"Non hai nada máis revolucionario que chegar ao Goberno para mellorar a vida dos galegos e galegas". Este 1 de decembro Ana Pontón revalidou o liderado do BNG tras recibir a candidatura encabezada pola portavoz nacional un 84,14% dos votos da décimo oitava asemblea da formación, o que implica 16 dos 19 membros electos para a nova Executiva-.
A candidatura encabezada pola reelixida portavoz nacional obtivo un 84% de apoio nunha asemblea que avalou cun 92% o labor político da dirección
Unhas dez horas antes, no discurso inaugural do conclave, Pontón reivindicara o labor do equipo que encabeza dende 2016 ante as candidaturas O BNG en Movemento (12,35% dos votos e 2 membros na Executiva) e Alicerce (3,51%, 1 integrante da Executiva), pero tamén en gran ou maior medida, ante membros da súa propia e o que politicamente representa internamente. O labor do grupo de homes e -sobre todo- mulleres que colleron as rendas dun Bloque "desorientado e confuso", un barco "á deriva e con risco de afundir" que oito anos despois ten "máis impulso ca nunca" tras un "espectacular avance social e electoral".
Algo máis de 1.600 militantes votaron nunha cita asemblear que avalou o informe de xestión da dirección política encabezada por Pontón cun 92,37% dos sufraxios. E deu o seu visto e prace ao relatorio político para o novo período cun apoio do 96,77%.
"Non hai unha tarefa máis urxente e necesaria que acabar co réxime absolutista do PP", subliñou Pontón na clausura da asemblea nacional da formación
Neses textos a consecución do Goberno da Xunta é sinalado como "obxectivo básico" e a líder reelixida subliñou que, escasos meses despois de lograren o mellor resultado electoral da súa historia, "debémonos á esperanza do cambio político" porque "non hai unha tarefa máis urxente e necesaria que acabar co réxime absolutista do PP e conseguir que, por primeira vez na historia, haxa un Goberno na Xunta leal á nación galega". "O máis revolucionario que podemos facer polo país é gobernar, fagámolo posible entre todos e todas", subliñou e reiterou na clausura cara a fóra e cara a dentro.
O histórico "gobernemos nós a nosa terra" ecoou este domingo no compostelán Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia na voz dunha Pontón que advirte de que "hai trens que só pasan unha vez" e iso, asegura, é o que sucede ao Bloque coa posibilidade de encabezar a Xunta. A formación, resalta, está inmersa "nunha carreira de fondo" que ten "dos nervios ao PP e ao seu aparello de propaganda". Porque agora, advirte, o BNG non ten "límites".
A chave dos últimos anos, mantén Pontón foi despregar un política tan "firme" como "amable" e facelo "cun sorriso nos beizos". "Dende a firmeza aos nosos principios" e con "política nacionalista", resaltou nunha afirmación con obvias lecturas internas dentro dun discurso de clausura no que advertiu de que o "proceso de acumulación" que desemboca en San Caetano debe continuar. "Máis organización, máis traballo social" e tamén -subliña- "máis poder municipal" nas eleccións de 2027.
"Quen ordena no BNG é a militancia", resalta a líder soberanista, que apela a iren "máis alá" e seguiren "ensanchando a base social e electoral" coa "vista posta en 2028"
Eses comicios locais, defende, serán clave para un BNG que sae da súa asemblea "coa vista posta en 2028". Nese ano terían que celebrarse as seguintes eleccións galegas e o Bloque está agora "máis forte e preparado" para "salvagardar os servizos públicos", dar "futuro á xente moza", "construír un país feminista", "poñer fin á emerxencia lingüística" ou lograr "o status político de nación" para que "as decisións relevantes estean nas mans da cidadanía galega".
"Debatemos, votamos e eliximos" e agora "o que toca é traballar todos a unha" para "dentro de tres anos, poder dicir que o gran éxito que acadaremos foi froito" dunha asemblea que volveu demostra que "quen ordena no BNG é a militancia". Esa militancia, resaltara na apertura, é "individual" sen "discutir nin minusvalorar os colectivos". Polo que "todas e cada unha das persoas que forman o Bloque están en igualdade de condicións" e a todas corresponde asumir a "máxima actividade política", pediu.
"Toca ir máis alá" e "seguir ensanchando a base social e electoral" da que, mantén, é a "única alternativa real" a un PP que "aplicará o manual de sempre", consistente en tentar "debilitarnos, dividirnos, confundirnos e desanimarnos coas súas mentiras". Porque son moitos os "intereses na sombra empeñados en que nada cambie"