ve cando mira cara atrás?

Vexo que non nos faltou o olfacto para facer un cambio permante que nos permite estar en primeira liña e ser unha organizacion de referencia no medio rural e que está a ser recoñecida por todos, incluído polo propio presidente da Xunta de Galicia, que estivo o outro día no noso congreso.

O sindicato cambiou, pero o rural galego tamén tería cambiado moito...

Houbo un dinamismo aproveitando o impulso financeiro e económico e a apertura de mercados pola UE. Pasouse en Galicia de explotacións lácteas que apenas chegaban a un millón de produción a producir o 40% do Estado. É certo tamén que foi en moitos casos en base a un endebedamento grande e cuns lastres que é necesario revolver nos proximos meses e anos se queremos seguir liderando o sector en España e en Europa. Temos que aproveitar as potencialidades que temos para abastecer o mercado español deficitario, pero non renunciando a colocar os produtos noutras zonas do mundo. Isto lévanos a resolver un problema como o de dar utilidade aos centos de hectáreas abandonadas e a buscar un proceso de incorporación de xente nova que dea o relevo xeracional a unha sociedade envellecida. Por iso son importanes medidas que incentiven, aproveitando os fondos comunitarios, a procura de fórmulas que permitan a dignificación da profesión. Ter marxe, por exemplo, para que haxa tempo libre, porque ese é un dos grandes problemas das explotacións gandeiras, nas que practicamente non hai horarios nin vacacións. E esa situación, por moi rendible que sexa o negocio, é moi difícil de presentárllela aos novos para que se instalen no rural.

"Temos que rachar coa dinámica de reproducir estratexias estatais ou europeas e establecer as prioridades para Galicia"

Supoño que tamén falta moito por facer por parte das administracións.

Temos que rachar unha dinámica que se veu dando até o de agora, que foi a de reproducir as estratexias a nivel do Estado e a nivel europeo. Temos que aproveitar a falta de consenso que supón a nova política agraria común, que permite que cada Estado a adapte ás súas necesidades, para establecer cales son as prioridades en Galicia.

E cales son?

As nosas prioridades non teñen por que coincidir coas de Francia ou as de Alemaña. Por exemplo, temos un porcentaxe moi cativo de hectáreas por explotación e, non obstante, temos moitas hectáreas abandonadas de xente que foi marchando ou xubilándose. Eu participo do plan da Xunta na que, sen tocar a propiedade privada, se pretenden aproveitar os mecanismos que hai para poñer terras a disposición dos agricultores ou gandeiros, ben sexa a través do banco de terras ou ben sexa a través do arrendamento. Pero habería que engadirlle algo máis: se isto non funciona pola vía voluntaria, habería que incentivalo a través de sancións ou da presión fiscal. A través do buenismo, até o de agora, vimos que cada ano van desaparecendo explotacións e cada vez hai máis propietarios urbanitas de terras abandonadas mentres os agricultores galegos teñen apenas 18 hectáreas por explotación, unha cifra moi lonxe da media do resto do Estado e de países como Francia, cos que inevitablemente imos competir nun mercado que prevé que as materias primas non só non vaian baixar de prezo, senón que se van manter ou subir. Daquela, incentivar a produción de alimentos por parte das explotaicóns ten que ser o noso sinal de identidade de cara ao futuro.

"Temos que poñer as terras abandonadas a disposición dos agricultores; se non se pode de forma voluntaria, será a través de sancións ou con presión fiscal"

Pediulle en público ao PP e ao presidente da Xunta desculpas polas acusacións falsas sobre aquela presunta trama agraria que non foi tal.

Eu non son quen para pedirlle responsabilidades políticas a Feijóo porque xa hai outros foros onde facelo, pero no congreso vinme obirgado a dicir e aclarar as cousas ante a xente do sindicato ou colaboradores que foron acusados durante cinco anos e das que se dubidou da súa honerabilidade de maneira constante. O PP, ao principio desde a oposición e logo desde o propio Goberno e xa tendo toda a documentación no seu poder, teimou en acusar malia que varios xuíces xa decretaran que non se cometera delito ningún. Pero eles recorrían permanentemente coma se quixesen manter sine die esa espada de Damocles enriba de Unións Agrarias. A Audiencia Provincial decidiu arquivar todo, pero antes, a xuíza de Santiago, que se encargou de todo o proceso de instrución, xa demostrou coas declaracións que ante ela se fixeron que non existía nin unha soa irregularidade que puidese dar cabida nin tan sequera a un procedemento administrativo. Lendo aquel auto, un esperaba que polo menos se escenificase que aquí un borrón e conta nova. E, sobre todo, esperábase que aqueles que adoitan pedir aos demais que fagan constrición pública ante as dúbidas que había sobre xente como o alcalde de Ferrol, actuasen en coherencia e fixesen o que lles piden aos demais.

"O PP e a Xunta recorrían constantemente para manter 'sine die' a espada de Damocles sobre Unións Agrarias"

Pero espera algunha desculpa pública por parte do PP?

Nós estamos satisfeitos co que ratificou a Audiencia e foi por iso polo que puidemos dicir abertamente no congreso que non cometeramos delito ningún e que aquel proceso tiña máis de político que de legal. A partir de aí, o que nos toca é traballar desde xa mesmo con este goberno, que foi o que elixiron os galegos. E farémolo con toda a nosa capacidade reivindicativa, pero tamén para co obxectivo de chegar a acordos que melloren a situación actual, que é realmente grave.

Contrasta a reacción do PP e á Xunta ante aquela suposta trama agraria coa que agora teñen con outras que parecen demostradas...

Sen dúbida ningunha. Estamos ante unha denuncia política que pola mañá facía o portavoz do PP, Rodríguez Miranda, e na que pola tarde actuaba ou mandaba actuar a Xunta, neste caso o señor Alfonso Rueda. Malia que os xuíces din constantemente que non hai delito ningún, o PP e o Goberno teimaban en persoarse tamén constantemente. Agora vemos como hai un xuíz que decide que si hai indicios delictivos noutros casos e todo o mundo pode comparar o comportamento de antes co de agora ao respecto de fraudes de subvencións.

"Todo o mundo pode comparar o comportamento do PP con nós e o que agora ten respecto dos indicios de fraudes de subvencións"

Insisto: agarda desculpas públicas?

No congreso eu necesitaba explicarlles aos delegados que representaban a 14.000 agricultaroes cal fora o proceso e á Xunta que non tiñamos nada que ocultar. E a partir do día 12, ese tema xa é historia. E non é que tivesemos dúbidas, senón que foi o tribunal quen nos dixo que non se podían derviar conseucncias legais ou penais contra Unións Agrarias nin contra ningún membro do sindicato.

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias CC-BY-SA Unións Agrarias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.