Feijóo tenta frear o escándalo da hepatite enviando o conselleiro de Sanidade ao Parlamento

Feijóo e Almuíña, nunha imaxe de arquivo © Xoán Crespo

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, tiña programada na súa axenda oficial deste martes unha visita ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol para inaugurar unha exposición fotográfica sobre o vixésimo quinto aniversario do Servizo Galego de Saúde. No entanto, apenas 40 minutos antes do acto a Xunta advertiu da súa anulación e, case ao mesmo tempo, anunciaba de que o conselleiro viña de solicitar unha comparecencia no Parlamento para "informar aos grupos" do "proceso de autorización dos tratamentos fronte á hepatite C", tentando así atallar a crise aberta pola investigación -antiga imputación- de dous cargos do Sergas por prevaricación e a acusación de homicidio imprudente formulada pola Fiscalía.

A publicación en eldiario.es e Praza.gal dos feitos que o Ministerio Público lle imputa ao Goberno galego trouxo consigo unha forte controversia política que no Parlamento galego se traduciu en esixencias de cesamentos e explicacións. Nomeadamente, PSdeG, AGE e BNG coincidiron en reclamar a comparecencia "urxente" de Alberto Núñez Feijóo, esixencia que no caso de Alternativa e Bloque leva aparellada tamén a de dimisión do propio presidente xunto aos dous cargos investigados. Dende o PP adiantábase xa o propio luns que esa comparecencia non se ía producir, se ben agora os conservadores optan por aliviar presión enviando ao conselleiro a responder pola xestión da súa antecesora.

Almuíña anuncia que comparecerá no Parlamento mentres a oposición esixe que o faga Feijóo

Vázquez Almuíña foi xa o encargado, o mesmo luns, de poñerlle voz á versión gobernamental do caso. Mentres a oposición vía constatada a súa alerta dos últimos anos, que "os recortes matan", o conselleiro indicaba ante a prensa que a acusación da Fiscalía, a primacía de criterios "orzamentarios" sobre as razóns clínicas, non se correspondía coa verdade. Os cargos agora investigados -antiga imputación- fixeron o seu labor "como tiña que facerse", asegurou, ao tempo que mantiña que os únicos criterios que "usaron" para autorizar ou denegar os tratamentos foron "clínicos" e sempre "con criterio, con responsabilidade". "Así o defenderán as persoas da Consellería que tiveron responsabilidade directa e que, para nós, fixeron un gran labor".

O conselleiro de Sanidade: "Os recortes non matan, matan as enfermidades"

Na mesma xornada e en declaracións á Cadena SER o conselleiro defendía dun xeito aínda máis ilustrativo a posición do Goberno. "Os recortes non matan, matan as enfermidades", proclamou case ao mesmo tempo que, en Madrid, Feijóo defendía unha tese semellante. Durante a súa intervención nun foro organizado polo xornal El Mundo o xefe do Executivo, sensiblemente molesto, trasladou a responsabilidade aos médicos ao tempo que restaba importancia á magnitude do caso. "Por dous ou tres pacientes, non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade", afirmou Feijóo, para quen resulta "un disparate" atribuírlle ao seu Executivo responsabilidades nos falecementos.

Un ton menos belixerante é o empregado este martes pola Xunta para anunciar a comparecencia de Vázquez Almuíña na cámara. "O Servizo Galego de Saúde -di na breve nota oficial- sempre aplicou os protocolos farmacoterapéuticos que establece o Ministerio de Sanidade para o Sistema Nacional de Saúde". O Sergas, abonda, actuou "en todo momento baixo o criterio clínico e garantindo a homoxeneidade e quidade no acceso aos novos tratamentos fronte á hepatite C". Esta versión contradí, non obstante, a incluída no procedemento xudicial, no que os informes achegados subliñan que varios médicos alertaron á Xunta de que se viran obrigados a prescribir fármacos "non axeitados" por non dispoñeren do Sovaldi no prazo que o solicitaran.

Feijóo e Almuíña, nunha imaxe de arquivo © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.