O BNG celebra este 1 de decembro en Santiago a súa décimo oitava Asemblea Nacional. Ten como pano de fondo as últimas eleccións galegas, nas que a formación soberanista logrou a representación parlamentaria máis ampla da súa historia. Tamén un plano orgánico sen incógnita ningunha a respecto da portavocía nacional, cargo no que Ana Pontón será elixida por cuarta vez, pero no que a concorrencia de ata tres candidaturas diferentes ao novo Consello Nacional é unha diferenza esencial a respecto da anterior cita.
A Asemblea Nacional deste 1 de decembro, marcada pola presentación de tres candidaturas distintas, debaterá un relatorio político que permite albiscar os obxectivos da formación dende o medio prazo aos horizontes estratéxicos
As principais referentes das candidaturas, dende a propia Pontón ata a deputada Noa Presas, número un da lista O BNG en Movemento -impulsada polo Movemento Arredista- esforzáronse nos últimos días en encadrar a existencia de máis dunha lista na "normalidade" e na "pluralidade" dunha formación frontista. Fixérono mentres a Unión do Povo Galego (UPG), cuxos membros comparten partido e candidatura coa portavoz nacional, lamentaba publicamente a ausencia dunha lista única cara a unha Asemblea Nacional da que, din, debe saír un Bloque "máis activo na batalla das ideas" cunha "dinámica interna máis colectiva e coral, afastada de calquera tentación presidencialista", afirman no que diversas voces leron como unha alusión directa a Pontón e a súa contorna política máis próxima.
En calquera caso, alén das candidaturas, da eventual posibilidade dun pacto de última hora e da correlación de forzas do novo Consello e Executiva Nacional, a cita asemblear terá sobre a mesa un relatorio político aprobado unanimemente polo Consello saínte. Un texto que permite albiscar os obxectivos e plans da que, por segunda lexislatura consecutiva, é segunda forza política do país. Dende o curto e o medio prazo aos horizontes estratéxicos
Os textos da asemblea sinalan a consecución do Goberno como clave para "mellorar as condicións de vida do pobo galego" e "transformar o sentimento de identidade galega da maioría da nosa poboación en decantación política nacionalista"
Os últimos resultados electorais, analizan, foron "históricos" e permitiron ao BNG "pasar dunha fase de resistencia" na que chegou a estar "en risco" a "propia pervivencia dun proxecto soberanista" a un "avance sen precedentes" que len como "unha grande oportunidade para traballar en fortalecer o proxecto nacionalista en todas as súas dimensións". Neste sentido, coidan que deben "continuar a acumular forzas e preparar a organización para asumir o liderado político e institucional do país".
As eleccións municipais de 2027, sinalan, deben ser o "novo chanzo para fortalecermos o BNG como alternativa de Goberno, lograrmos liderar o país e disputar a hexemonía política e social". Porque, evidencian, "chegar ao Goberno da Xunta é un obxectivo básico" tanto para "mellorar as condicións de vida do pobo galego" como para "incrementar a autoestima colectiva" e "transformar o sentimento de identidade galega da maioría da nosa poboación en decantación política nacionalista".
Neste sentido, observan como clave lograren unha "implantación territorial máis masiva que garanta unha maior introdución social do BNG". Así, por exemplo, defenden que a militancia do Bloque participe "de forma activa nos ámbitos asociativos que lle sexan máis próximos". "En concreto, no movemento veciñal, comunidades de montes, clubes e entidades deportivas, comisións de festas, asociacións de comerciantes, ANPAS, plataformas en defensa da sanidade, asociacións culturais, musicais, colectivos feministas, de recuperación da memoria histórica", exemplifican mentres observan as cidades e as súas contornas como áreas "cun gran potencial de medre electoral".
Os textos da asemblea instan a unha "implantación territorial máis masiva" que pase por accións como a implicación da militancia "nos ámbitos asociativos máis próximos", dende os movementos veciñais e culturais ás comisións de festas
Accións coma estas, explican, facilitarán dirixírense "á maioría social que se identifica sentimental ou politicamente con Galiza, que quere o seu país e ten que percibir que quen mellor defende os seus intereses é o nacionalismo galego". Tamén deben ter no albo, cren, "a maioría social que ve cada vez máis dificultadas as súas condicións de vida" en ámbitos como a vivenda ou os dereitos sociais, "situándonos como alternativa antagónica a un Goberno e a un modelo social ao servizo das elites económicas".
Con dous anos por diante sen -a priori- eleccións á vista, o BNG tamén analiza que é o momento de daren "un paso adiante na elaboración e maduración das nosas alternativas, priorizando propostas máis concretas" e "dotarnos dun mellor coñecemento da Administración, das súas posibilidades e das súas eivas e límites". Todo isto combinado, afirman, permitiran "consolidarnos como alternativa sólida de Goberno" e ao tempo, como "forza mobilizadora das esperanzas" da cidadanía.
Para chegar a esa "mudanza que Galiza merece e necesita" os documentos políticos da asemblea ven "fulcral seguirmos a fortalecer" unha organización que, subliñan, ten e mantén o "horizonte estratéxico do exercicio do dereito de autodeterminación, entendido como un proceso acumulativo de conquista de poder político e de parcelas de soberanía nacional". Porque todo este labor, resaltan, persegue lograr "unha Galiza orgullosa e dona de si, que rompa o marco de dependencia que nos impón o actual encadramento no Estado español e na Unión Europea, cun novo status político e un modelo de concerto económico, que permitan o desenvolvemento efectivo do autogoberno con rumbo á plena soberanía nacional e a construción da República da Galiza"