Tres candidaturas para a asemblea nacional do BNG

Ana Pontón, no plenario da XVI Asemblea Nacional, o pasado 2021 na Coruña CC-BY-NC-SA BNG

A XVIII Asemblea Nacional do BNG, ao contrario que a previa, non concluirá o vindeiro 1 de decembro en Santiago coa votación dunha única candidatura para o seu Consello Nacional e, por extensión, para a nova Executiva. O anterior conclave, no que a formación soberanista deu por superada a fase da "resistencia" e se propuxo "ser unha forza de maiorías" finalizou cun 99% de apoio á única lista sometida a votación, a encabezada por Ana Pontón. 

A deputada Noa Presas e o edil de Mos Gustavo Barcia encabezan senllas candidaturas alternativas á que lidera Ana Pontón

Desta volta, a candidatura liderada por quen previsiblemente será elixida por cuarta vez como portavoz nacional competirá con outras dúas. Unha delas, liderada por unha das deputadas máis activas do grupo parlamentario do Bloque, Noa Presas, dende a etapa en que a súa representación ficou reducida a 6 escanos. A outra lidéraa Gustavo Barcia, voceiro municipal do BNG de Mos.

Ana Pontón e Goretti Sanmartín, número 1 e 2 da candidatura que encabeza a portavoz nacional, con Noa Presas na estación ferroviaria compostelá nun acto previo ás eleccións galegas do pasado febreiro CC-BY-NC-SA BNG

Na lista que encabeza Pontón inclúense significativos nomes da representación institucional do BNG, así como da Executiva elixida tras a anterior asemblea. É o caso da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; dos vicevoceiros parlamentarios Olalla Rodil e Luís Bará, do deputado no Congreso e secretario xeral da UPG, Néstor Rego, da eurodeputada Ana Miranda ou do actual responsable de comunicación da Executiva, Xavier Campos.

A portavoz nacional resalta que pedirá "a confianza para avanzar na liña política que levou o BNG ao mellor momento da nosa historia"

Tras a difusión das candidaturas, Pontón resaltou a través dunha mensaxe nas redes sociais que "a militancia decide" na cita asemblear. "Pedireille a súa confianza para avanzar na liña política que levou o BNG ao mellor momento da nosa historia", subliñou, poñendo o foco nos avances electorais que situaron os nacionalistas nas últimas eleccións galegas con 25 escanos, a súa representación máis ampla no Parlamento.

A lista que encabeza Presas, baixo a denominación O BNG en Movemento, é impulsada dende o Movemento Arredista, que na anterior convocatoria participou da lista liderada por Pontón. Presentar unha candidatura alternativa, afirman, enmárcase na "normalidade dunha organización frontista" mais tamén na súa vontade de evidenciar posturas de seu tras un período no que "puidemos certificar numerosas diferenzas entre as nosas posicións organizativas e tácticas" e as da "liña oficialista" en aspectos como "non abandonar o discurso soberanista" ou "un aliñamento máis claro na defensa dos intereses da clase traballadora".

A secretaria xeral de Organización do BNG, Lucía López Sobrado, e o secretario de Comunicación, Xavier Campos, presentando o lema da XVII Asemblea Nacional do Bloque, este pasado 20 de novembro CC-BY-NC-SA BNG

A terceira candidatura é formulada baixo o nome Alicerce. Xunto ao devandito voceiro municipal de Mos, concorren militantes esencialmente das comarcas da Costa da Morte, O Morrazo e A Barbanza que ata o momento non ocuparon responsabilidades orgánicas de relevancia a nivel galego.

A actual Executiva sinala como obxectivos da asemblea "seguir ampliando a base social para liderar en 2027 a transformación dos concellos e en 2028, o Goberno galego"

Aínda que algunhas fontes apuntan a discrepancias na composición e representación e cotas partidarias nunha eventual candidatura única entre as causas de que á asemblea nacional do BNG concorra máis dunha lista, integrantes e dirixentes da formación soberanista resaltan tamén que, en ningún caso, o actual é un contexto equiparable a de conflitos internos pasados. Si o achegan, en maior medida, a unha dinámica máis propia dunha etapa de normalidade, na que a continuidade da organización non está en cuestión, como si chegou a estalo na pasada década.

A actual Executiva Nacional enmarca a asemblea do 1 de decembro "no mellor momento da historia" do BNG, no que avaliar o xeito de ampliaren un "caudal de apoio social como nunca antes tivera". Entre os obxectivos primordiais da cita, indican, está "seguir ampliando a súa base social para liderar en 2027 a transformación dos concellos e en 2028, o Goberno galego"

Candidaturas presentadas á XVIII Asemblea Nacional do BNG CC BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.